Un espectáculo de balde no ceo da provincia

Cada noite, a simple vista, poden observarse 3.000 estrelas e Lugo conta con algúns dos mellores lugares de Europa para velas
ceo actual
photo_camera Representación do que estes días hai no ceo. EP

Cada solpor comeza no ceo un espectáculo irrepetible que non deixa a ninguén indiferente. As entradas para velo sempre son de balde.

O 9 de outubro celébrase o Día da Astronomía de Outono, para chamar a atención sobre as posibilidades de observación que ofrece o firmamento ao longo do ano. Cada anoitecer regala unha oportunidade, un novo pase dunha función que non aburre porque sempre é distinta. O espectador só ten que sentar, mirar e gozar.

Esta noite, por exemplo, estará Venus no ceo de Lugo e nin sequera haberá que esperar moito para velo. Cando se poña o Sol, polo mesmo lugar onde este se vai, aparecerá o planeta máis brillante, moi preto do horizonte, cara o suroeste. Leva o nome da deusa da beleza porque se considera un astro precioso. Outro punto brillante que destacará no ceo de hoxe é Xúpiter, mirando cara o sur, e ao seu lado estará Saturno. Tres planetas nunha única observación, sen levar na mochila máis que algo de paciencia para apampar mirando o ceo e deixarse sorprender.

3.000 ESTRELAS. O astrónomo sarriao Borja Tosar asegura que mirando a simple vista é posible ver 3.000 estrelas. "Ninguén queda indiferente ante iso. Non é necesario ser un experto, nin sequera ler un libro. Non fai falta ningún telescopio, só hai que buscar un bo ceo e mirar", explica.

Cada noite é posible ver 3.000 estrelas a simple vista

E cal é un bo ceo? Pois a primeira condición é que non estea nubrado e a segunda, que sexa negro. Isto non é tan evidente como pode parecer. A contaminación lumínica estropea as observacións. O aconsellable é alonxarse dos lugares iluminados, das farolas. "En Lugo non hai que moverse moito. Con estar a dez quilómetros dos núcleos de poboación grandes arranxas bastante", explica o astrónomo. 

Pero se realmente se quere desfrutar dun espectáculo inolvidable hai que visitar O Courel ou Os Ancares. "Eses ceos son dos mellores de Europa, por ausencia de contaminación lumínica e por posición. Un luxo ao alcance dos lucenses", afirma Borja Tosar.

Este experto ten mirado moito para arriba desde Sarria. Destaca sobre todo "os lugares cara a Folgoso, o este da provincia de Lugo, as zonas menos poboadas da Terra Chá e a contorna de Friol".

Hai aplicacións para móbil que axudan a identificar os corpos celestes en cada momento

Borja Tosar explica que sen moito coñecemento poden observarse catro ou cinco constelacións cada noite, o paso de satélites, da estación espacial internacional e mesmo a nave dalgún turista espacial se cadra que ese día hai paseo. "Hai aplicacións para o teléfono móbil que che indican o que estás vendo en cada momento. O ceo non ten segredos. Acabáronse os ovnis, está todo identificado", apunta. Ademais, hai estrelas fugaces todos os días. Non coa frecuencia das chuvias de estrelas máis soadas, pero hainas sempre e poden aparecer en calquera momento.

O astrónomo sarriao ten unha debilidade: a Lúa. Hoxe non hai, pero por ver con detalle este satélite merece a pena trasnoitar calquera outro día.

VÍA LÁCTEA. Borja Tosar pídeme que formule unha cuestión: "Pregúntalle aos lectores se viron a Vía Láctea". É o maior espectáculo que pode ofrecer unha noite despexada, sen necesidade de identificar astro ningún. Chega con mergullarse no regueiro de luces e deixar voar os ollos e a imaxinación.

Observar a Vía Láctea é un espectáculo accesible desde calquera punto escuro e despexado

A Vía Láctea está sempre sobre as nosas cabezas, mellor dito, estamos inmersos nela, pero a contaminación lumínica non permite reparar na súa presenza. 

Conta Tosar que un día houbo un apagón xeralizado nos Ánxeles e as centraliñas dos servizos de emerxencias colapsaron con chamadas de xente que, de repente, descubriu milleiros de luces no ceo. Era a Vía Láctea, esa que se supón que guiaba os peregrinos cara a Compostela, pero a claridade artificial nunca lles deixara vela.

