Familias en plural

Son tan diversas como fogares hai e normalizar as diferenzas é o primeiro paso para valorar a riqueza social que cada unha xera
Familia-gay web
photo_camera Un neno, de paseo cos seus pais. EP

O 15 de maio celébrase o Día da Familia e este ano cadra nun momento propicio. O Goberno vén de aprobar a nova Lei de Familias co obxectivo de recoñecer a diversidade dos fogares e de ofrecer protección económica e social para garantir a igualdade de dereitos. O texto foi aprobado o 28 de marzo e entrará en vigor en breve, cando se publique no Boletín Oficial do Estado.

As novidades máis salientables desta lei afectan ao ámbito laboral e pretenden facilitar a conciliación de traballo e coidado familiar. Recoñece para os traballadores novos permisos destinados ao coidado de familiares, como cinco días retribuídos ao ano en caso de enfermidade ou hospitalización, catro días por motivos familiares urxentes ou unha ausencia de ata oito semanas, neste caso non retribuída, por coidado de fillos menores de oito anos.

A Lei de Familias equipara as variadas estruturas familiares ao matrimonio con fillos estándar

No ámbito social, elimina a denominación de familia numerosa e substitúea pola de familia con maiores necesidades de apoio á crianza. Os lexisladores pretenden deste xeito poñer o foco nas necesidades de atención dos membros da familia e non só no número de persoas que a compoñan. Como novidade, súmanse a este grupo as familias monoparentais con dous fillos, para equiparar os seus dereitos cos das familias nas que hai un só proxenitor viúvo, que xa tiñan a consideración de familia numerosa con anterioridade.

No ámbito económico, destaca a extensión da chamada prestación por crianza a todas as familias con nenos menores de tres anos, que ata agora só recibían os pais en activo. Isto supón unha bonificación de 1.200 euros anuais que se pode percibir fraccionada cada mes ou por xunto no momento da declaración do IRPF.

Diversidade

Pero á marxe das consideracións económicas, laborais ou sociais. A gran novidade da Lei de Familia é que pon nome á diversidade. Recoñece por escrito que o modelo tradicional de familia está superado e que existen múltiples estruturas familiares que supoñen un avance social e un valor a protexer. O texto non descubre nada novo, só é unha constatación sobre papel legal da diversidade que sempre existiu nos fogares e que agora se ve recoñecida e ata clasificada en ducia e media de tipos de familia que pretenden compendiar unha realidade múltiple.

Promove medidas para garantir os dereitos de todas as familias e facilitar a conciliación laboral

 

Este recoñecemento non ten un beneficio palpable, pero si supón un avance social. Contribúe a normalizar unha diversidade que noutros tempos foi ata perseguida e en moitos ámbitos aínda se ve con reservas.

María Xosé Lamas. C.PÉREZ
María Xosé Lamas. C.PÉREZ

Un exemplo

Esta é precisamente a percepción de María Xosé Lamas, mestra, escritora e investigadora de Vilalba que casou dúas veces, ten un fillo de cada un deses matrimonios e comparte vida coa súa terceira parella e a filla del, que tamén considera súa a todos os efectos.

María Xosé Lamas foi unha das primeiras persoas que solicitaron o divorcio en Vilalba. "Divorcieime no 1986 e creo que fun das tres primeiras da Terra Chá", lembra.

Casou moi nova, aos 19 anos. "Tivemos que pasar polo aro porque queriamos vivir xuntos e daquela non se podía se non había un matrimonio previo", comenta. "Aos 23 tiven un fillo e cando o neno tiña ano e medio divorcieime. Medramos por camiños diferentes, non vía saída para a parellae, explica, e engade que hoxe non tería casado porque a sociedade evolucionou e "poderiamos ter vivido xuntos sen necesidade dese trámite, poderiamos ter un fillo sen estar casados e aforrariamos un proceso de divorcio".

A separación foi consensuada e acordaron que non habería compensación económica algunha. María Xosé Lamas asumiu a custodia do seu fillo e os gastos de crianza. "Eu traballei de mestra desde os 21 anos, tiven estabilidade económica e non houbo problema", afirma.

