A familia Real, coa música no sangue

O mozo samonense Adrián Real, trompeta coprincipal na banda de Oviedo, herdou de seu avó a paixón por este instrumento ►Ramón Real foi o primeiro membro dunha saga musical que continuaría tamén co seu fillo, cantante en varias agrupacións
Orquesta Albéniz
photo_camera Orquesta Albéniz

Aos seus 82 anos de idade, o veciño de Samos Ramón Real López asegura que na súa familia sempre estiveron ben de oído. E razón non lle falta. El mesmo converteuse en trompetista sendo só un neno e deixou en herdanza ás futuras xeracións o talento musical. Seu fillo, Xosé Real, levou a voz cantante en varias agrupacións mentres que o neto, Adrián, recolleu o testigo do avó e converteu a paixón pola trompeta nun xeito de vida, profesionalizando unha saga co ritmo nas veas.

A Ramón Real a música gustoulle "de toda a vida", sobre todo, a trompeta e o fiscorno. Con só 12 anos aprendeu con soltura "o solfeo" e entrou a formar parte da banda de Samos, que por aquel entón estaba necesitada de novas incorporacións. Aínda hoxe lembra como acudían a festas de toda a contorna, a maioría das veces "andando polos montes e os camiños", pero tamén "coa trompeta á banderola na bicicleta".

Eran tempos "nos que se pasaba moi ben" e nos que a banda amenizaba tanto a procesión, como a sesión vermú e a festa e verbena ata as nove da noite, cando chegaba a Garda Civil. "O que máis se tocaba daquela era o bolero, o pasodobre e o vals", explica o avó, quen non se decanta por ningunha peza porque "se van ben tocadas gustan todas", sentencia.


Ramón Real: "Entrei con 12 anos na banda de Samos e aprendín pronto o solfeo. A primeira trompeta era prestada e con soldaduras de estaño nas gretas
" 

Xosé Real: "Na casa sempre se escoitou música. Eu ía aos ensiaos da Jalbert. Despois fun probando e picoume o 'gusanillo'
" 

Adrián Real: "Empecei coa trompeta polo meu avó. El púxome o fiscorno na boca cando era un neno. Soprei e fun para adiante
"

A súa primera trompeta foi prestada e "con soldadura de estaño nas gretas" ata que, pasado un tempo, puido comprar outra cun préstamo de seu pai de 500 pesetas, que lle devolveu nun tempo récord, recorda Ramón Real, quen sempre compaxinou a música co seu traballo, primeiro coma zapateiro e a maior parte da súa vida, coma empleado de Fenosa.

A banda de Samos sería só o inicio dunha traxectoria musical que levou a este trompetista a formar parte doutras agrupacións coma a Real Jazz, a mítica orquestra Albéniz, da que logo sairía Jalbert —cuxo nome procede das iniciais dos seus integrantes (Jesús, Amadeo, Luis, Benigno, Eloy e Ramón)—, ou a banda de Sarria.

Os seus pasos foron seguidos por un irmán pequeno, Manolo -quen tamén é músico-, e deixaron unha forte impronta no seu fillo, Xosé Real, quen xa de neno asistía aos ensaios do pai.

"Na casa sempre se escoitou música e eu fun probando e picoume o 'gusanillo'", conta Xosé, quen sendo un adolescente xa montou a súa propia banda xunto con outros compañeiros do instituto en Sarria. Con Real como cantante, Fuentes á guitarra, Barbeiro na batería, Carnero nos teclados, Javier de Oural no baixo e, coma última incorporación, Estevo con só 13 anos, fixéronse chamar Crepúsculo e tiveron tal éxito que xa na primeira actuación conseguiron máis contratos.

Aquela afección reportáballes tamén uns ingresos grazas aos cales Real puido regalarlle a seu irmán un 'scalextric', lembra.

Ademais de Crepúsculo, estivo nun grupo de rock chamado Tanagra e, máis tarde, coincidiu con seu pai na orquestra Tálamo, con actuacións por toda Galicia. Foi tamén durante anos o presidente da coral de Samos, onde cantaron as tres xeracións desta familia, e aínda hoxe segue actuando co grupo de música sarriao Os Eoas.

Un momento especialmente emotivo foi nas festas de Samos, cando ante a súa "sorpresa" lle pediron que subise ao escenario a cantar con Los Satélites, os seus "ídolos de toda a vida", confesa na casa familiar, ante a mirada atenda de Adrián, quen encarna a terceira xeración musical.

"Eu empecei polo avó. El púxome o fiscorno da boca. Soprei e fun para adiante", sinala o mozo, quen aos seus 29 anos acaba de conseguir a praza de trompeta coprincipal na banda de música de Oviedo, todo un logro que supón para el "o principio de algo".

Sendo só un neno, cantaba na coral de Samos e asistía a escola de música de Sarria, pero un "capricho" apartouno un tempo daquel camiño. Segundo recorda con moito humor, o distanciamento durou moi pouco porque seu pai prometeulle "unha suspensión para a bicicleta" que o fixo retomar as clases deseguida.

Adrián Real continuou a súa formación no conservatorio de Sarria e no de Oviedo, onde rematou o grao superior de música na especialidade de trompeta en interpretación. Durante moitos anos exerceu como director das corais de Chantada, Quiroga e na de Renfe de Monforte, na que coincidiu con seu pai e seu avó.

Na actualidade é tamén profesor na escola Adagio de Lugo e toca nas bandas de Sarria e Viveiro, ademais de ser membro da charanga Madialeva e colaborar con moitas formacións coma a Oviedo Filarmonía. Seu avó non oculta que lle produce "moitísimo, moitísimo orgullo" a traxectoria do neto e expresa o seu desexo de que siga a tradición familiar "porque a música non ofende a ninguén, senón todo o contrario".

Comentarios