Hamlet é para mal

Non sei por que Shakespeare escribiu Hamlet. Non sei por que a xente escribe. Sei por que le a xente e que este personaxe que pasou por Lugo se converteu nun espello no que acaban por comentarse todas as desculpas. Porque Hamlet é para mal pero el non ten culpa. Só é a imaxe que o espello nos devolve cando nos asomamos.

Acusan a William Shakespeare de adiantarse ao seu tempo mentres describía amores ridículos e un uso da violencia política que máis que vangarda de maneiras é unha constante histórica. Acusan a Shakespeare de adiantarse ao seu tempo para cargalo con esa responsabilidade, igual que goberno en funcións e oposicións se acusan da non acción. Igual que as oposicións se acusan entre elas de deixar a un país sen goberno. O común da contemporaneidade é a acusación. Niso o dramaturgo non se adiantou. Nas súas obras, en canto alguén se sae do marcado é inmediatamente atravesado por todo tipo de armas punzantes. As acusacións aquí son, en realidade, metáforas da violencia.

No que quizais si se adiantou Shakespeare foi no retrato dun perfil tan contemporáneo que está repartido por todo Occidente: o adolescente tardío. O Festival de Teatro Clásico de Lugo tivo un Hamlet na programación como unha demostración máis de que as coordenadas dos clásicos son limitadas. A Hamlet pásalle como ao Yesterday de The Beatles, a obra está impoluta incluso nos seus defectos, pero os espectadores poden padecer a fatiga da exposición permanente. Hai que retirarse unha temporada para volver a elas e percibir algúns asombros.

Hamlet foi un adolescente tardío. En lugar de madurar e facer política como calquera outro príncipe herdeiro cun traballo fixo asegurado, en lugar de pactar o seu futuro co seu padrasto, entrou en furia porque o fantasma do seu pai reclamaba vinganza desde ese lugar intermedio no que viven os non mortos sen vida. E con esa furia e o maliciar tan propio de xente que estudou sen ganas coas rendas dos seus pais, ideou un plan moi político: en lugar de acusar directamente a ese rei que era tío seu e, ao tempo, novo marido da súa nai, asediouno con sospeitas, indirectas e compañías de teatro e polo camiño, en lugar de singular combate entre parentes, foi sacrificando amizades, secretarios, ministros, a saúde da súa nai e a vida de Ofelia. Logo tamén se sacrifica el, pero xa non está claro se é por melancolía nórdica, porque se anunciaba unha forma púbere do romanticismo ou por se resultaba inaceptable que alguén que causou tanta morte acabase a obra vivo e coroado. Hamlet tiña un plan. Non era un louco, nin alguén cun desvarío. Era un político tentando borrar as pegadas das manobras para recuperar o trono.

Pero a contemporaneidade non quixo aceptar que un protagonista fose mala persoa e comezou a buscar desculpas por el. A especie humana é gregaria e ten problemas para mirar mal a quen está no cumio da pirámide. Por iso a reverencia ao poder, por iso preferimos votar caras que programas. Hamlet non era de esquerdas, nin da marea, nin socialdemócrata sequera. Pero fomos buscándolle as voltas e demos cunha desculpa estupenda para pensar que non había maldade nas súas accións.

A James Bond, outro inglés protagonista, pasoulle como a Hamlet. Ao longo das últimas décadas o personaxe foi tendo máis músculo e menos intelixencia. Cambiou o british style por unha mestura de brutalidade americana e eficacia alemá. Ten o mesmo o coche, pero nada máis. Poñamos que o músculo e a violencia foi a desculpa que encontrou Hollywood para manter vivo a Bond, James Bond. E a loucura foi o músculo que encontrou o século XX para xustificar a Hamlet. Pero segundo pasou o século, ‘loucura’ converteuse nunha palabra bastarda porque tamén valía para desactivar a
Napoleón ou para desentenderse de Hitler. Fómoslle poñendo a este adolescente que resiste a maduración todas as desordes dunha contemporaneidade que non coñeceu: a angustia da novela existencial, a violencia dos rebeldes e ata un flirt con algunhas formas de fascismo. Todo menos explicar Hamlet desde a maldade do ser humano. Pero este evitar explicalo así non é inocente. Os académicos saben que Hamlet explica o ser humano, non pode ser que Hamlet sexa malo.

Para Álvaro Cunqueiro Hamlet non podía ser para mal. En lugar de teorizar como Lacan decidiu actuar como un galego. Púxose a traballar sobre o asunto sen ánimo, desde logo, de emendar o amo. No seu Don Hamlet, Cunqueiro amaña a historia porque non podía asumir que un personaxe tan central na historia literaria tivese un proceder tan brutal.

Cunqueiro foi un fabulador na prosa e un realista no drama. Un realista histórico. Tomou a Shakespeare como verdade e temperou todas esas maldades propias das monarquías nórdicas. Suavizou o papel da nai e encarrilou a Hamlet nun espazo que era máis propio das vítimas que dos herdeiros dos tronos. Cunqueiro cambioulle a polaridade ao príncipe. O personaxe puido gañar, pero o retrato do home moderno perdeu claridade.

Quizais Shakespeare non pensou todo o que escribiu. Pensou que Dinamarca estaba suficientemente lonxe de Londres como para que alguén tomase as frases de Hamlet como un documental político. Quizais, como todos os cómicos, foi un disimulador e sabía que un príncipe ten que preferir matar que perder o trono. Tamén é verdade que Hamlet, despois de oitenta páxinas de falar, advirte mentres morre que o resto é silencio. Pero nós nunca deixamos de falar.

Comentarios