A vilalbesa María Xosé Lamas casou dúas veces e ten fillos de tres parellas 

Anos despois formou outra parella e casou de novo. Tivo unha filla e, tras 17 anos de convivencia, separáronse. Continuou a vida en solitario, cos seus dous fillos, e hai seis anos, cando menos o esperaba, o pai dunha alumna botoulle un piropo no patio do colexio. "Escapei, non souben reaccionar, pero ao mes chameino para dicirlle que non me parecera mal. Empezamos a vernos e aquí estamos, moi felices. Somos a parella ideal", conta.

El era viúvo, a nena perdera a nai e atopou na súa mestra o apoio que necesitaba. María Xosé Lamas di con toda a seguridade que "é a miña filla, non me fixo falta parila para sentilo así. Temos unha relación magnífica e tan intensa como a que manteño con calquera dos outros dous fillos que teño".

Para dar un exemplo desa relación conta emocionada que o Día da Nai recibiu un agasallo da súa nena. "Un ramo de flores para compartir coa súa nai. Entregoumo a min porque ela faleceu, pero sentimentalmente era para as dúas", relata.

Dous matrimonios, un fillo biolóxico de cada un, unha neta, unha nova parella e unha filla do corazón. María Xosé Lamas pasou ao longo da súa vida por varios dos tipos de familia que normaliza a nova lei e non fixo máis que vivir unha realidade cambiante e moi habitual. "Non é necesario poñer nomes ás familias, pero si é positivo recoñecer esa diversidade a nivel legal para equiparar todas as relacións ao que se considera estándar".

Constata que a realidade das familias é diversa e valora que a nova lei axude a normalizala

Norma imposta

Esa estrutura familiar que durante moito tempo se considerou a norma non é tan natural como pode parecer, senón que foi imposta polo cristinamismo e no caso de España foi prolongada polas restricións da ditadura franquista.

María Xosé Lamas explícao con claridade. "Desde que o mundo é mundo houbo relacións. Non somos a única civilización que existe. Cada cultura ao ir evolucionando puxo as súas normas, tácitas ou escritas, e de aí saíron as relacións artificiosas, non sempre escollidas. Por exemplo, o cristianismo marcou a norma de que as familias deben estar formadas por home e muller. En España, a tolerancia neste aspecto sufriu un retraso enorme por culpa da ditadura franquista, que nos devolveu ao nacional catolicismo acérrimo e non se concebía nada fóra da parella, aínda que na práctica nunca foi así e sempre houbo relacións extramatrimoniais, fillos fóra da parella...".

O que acontece é que en cada época as diversas relacións se foron asimilando de distinto xeito. "Na idade media se unha muller noble tiña un fillo buscábanlle solución. Se era home ía para a casa dun servo e se era muller, para un convento. Dese xeito a nai chegaba libre de cargas ao matrimonio. Iso mantívose ao longo dos tempos e aínda pasa na actualidade, pero agora hai centros de menores", comenta María Xosé Lamas.

Pero nin sequera era necesario desprenderse dos fillos. Na sociedade tradicional galega, de corte matriarcal, houbo moitas mulleres que criaron fillos soas ou os integraron en familias formadas por matrimonios posteriores. "Todo o mundo coñece a unha veciña que tivo un fillo deste e despois casou con aquel. Había moitos casos en cada parroquia e non pasaba nada. As mulleres convivían cos fillos, os homes ás veces desentendíanse. Eran nenos da casa, como sinónimo de familia", lembra a escritora vilalbesa.

Apunta que a muller era "a viga da familia, pero aguantaba ata límites insospeitados. A violencia machista tamén existiu sempre. Xa de nena souben de varios casos e a miña parroquia non era unha excepción".

Non era doado separarse e coa prohibición do divorcio na época franquista aínda era máis difícil. "Moitas parellas facían o paripé aínda que lles fora mal. Buscaban relacións fóra, sobre todo os varóns. Algúns incluso vivían por separado e era sabido, pero ninguén os denunciaba. O pobo toleraba".

