Estudiantado y docencia: más voces contra el decreto del plurilingüismo

Raquel Macridachis ten hoxe 22 anos. O seu apelido, de orixe grega, non admite dúbidas: non é galega. Chegou con nove anos, despois de vivir en Euskadi, e aterrou nunha escola de Vigo onde as aulas se impartían en castelán, agás tres ou catro materias, esas que "por tradición" --como ben apuntou Anxo Lorenzo, titular de Política Lingüística, na presentación do anteproxecto do decreto-- se veñen explicando en galego, como son Coñecemento do Medio ou Historia, ademais da propia materia de lingua.

Canda Raquel viñeron os seus dous irmáns. "Ningún sabiamos unha palabra de galego", pero o seu irmán e ela mergulláronse nesta lingua na escola e hoxe deféndense perfectamente nela. A súa irmá, que contaba daquela con 14 anos e, polo mesmo, puido solicitar unha exención, non ten problema á hora de entender a lingua de Galicia, pero "nin a escribe nin a fala".

Ao preguntarlle pola posibilidade de que un neno escolarizado na etapa de Infantil non teña contacto algún co galego ata os seis anos --se a maioría dos pais elixise como 'lingua materna' o castelán--, Raquel mostra o seu desacordo: "Hai rapaces que só falan galego na escola, se llo quitan non o aprenden. Aínda que veñas de fóra e teñas dificultades os primeiros meses, os teus profesores xa coñecen a túa situación". A viguesa sabe do que fala. Nas rúas da cidade olívica o galego é unha lingua muda.



DOCENTES E ESTUDANTES ÚNENSE AO 'NON'

O caso contrario descríbeo Marcos Loureiro, responsable nacional dos Comités e voceiro do estudantado galego, ao ser este o sindicato maioritario tanto no ensino medio coma no superior. "O proxecto permite situacións contranatura! Que nunha vila que non supere os 8.000 habitantes, cun ambiente galegofalante, os pais decidan que os seus fillos deberán educarse en castelán". Ri do consenso co que a consellería de Educación abriga a norma presentada o sábado: "Non conta co apoio dos sindicatos, nin dos profesores, nin das asociacións de pais, nin do 95% da sociedade galega e nós... tamén estamos en contra!".


Á voz crítica dos alumnos únese a dos profesores. Se ben esta nova norma se ve como regresiva e un ataque ao galego, a oposición non remata acó e sinálase a ''falta de vontade negociadora'' da Xunta, como indica o membro do Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG), Xosé Manuel Cabezudo. A primeira, na fronte: o actual texto ''presentouse aos medios antes que aos sindicatos'' e chama a atención sobre que o documento que se lles enviou aos sindicatos, similar ao exposto o sábado, tiña no seu título a palabra 'Borrador', termo que desapareceu a fin de semana "sen ningún tipo de consulta cos sindicatos de profesores".

''Xa non hai nada que negociar na Mesa Sectorial'', denuncia Cabezudo. O camiño que agora abren o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, semella ser o camiño definitivo. Un vieiro que conduce "á erradicación do galego" no que Loureiro non atopa mudanza algunha respecto do borrador presentado en decembro que amaine a intensidade da bofetada á lingua. "Sinceramente, non vexo ningún. É todo unha cortina de fume" que conta unicamente, a xuízo do voceiro dos Comités, coa palmada nas costas "dos sindicatos católicos e dalgún que outro centro rancio", ademais da que lle trasladaron as asociacións de pais da Concertada.

Seis anos sen galego?
A reivindicación de STEG nesta etapa é clara: que os nenos e nenas galegas poidan ter competencia oral e escritas en ambas as dúas linguas, o galego e o castelán. E para Cabezudo o horizonte máis escuro ábrese nos anos de Educación Infantil. Nesta etapa, o novo decreto da Xunta establece que as clases daranse nunha lingua, que será escollida polos pais dos alumnos antes do comezo do curso escolar.

"É evidente que o que se quere facer é tallar de raíz as posibilidades de contacto coa nosa lingua", entende Loureiro, quen critica dos membros do Goberno galego, en particular de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo, porque considera que a política educativa posta en marcha desde a súa chegada ao Goberno "evidencia que gozan máis lendo a Cervantes e a Lope de Vega ca coñecendo a Castelao ou a Rosalía".

