Arturo Fernández: "Hónrame que me vexan como sucesor de Xosé Ramón Gayoso"

Estase convertendo nun rostro emblemático da TVG. Tanto, que moitos veno como o sucesor de Gayoso, aínda que o presentador das Nogais agora só está pendente do seu propio sucesor, do neno que está a piques de nacer. Non pode estar máis feliz.
Arturo Fernández G fondo Ve
photo_camera O xornalista Arturo Fernández ten presentado varios programas na TVG. AEP

Cando era neno, que fantaseaba que ía ser cando medrara?
Científico! Gustábanme os experimentos de laboratorio, pero cos anos entendín que para ser científico hai que saber de matemáticas e eu multiplicaba 5x0 e dábame 5. Total, que me dediquei ao que se me daba menos mal, aínda que estou pensando que se 5x0 me daba cinco, quizais é que xa era un optimista. E sígoo sendo. 

De todos os programas da TVG, en cal lle gustaría máis estar?
Unha aventura curiosa sería presentar ‘O tempo’ e poder controlar cando vai chover e cando non, aínda que sería complicado e acabaríanme botando, porque «nunca chove a gusto de todos».

Moitos veno como o sucesor de Gayoso, gustaríalle?
A verdade é que mo din moito e é unha honra, pero tendo en conta que vou ser pai en breve, o que máis me preocupa agora é o meu sucesor, non o de Gayoso. Vaise chamar Mauro, como o meu irmán, e estou feliz. De Gayoso, ademais do talento, gustaríame herdar as súas gravatas. 

Que adxectivos o definen?
Positivo, alegre, retranqueiro, despistado selectivo, filloeiro e, por suposto, galego de corazón. A pesar de que a vida me golpeou duro varias veces, síntome afortunado. Falo de patrimonio humano, porque o outro patrimonio váiseme da conta con facilidade.  

O mellor para empezar o día...
Durmir ben, adestrar e facer unha ducha de contrastes con auga fría e quente. Saes da ducha máis esperto que se tiveras un galo na cabeceira da cama. 

Que tres persoeiros galegos vivos citaría como referentes?
Admiro a moita xente, pero á hora de ter referentes quédome cos meus. A miña nai, o meu irmán, a miña parella... En canto a fixarse en persoas exitosas, sempre pensei que cada un ten que facer o seu camiño e como dixo Andrés Dobarro: «O tren vai andando, pasiño a pasiño e vaime levando cara o meu destino».

Fóra de Galicia, hai algún lugar no que se sinta como na casa?
Moitos, pero creo que os lugares fanos as persoas e nunca fun a un sitio só polo lugar. Para min prima a compañía que levo ou a xente que estea alí. Basicamente, adáptome en calquera sitio onde a compañía sexa boa e onde me deixen cantar o ‘Miudiño’ sen chamar á Policía.

Un plan para desconectar?
Unha ruta a pé ou en bici mentres practico a milenaria técnica de ignorar o móbil.

É máis de festival ou de verbena?
De verbena, pero para plans únicos: a foliada. Toco (non ben, pero algo fago) o acordeón e a gaita e cando consigo xuntarme con amigos ou familia, sacamos instrumentos e montamos foliada. É o plan perfecto para min. 

Prefire un bo viño ou unha cervexa fresquiña?
Un bo viño, pero teño unha relación complicada con él, porque ás veces dábame unha ‘alerxia’ un pouco vacilona. Se o tomaba branco poñíaseme vermello o nariz, e se o tomaba tinto poñíanseme vermellas a frente e as fazulas. Os meus amigos sempre riron moito con iso, así que nas citas non pedía viño e optaba pola cervexa. Agora gústame todo. 

Na mesa, pérdeo un bo…
Prato de polbo á feira, que é o Tinder da gastronomía galega: sempre acaba en match.

Pasará por As Nogais para tomar o cocido de Entroido?
Paso por As Nogais sempre que podo, unha ou dúas veces ao mes e é un paraíso, pero o mellor cocido do mundo é o que fai a miña nai en Mera. Irei onde ela e disfrazareime do mesmo que todos os anos: de comensal insaciable! 

Cando lle toca cociñar, cal é a súa especialidade?
No día a día dinme que son un gran cociñeiro, pero de botes e conxelados. Teño unha habilidade especial para mesturar ingredientes en botes e que quede decente. 

Se puidera viaxar no tempo, onde e cando aparecería?
Daría un paseíño pola muralla de Lugo segundo a acabaran de facer, vela nova do trinque. Logo marcharía ao futuro, ao día seguinte do sorteo da lotaría de Nadal. Memorizaría todo ben e volvería ao presente, aínda que coa miña memoria non pasaría da pedrea. 

Que defectos alleos soporta peor?
Teño tantos defectos que os que peor levo son os meus, así que intento non xulgar. O que peor me pode sentar son faltas que afectan aos demais: falta de humanidade, de humildade, de honestidade… e falta de retranca! Cando estou nunha conversa e non entenden a retranca desespérome. 

Sabe a quen vai votar?
Téñoo claro e sempre penso que é unha sorte poder exercer ese dereito. Na miña casa discutimos tanto como desfrutamos da discusión e sempre acabamos rindo. A política máis importante para nós é a da casa. 

Que pregunta non lle fixen e lle gustaría responder?
Gustaríame que me tiveras preguntado: Arturo, como é posible que sexas tan irrestiblemente atractivo, intelixente e adorable? Pero se preguntas iso, está claro que o entrevistado non podería ser eu. 

Comentarios