Wikileaks, candidata a un 'José Couso' por la libertad de prensa

Cinco candidaturas concurren este ano á VII Edición do Premio José Couso, unha iniciativa que recoñece a traxectoria profesional dos candidatos, en defensa da liberdade de prensa, e que pretende manter na memoria ao cámara ferrolán, asasinado durante a invasión estadounidense de Iraq. Os nomes propostos para esta sétima edición son Cesar Hildebrand, o xornal La Repubblica, Rosa María Molló, Ana Pastor e WikiLeaks. Desde este xoves fica aberto o prazo de votacións para elixir o gañador.

A José Couso disparáronlle o 8 de abril do 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos dunha canle de televisión privada española. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucrainiano Taras Protsyuk.

Os organizadores destes Premios queren personalizar na figura do ferrolán a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos no seu traballo como informadores.

O fallo do xurado darase a coñecer o vindeiro 8 de abril --o mesmo día no que se cumpren oito anos do asasinato de Couso--, e o galardón entregarase o 5 de maio, nun acto que se celebrará na cidade departamental. Na última edición os premiados foron os xornalistas da Cadena Ser Daniel Anido e Rodolfo Irago, que compartían candidatura cos compañeiros de profesión Manuel Rivas e Enric González, así coma con Kurt Westergaard, autor das famosas caricaturas de Mahoma polas que fora ameazado de morte.


PEQUENA RESEÑA DOS CANDIDATOS
César Hildebrant está considerado un dos xornalistas máis importantes do Perú no últimos trinta anos e un dos de maior credibilidade. Os seus primeiros pasos foron nos xornais Expreso, Correo e Última Hora; foi xefe de informativos no semanario Caretas e dirixiu a revista Sí e o xornal Liberación. Na televisión presentou os programas máis importantes de xornalismo político e tamén en radio. Regresou á prensa escrita en abril de 2010 con Hildebrandt en sus trece, xornal independente e financiado exclusivamente polos seus lectores e seguidores.

O xornal La Repubblica, dirixido na actualidade por Ezio Mauro, é un dos máis importantes diarios italianos de información xeral que se imprime e edita en Roma, e ademais, o único que ten unha ampla difusión en toda Italia. Foi fundado nesta cidade en 1976 polo Grupo Espresso, liderado por Eugenio Scalfari e Carlo Caracciolo, e o Grupo Mondadori. Dende fai algún tempo mantén unha posición crítica contra o goberno italiano, o que lle está acarreou diversos conflitos. En 2009, e despois do inicio de acción legais do presidente Berlusconi contra o diario, La Repubblica publicaba que o ataque do que era obxecto "é interpretable só como unha tentación de reducir ao silencio a liberdade de prensa, de anestesiar á opinión pública, de illar da circulación internacional a información, en definitiva de facer do noso país unha excepción da democracia".

Rosa María Molló traballa en TVE desde 1989. Empezou no Centro Territorial de Cataluña como reporteira e despois editora, codirectora de programas de actualidade e presentadora de espazos de debate e de Informativos diarios. En 2001 foi unha das enviadas especiais de TVE á guerra de Afganistán e ao seu regreso entrou a formar parte do equipo de investigación do programa Línea 900. En 2008 tomou a corresponsalía de Pequín que deixara. Actualmente está de enviada especial no Cairo, no que sufriu, entre outros xornalistas, ás agresións dos dos partidarios de Mubarak, e nos países musulmáns onde se están a producir revoltas populares.

A xornalista madrileña Ana Pastor desenvolve o seu traballo na televisión pública española, onde presenta dende 2009 Los desayunos de TVE, espazo que conseguiu unha gran aceptación entre o público, líder na súa franxa horaria en outubro do 2010. Traballou en prensa escrita, televisión, en RNE e na axencia Efe. En 1999 comezou a traballar para a Cadena Ser. Alí formou parte do equipo de Iñaki Gabilondo e especializouse en información internacional. Foi enviada especial no desastre no tsunami do sueste asiático e nos atentados do 7-X de Londres, e cubriu informacións en Paquistán, Afganistán, Níxer, Senegal, Guinea Ecuatorial, Gambia, Liberia e Serra Leona.

A ultima candidata é a organización internacional sen ánimo de lucro WikiLeaks, que foi creada en 2006 polo australiano Julian Assange, e ten por obxectivo proporcionar ás cidadáns noticias e informacións importantes que consegue grazas a filtracións ás que ofrece total anonimato e que publica a través do seu sitio web. En outubro de 2010 fai público os Documentos da Guerra de Iraq, pero é en novembro do mesmo ano cando se produce a maior filtración de documentos secretos da hisoria. Trátase dunha colección de 251.187 cables ou comunicacións entre o Departamento de Estado estadounidense coas súas embaixadas por todo o mundo (United States diplomatic cables leak, Cablegate ou Secret US Embassy Cables) que WikiLeaks proporcionou aos diarios The Guardian, The New York Times, Le Monde, El País e ao semanario Der Spiegel. Dende eso momento producese un bloqueo á web de Assange.

Comentarios