Segundo o sindicalista, esta iniciativa significa cortar o emprego do galego "desde o principio", e que dará lugar a que os rapaces deses lugares nos que non se fala galego pasen os seis primeiros anos da súa vida sen escoitalo nin usalo "o que xa a converte nunha lingua estraña para o resto da vida". Así, o membro da STEG denuncia que o coñecemento lingüístico dos nenos e nenas galegas estará restrinxido "aos prexuízos" dos seus pais e, tal como indica Cabezudo, "actualmente hai moitas máis prexuízos en contra do galego que en contra do castelán".

Igualar a desigualdade
Onde se atopa unha ruptura coas políticas lingüísticas dos anos e os gobernos autonómicos anteriores é na desaparición do termo 'normalización' do texto. No proxecto de decreto fálase de 'potenciar', de 'promoción' e de 'dinamización', pero non se contempla a palabra que desde o ano 1982, coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística, dirixiu a lexislación sobre o galego.

A normalización lingüística consiste en conseguir que unha lingua acade unha situación de normalidade e se sitúe en todos os seus ámbitos de uso posibles. Coa negación da normalización "indícase entón que non existe unha lingua minorizada nin unha dominante". Segundo entende Loureiro, faise "unha ocultación consciente e á mantenta" do termo por ser o ensino "unha peza chave" no proceso normalizador.

"Este decreto quere igualar cousas que son desiguais", ao establecer un reparto de 50% de materias para cada lingua a partir do ensino primario. Na opinión de Xosé Manuel Cabezudo, isto contrapónse ao que facía o anterior decreto, que era "deixar desigual o que era desigual" ao establecer un mínimo do 50% de asignaturas en galego.

A defensa desta medida pasa por observar o que acontece ao redor: "a televisión, a prensa, os usos sociais, o ensino... todo está maioritariamente en castelán", polo que só se pode revertir esta situación "ampliando a presenza do galego" noutros ámbitos. E iso é normalizar. Aínda así, o voceiro dos Comités concédelle o beneficio da dúbida á Xunta e sinala que o novo decreto non contempla a necesidade de impulsar o galego porque "a súa normalización é que se imparta todo en español".

Unha chamada á desobediencia
Ante o panorama que describe o decreto, Marcos Loureiro confía "na boa vontade" do profesorado para seguir a impartir en galego as materias que a norma sitúa en terreo vedado. "Moitos profesores desobedecerán", di, unha opinión que tamén comparten no STEG, lembrando a disposición que xa manifestaron varios docentes de seguir empregando o galego, como fixeron ata o de agora. Ambas fontes coinciden en que o decreto remite "aos tempos de Franco, cando a pesares de estar prohibido había profesores que impartían as súas clases en galego".

Tamén indicou que durante o tempo de vigor do tempo do bipartito "eran moitas as materias que debían impartirse en galego e os profesores o facían en castelán", sen que fosen sancionados. "Se as inspeccións non entraron co anterior decreto, por qué agora van a facelo?", pregúntase Cabezudo, e para respostarlle Loureiro móstrase convencido de que non haberá persoal para controlar se os mestres baixan a cabeza ou non ante o polémico texto. "O anterior decreto era un éxito, pero non se cumpría e non se velaba para que así fose, pese ás reclamacións", lembra o voceiro dos Comités.

De mapas lingüísticos a criterios persoais
No tocante á división lingüística das materias, Cabezudo indica que o obxectivo da Xunta é afastar a lingua galega "das materias con máis 'caché'", referíndose ao feito de que co novo decreto no ensino primario deberán darse en castelán as Matemáticas, mentres que no ensino secundario a esta súmase tamen a Tecnoloxía e a Física e Química.

"Que baremo se segue para impartir unha ou outra materia en galego?", pregúntase Loureiro, explicándolle á Xunta que o argumento da tradición "non semella moi pedagóxico: tamén se tiran cabras de campanarios por tradición!".

Cabezudo afirma que "non sabemos cal é o criterio que se seguiu dende a Xunta" para realizar esta división, mais si asegura que, co paso do poder de decisión sobre a lingua aos pais dos alumnos e alumnas, pásase de realizar estudos a partir de mapas sociolingüísticos "aos criterios subxectivos de cada quen". Ademais deste apunte, desde os Comités repróchanlle á Xunta que devolvese a posibilidade de expresarse en galego nas aulas, oralmente e por escrito, á morea de dereitos que quedan por conquistar.

Comentarios