Feijóo al BNG: ''Galicia no tiene que pedirles permiso para hablar gallego o castellano''

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a proposta dun decreto do galego nas aulas ''con liberdade, dereitos lingüísticos e multilingüe'' e avisou ao BNG de que ''ao igual que o da 'letra con sangue entra' non é verdade, o galego con imposición tampouco entra''. ''Galicia non lle ten que pedir permiso ao BNG para falar en galego ou en castelán'', proclamou en resposta ao portavoz parlamentario nacionalista, Carlos Aymerich, quen lle reprochou que ''confunde a cordialidade co desprezo ao galego''.

Na sesión de control do pleno do Parlamento, Feijóo reiterou que o decreto do galego na educación será presentado nos próximos días e resaltou que, a diferenza do realizado co do bipartito, ''consultaremos o borrador tanto coa Real Academia Galega como co Consello da Cultura Galega''. Ademais, criticou ao BNG por alentar ''sorprendentes'' manifestacións ''preventivas'' contra o Goberno galego, unha delas ''antes de tomar posesión'' e outra --a do 18 de outubro, á que acudiron 50.000 persoas segundo indicou Aymerich-- ''antes de tomar unha decisión'' respecto diso.

''Pero a máis importante é a manifestación masiva, democrática e silenciosa das urnas, e non se pode agochar'', argumentou o presidente autonómico, recuperando a proclama de que ''os galegos rexeitaron nas urnas o decreto nacionalista apoiado polos socialistas'' e reclamando ''moderación'' ao portavoz do BNG porque ''se vostedes queren un decreto monolingüe, é moi difícil o consenso''.

O presidente galego advertiu ao grupo nacionalista de que non fixeran ''ningún favor ao galego nestes anos'' e incidiu en que ''non foi o PP o que rachou o consenso lingüístico'' senón un ''decreto unilateral'' aprobado na pasada lexislatura. Fronte ás súas críticas, o portavoz parlamentario nacionalista convidou o presidente da Xunta a ''abandonar a belixerancia contra o noso país'' e a ''comprometerse a traballar de verdade para volver ao consenso''. ''Un pode ser de dereitas ou de esquerdas pero ninguén debería cuspir na man que lle dá de comer nen atacar o país que xustifica a súa posición institucional'', reprochou o deputado do BNG, quen citou a Uxío Novoneyra para resaltar que ''desprezar a lingua é a forma da nación''.

''Rexeitar Galiza''

Pola súa banda, o presidente galego aproveitou o debate para instar ao BNG a, se están ''dacordo en cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galicia'', comezar ''polo menos en poñerse dacordo no nome do país''. Así, pediu aos deputados nacionalistas que ''rexeiten Galiza'' --forma aceptada pola Academia pero non topónimo oficial-- e ''admitan ao conxunto da cidadanía que nos chamamos Galicia''.

Así mesmo, e mentres Aymerich criticou a supresión da proba de galego nas oposicións de acceso á Xunta --''vostede fala de cordialidade en Andalucía porque para os andaluces é cordial se queren acceder a un posto de traballo aquí'', recriminou--, Feijóo resaltou que o coñecemento do galego si é necesario e lembrou que se recuperou a dinámica seguida nos 20 anos anteriores.

O portavoz nacionalista tamén criticou que non se valore o coñecemento do galego nas avaliacións para determinar a concesión de estancias formativas para profesores no estranxeiro e lamentou que o Goberno galego non atenda á petición de recuperación do consenso trasladada polo Consello da Cultura Galega.

Aviso da Mesa

Ante a inminente presentación dun novo decreto de uso do galego no ensino non universitario, A Mesa pola Normalización Lingüística advertiu ao goberno autonómico, mediante un comunicado, de que ''calquera proposta que vaia por debaixo do 50% de docencia no idioma propio do país será nula de pleno dereito, xa que vulnerará a Lei de normalización lingüística''.

A plataforma defensora da lingua galega lembra que a norma aprobada en 1983, considerada de desenvolvemento estatutario, estabelece no seu artigo 13.2 que ''as Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino''. Dende A Mesa afirman que  ''iso significa que calquera proposta de decreto que sexa regresiva será directamente inválida. Cómpre lembrar, ademais, que o propio presidente da Xunta sinalou a semana pasada que a proposta que presenten estará de acordo coa Lei de normalización lingüística''.

A Mesa considera que o goberno de Núñez Feijóo se encontra con outros obstáculos no seu ''ataque contra a nosa lingua no ensino''. Por unha banda, que ''é obriga dos poderes públicos garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa coas competencias comunicativas tanto de galego como de castelán''. ''Diferentes estudos demostran que no caso do galego iso non se está a conseguir, polo que non tería sustento legal que se producise unha redución da presenza do idioma desfavorecido'', apuntan desde a asociación, que remite por exemplo ás últimas enquisas elaboradas pola Real Academia Galega e a propia Xunta, así como aos datos do censo de poboación e vivendas.

Desde a asociación en defensa do idioma manifestan a súa ''convicción plena'' de que ''calquera proposta regresiva será tombada polos tribunais''. Ademais, apuntan que a desprotección do galego no sistema educativo tamén conlevaría unha condena internacional, xa que ''os tratados sobre dereitos lingüísicos asinados polo Estado español sinalan un camiño claro de restauración dos idiomas propios, que ningún goberno democrático pode saltarse unilateralmente''.

Comentarios