O que dirán

Pero non tanto como para calar as malas linguas. Esa foi a tortura de moitas persoas que decidiron saltar a norma e seguir o seu propio camiño. María Xosé Lamas di que nunca lle importou o que dixera a xente, pero tamén que nunca ninguén lle manifestou crítica algunha pola súa vida privada. "As circunstancias de cada un son persoais. A min non me gusta estar soa, gústame compartir e fíxeno con diversas persoas ao longo dos anos. Neste momento, a miña parella éncheme a vida e nin tiven que casar para sentirme así de feliz. Respectámonos, admirámonos e compartimos. Poden vir adversidades, que se afrontan. Unha boa relación facilita a vida".

E María Xosé Lamas tamén ten o exemplo disto na súa casa. Os seus pais levan 62 anos de matrimonio. Casaron no 1960, naquel tempo no que era habitual que nas casas galegas conviviran varias xeracións.

Este é outro dos tipos de familias que contempla a nova lei, as interxeracionais, as que caracterizaron a sociedade galega durante séculos. A lei chámalles familia extensa e comprende as persoas que conviven nun fogar, sexan avós, tíos, primos... e que comparten obrigas e coidados.

Avós e netos

En Galicia avós e netos conviviron sempre. Era o máis habitual no medio rural, onde había costume de que un ou dous fillos quedasen na casa de orixe para facerse cargo da explotación agraria familiar. 

Estas familias interxeracionais sufriron os efectos do abandono do medio rural galego. O campo foi perdendo peso como medio de vida e as explotacións familiares foron pechando conforme os seus titulares acadaban a idade de xubilación. Os fillos buscaron fortuna noutros sectores menos castigados economicamente e marcharon da casa.

Este fenómeno foi parello a unha evolución do pensamento, no que comezou a valorarse a independencia con respecto da familia coma un logro no proceso de desenvolvemento vital. 

Entendíase como éxito poder abandonar a casa de orixe, lograr a independencia económica necesaria para facelo e formar unha familia propia. Pero a crise deulle a volta a esta tortilla.

María Xosé Lamas chama a atención sobre as dificultades para independizarse en épocas de crise económica e sobre como mudou nos últimos 20 anos a composición dos fogares a raíz disto. "Agora é moi habitual atopar fillos de 40 anos vivindo na casa dos país porque non teñen ingresos ou os que teñen non son suficientes para mercar un piso ou para pagar un alugueiro", explica a investigadora vilalbesa. 

A axuda da familia volve ser a clave nas épocas de crise e, aínda que o modelo de convivencia de varias xeracións baixo un teito non é o común, si se recupera a dependencia entre elas. "Comparten moito, aínda que ás veces non vivan baixo o mesmo teito. O soldo, o coidado dos netos...".

A familia extensa é fundamental para a conciliación laboral nunha sociedade nas que tanto pais como fillos teñen máis obrigas das que as súas axendas poden asumir.

A nova lei tamén contempla esta realidade e recoñece o desamparo que sofren algunhas familias que teñen os seus membros separados, coma os inmigrantes que non teñen familia que os arroupe ou mesmo estranxeiros que afrontan en solitario o coidado dos fillos porque a parella está noutro país.

Son realidades diferentes, moi frecuentes na sociedade actual e que deben ser contempladas e normalizadas. A lei non amaña os problemas do día a día das familias, pero recoñece a necesidade de eliminar a discriminación á diversidade e de garantir os dereitos básicos. Por algo se empeza.

Dereitos, garantías e facilidades para coidar

A Lei de Familias pretende adecuar o ordenamento xurídico español ás directivas comunitarias, que instan a contemplar as transformacións demográficas e sociais que se produciron nas últimas décadas. O texto recoñece que "el avance del feminismo, de los derechos LGTBI o la creciente demanda de cuidados por el progresivo envejecimiento de la población constituyen cambios significativos que ponen de manifiesto nuevas demandas a las que el legislador debe dar respuesta".

A diversidade nos modelos de familia deriva en necesidades diferentes. A Constitución española establece o principio de igualdade e o lexislador debe impulsar medidas para garantila.

