¿Galicia consume menos energía si cambia la hora?

Chegamos á última fin de semana de marzo e, como vén sendo habitual nestas datas, os reloxos adiántanse unha hora ás dúas da madrugada do domingo para adaptarse ao horario de verán. Esta medida aplícase en tódolos países da Unión Europea de xeito indefinido dende o ano 2001 en virtude dun aforro enerxético que o Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético cifra en 300 millóns de euros.

Pola súa banda, o Ministerio de Industria afirma que, tanto esta modificación do horario como a que se realiza no mes de outubro, favorecen a programación e o funcionamento a longo prazo dos transportes, as comunicacións e outros ramos da industria. Mentres, algúns estudos sinalan que tamén ten influencia na saúde, o ocio, o turismo ou os hábitos de vida.
 
No caso galego este asunto non está exento de polémica. O BNG aprobaba por unanimidade nunha asemblea no ano 2006 unha emenda  ao seu documento de tese na que reclamaba aplicar un fuso horario galego á súa hora natural, o mesmo que Portugal, o Reino Unido ou Canarias. Os nacionalistas baseáronse en que Galicia comparte o mesmo fuso horario que os territorios citados, nos que hai unha hora de diferenza co Estado Español.
 
O peso de Hitler
O establecemento do actual sistema para situar os 24 fusos horarios do planeta xurdiu da necesidade de estandarizar a hora civil e a hora solar a finais do século XIX. O enxeñeiro escocés Sanford Fleming foi quen propuxo a idea e, tras varios anos de debate, na Conferencia Internacional do Meridiano --celebrada en Washington en 1884-- os 25 países asistentes decidiron que o Meridiano Cero, que serviría de base para establecer todas as horas do planeta fose o de Greenwich. Asignóuselle o fuso horario cero e a hora coñécese como GMT ou tempo medio de Greenwich (Greenwich Mean Time, polas súas siglas en inglés), desde a que se suman horas en dirección leste e oeste.
 
A maior parte da Península Ibérica está situada neste meridiano pero o seu papel de referente durou pouco. Durante a II Guerra Mundial, os países europeos chegaron ao acordo de adoptar a hora alemá, do meridiano de Berlín, é dicir GMT +1. Segundo explica o voceiro daquela emenda da asemblea do BNG, Lito Prado, ''Franco modificou o fuso horario de referencia por facer unha aproximación á Alemaña nazi''. Desta maneira, o Estado Español deixou de ter o horario que lle correspondía segundo a súa posición solar, tendo en conta as decisións tomadas na conferencia de Washington.
 
O decreto do cambio horario decidido polo ditador fíxose de xeito provisional, segundo se dixo naquela altura, pero 70 anos despois seguimos baixo a súa influencia. Lito Prado insiste en que ''todo o estado menos Cataluña (que si é atravesada polo meridiano de Berlín) debería vivir unha hora por detrás'' pero aclara que ''eu non vou intervir en como queren vivir os de León ou os de Zamora porque a min o que me interesa é Galicia''.
 
Aforro enerxético ''mínimo''
Deste xeito, Lito Prado sinala que o aforro enerxético que experimenta Galicia co cambio de hora é ''mínimo'' e que está lonxe do 5% que se estima que suporá. Defende Prado que ''temos horarios irracionais. En ningún país de Europa é de día ás dez (22:00 horas)''. O membro da formación frontista vai máis aló e fala de ''cambiar o modelo horario'' para que, por exemplo, a xente saia antes de traballar. Cita o caso do comercio e afirma que ''se para tres horas ao día. En Europa a hora de comer dura moito menos e poden saír ás seis da tarde'', sentenza.
 
O militante do BNG sostén que a súa proposta obedece a ''criterios racionais, ecolóxicos e sensibles co medio ambiente'', mentres que os que no seu día se opuxeron frontalmente a unha medida deste tipo esgrimen ''argumentos políticos''. Lito Prado apunta directamente ao Partido Popular ao afirmar que nesta formación ''sacan todo de quicio'' porque son ''uns negados que non queren ver máis alá dos seus intereses''. De feito, no seu día, o cuestionamento do fuso horario galego tivo gran repercusión mediática e o que naquela altura era locutor estrela da Cadena Cope, Federico Jiménez Losantos tachou a Prado de ''iluminado que quere romper España''.
 
Outras argumentacións opostas ao cambio do fuso horario galego sosteñen que o que se aforraría con ese cambio en enerxía, gastaríase polas dificultades xurdidas á hora de coordinalo. Lito Prado afirma que esta idea queda ''desmontada'' tendo en conta que ''se non producise aforro, ninguén cambiaría a hora'' e sinala ademais que ''a eurorrexión que máis volume de negocio produce é Galicia-Norte de Portugal'' e teñen horarios diferentes.
 
Sexan intereses políticos ou económicos os que impiden profundar no estudo desta cuestión nos círculos onde se toman as decisións importantes, o debate segue a pé de rúa porque hai moitos que cren que éstas, non son horas.

Comentarios