A historia resucita

Francis Fukuyama rectifica o anuncio que fixera de que a historia se estabilizaba nun enorme ensaio sobre a evolución do poder político

SE ESTE crítico se pode considerar friki dalgo que non sexa o seu traballo, deporte á marxe, é da xeopolítica e a historia. Quizais por iso nunca me caeu demasiado ben Francis Fukuyama. Un autor con fama de neoconservador e que fixo fortuna grazas a un best seller titulado O fin da historia non encaixaba demasiado comigo, aínda que a súa influencia fose innegábel. Segundo Fukuyama grazas ás democracias liberais rematarían as guerras e revolucións, o que significaría o final da historia.

Todo o mundo ten dereito a errar e os autores de fama mundial tamén o teñen. O politólogo de orixe xaponesa defendeu esta tese xusto tras a caída do Muro de Berlín e o triunfo político do conservadorismo de Ronald Reagan. Anos despois a deriva neocón e, sobre todo, a actuación dos Estados Unidos en Oriente Próximo fixeron que abandonase esas posicións e pasase a un enfoque con menos tese, máis exposición e máis simpatía cara outras correntes políticas e formas de organizar a vida comunal. Froito desta evolución son dos dous enormes volumes de Los orígenes del orden político que publica agora en España a Editorial Deusto. O primeiro abrangue dende a Prehistoria ata a Revolución Francesa e o segundo ata actualidade. Pola densidade e complexidade dos asuntos tratados permitiranme que só trate o primeiro e deixe en promesa ocuparme do segundo.

Ao final, a historia sempre resucita porque a necesitamos para explicarnos a nós mesmos e é unha sorte que alguén cunha erudición tan enorme como Fukuyama se teña decatado diso e teña abandonado os postulados de Samuel Huntington, construídos para xustificar a guerra de civilizacións proposta pola dereita estadounidense hai décadas. Así podemos disfrutar dunha análise que mestura en doses xustas política, economía, dereito e —por suposto— historia cunha tese básica: a orde política non naceu en Europa senón en China, malia que iso non supoña unha exportación directa.

Francis Fukuyama comeza nas tribos e bandas e trata de explicar como os seres humanos conseguiron darse a si mesmos institucións que permiten o goberno de millóns de persoas. Contra a habitual práctica, o autor atopa unha mellor explicación en China que no Imperio Romano, que de feito, como ben explica, non triunfou como modelo político, a pesares da súa indubidábel pegada nos eidos cultural e legal.

Matino que a meirande parte de vostedes non estarán demasiado familiarizados coa historia de China. Asegúrolles que é un tema apaixonante e cada vez máis necesario para entender o que somos. Cando o oso papou a Favila, que non sabemos que facía de paseo polos montes de Asturias, había máis dun século que existían os exames de funcionarios en China, uns exames cuxa primeira introdución databa da dinastía Han: 900 anos antes.

A orde política do xigante oriental leva tantos séculos sendo sólida que ningún dos pobos que conquistaron o territorio se molestaron en cambiala esencialmente. Dedicáronse a gobernar unha estrutura existente e aproveitar as súas riquezas. Fukuyama repasa esta historia de funcionarios e emperadores, cultura e xeopolítica, e traza paralelismos co outro xigante asiático, a India, para que podamos entender a evolución de ambos países e as diferencias dos réximes.

Porén, a cultura política chinesa non se estendeu a Occidente. Nunca saberemos que tería pasado se Zheng He tivera viaxado alén do Índico e fundado a idade das navegacións leste-oeste. En lugar disto o mundo quedou invadido polo patrimonialismo europeo, o principio de legalidade e a responsabilidade política tal e como se entenden en Europa e como Fukuyama explica en capítulos imprescindíbeis, que mesturan erudición e capacidade para a síntese. Europa impuxo a súa orde política e non sempre con éxito, como demostran as pseudodemocracias latinoamericanas e as mesmas vacilacións europeas. Os últimos capítulos abren a porta a unha segunda parte máis centrada no binomio Estados Unidos-Europa e pisan camiños máis coñecidos, tanto no político coma no filosófico, para construír unha obra tan enorme como imprescindíbel para calquera aspirante a coñecer o funcionamento da nosa sociedade.

Comentarios