Prestación por crianza
É unha prestación de 1.200 euros anuais para familias con nenos menores de tres anos. Ata agora só podían percibir esta axuda as persoas en activo, pero a lei amplía a cobertura a todas as familias. A contía pode percibirse nun único pago como dedución do IRPF ou fraccionada en doce mensualidades de 100 euros por cada fillo menor de tres anos. Só poderá recibir esta prestación un dos proxenitores. O texto legal indica que "la finalidad de esta prestación es contribuir a garantizar un nivel de vida adecuado a todas las personas menores de tres años de edad ayudando a sus progenitores, tutores, acogedores o guardadores a sufragar los gastos asociados a la crianza".

A lei establece novos permisos para facilitar a conciliación familiar e laboral, xeraliza a axuda por crianza e actualiza conceptos

Permisos
A Lei de Familia contempla como novidade un permiso de oito semanas non retribuídas para coidado de fillos. Poden solicitalo os traballadores ata que os fillos cumpran os oito anos, de unha vez ou fraccionado, a tempo completo ou en réxime de xornada parcial.

Tamén se establece un permiso de catro días ao ano retribuídos por motivos urxentes relacionados con familiares ou persoas convivintes, en caso de enfermidade ou accidente que fagan indispensable a súa presenza inmediata.

As persoas traballadoras tamén poderán ausentarse do traballo, previo aviso, durante cinco días ao ano por motivo de enfermidade grave, accidente, hospitalización ou intervención quirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario de parentes ata o segundo grao, incluídos os da parella, ou calquera persoa que conviva co traballador e que requira o seu coidado.

Protección laboral
Se un traballador solicita algún dos beneficios laborais establecidos para fomentar a conciliación familiar non poderá ser despedido por este motivo. De darse ese caso o despedimento será nulo.

Familias monoparentais
Recoñécense como familias monoparentais as formadas por un único proxenitor ou unha única persoa que teña a custodia total dos fillos. Terán consideración especial as familias monoparentais con dous ou máis fillos, que se equiparan coas familias numerosas, que pasan a denominarse familias con maiores necesidades de apoio á crianza.

Discapacidade
A lei incide no dereito dunha persoa con discapacidade ou dependencia a formar e ser parte dunha familia e establece que as administracións públicas porán en marcha as medidas para garantir a igualdade de trato e oportunidades. 

A lei establece o dereito de todas as persoas con discapacidade ou en situación de dependencia a contraer matrimonio, formar unha parella de feito ou fundar unha familia "sobre la base del consentimiento libre y pleno de los futuros cónyuges o integrantes de la pareja". Fai constar tamén o dereito destas persoas a "decidir libremente y de manera responsable el número de hijos que quieren tener y el tiempo que debe transcurrir entre un nacimiento y otro".

Entrada en vigor
A Lei de Familias foi aprobada o 28 de marzo e publicouse o 14 de abril no Boletín Oficial das Cortes Xerais. Entrará en vigor 20 días despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado.

Nomes distintos para un único concepto
Definición de familia
► A lei considera familia "la derivada del matrimonio o de la convivencia estable en pareja, o de la filiación y las familias formadas por un progenitor solo con sus descendientes".

Algunos tipos
► Familia biparental ou nuclear. 
► Familia monoparental.
► Familia de pais divorciados.
► Familia homoparental.
► Familia adoptiva.
► Familia composta (xorde como resultado de mesturar dous tipos de familias que variaron, por exemplo, cando dous divorciados se xuntan e os seus fillos pasan a ser medios irmáns.
► Familia extensa (cando a crianza dos nenos está a cargo de distintos familiares, como pais, avós... na mesma casa). 
► Familia nova (formada por menores de 29 anos).
► Familia con maiores necesidades de apoio á crianza (antes denominada familia numerosa e que agora tamén integra á monoparental con dous fillos).
► Familia múltiple (na que se producen acollementos, adopcións ou partos múltiples).
► Familia reconstituída (os proxenitores teñen fillos de parellas anteriores).
► Familia residente no medio rural.
► Familia inmigrante.
► Familia transnacional (con membros en varios países).
► Familia poliparental.
► Familia multixeracional.

 

Comentarios