NORTE E SUR. O ceo do norte sempre é o mesmo: Osa Maior, Osa Menor, Perseo, Andrómeda, Casiopea... Todo xira arredor da estrela Polar, o punto máis brillante da Osa Menor (constelación recoñecible porque ten forma de cullerón). Calquera día de calquera século, a estrela Polar estará sempre sobre o norte, de aí que sexa clave nos sistemas de orientación.

Se miramos ao sur é outro cantar. Esa parte do ceo cambia con cada estación e aí radica a diversidade das observacións e a posibilidade de ver cada noite un espectáculo distinto. 

O ceo do sur é o máis poboado. Mirando cuns simples prismáticos é posible observar imaxes moi curiosas, como nebulosas de gas e po ou cúmulos de estrelas. Nesa dirección está o centro da galaxia, que é onde máis densidade de corpos hai, polo que é posible ver de todo. O difícil neste caso é identificar o que se ve. De calquera xeito, a visión será sorprendente.

TRANSICIÓN. No inicio do outono aínda quedan reminiscencias do estío. Por iso, a primeira hora da noite, aparecerá sobre o horizonte de Lugo o chamado triángulo do verán, formado polas estrelas Vega, Deneb e Altair, as máis brillantes das constelacións que presiden o ceo estival: Cisne, Lira e Aguia. Mirando cara o sur, locen as constelacións de Saxitario e de Escorpio.

Uns prismáticos teñen máis alcance que calquera dos telescopios que tivo Galileo na súa vida

Botando man duns prismáticos correntes tamén será posible identificar esta noite as catro lúas máis brillantes de Xúpiter: Ío, Calisto, Ganímedes e Europa. "Os peores prismáticos, eses que ten todo o mundo collendo po na casa, teñen máis alcance que o mellor telescopio que tivo Galileo na súa vida. E mira canto chegou a descubrir el!", apunta o astrónomo como curiosidade.

É un bo momento para experimentar, porque nos próximos días pasarán cousas interesantes no ceo. Por exemplo: en outubro prodúcese unha chuvia de meteoros coñecida como Leónidas

Este fenómeno, aínda que menos intenso que outros doutras épocas do ano, destaca por deixar estrelas fugaces moi espectaculares. O 17 de outubro será a data de máxima actividade e o mellor momento para observar será xusto antes do amencer, cando xa se ocultou a Lúa.

No inverno hai outra choiva de estrelas interesante: as Xemínidas. Son máis abundantes e espectaculares que as Perseidas de agosto, pero menos coñecidas porque as nubes de decembro soen dificultar a visión. A máxima actividade espérase para o 14 de decembro e de novo o momento recomendado para observalas será antes do amencer. 

A choiva de estrelas das Xemínidas e o planeta Mercurio poderán observarse en decembro

As Xemínidas son especiais porque non proceden de po de cometa, como é habitual nas estrelas fugaces, senón dun asteroide, o Faetón.

DESAFÍO PARA FIN DE ANO. Borja Tosar apunta un dito astronómico: "Moitos astrónomos morreron sen ver Mercurio". É un planeta moi difícil de observar porque nunca se alonxa moito do Sol e non brilla.

Así que, para rematar o ano, lanza un desafío astronómico. O 31 de decembro, no último solpor do ano 2021, poderase ver Mercurio desde Lugo. Para localizalo haberá que buscar primeiro o planeta Venus, que estará ao lado e brilla moito máis. Un bo momento é despois das seis da tarde, xusto cando o Sol se oculte. Hai que mirar desde un lugar alto que permita ver o horizonte o máis despexado posible.

Que os astros acompañen e as nubes permitan desfrutalos.

CONSELLOS PARA VER BEN
Un ceo negro
► O primeiro que se necesita para unha boa observación astronómica é un ceo despexado e o máis negro posible. A contaminación lumínica é o peor inimigo do observador. O anoitecer e o amencer son bos momentos.
Abrigarse ben
► Os expertos aconsellan abrigarse moi por encima do que se considere necesario. O frío da noite é máis intenso fóra das cidades, cando se está a ceo descuberto e moito tempo na mesma posición. É mellor pecar de exceso porque sempre se pode prescindir de roupa, pero se fai falta e non se ten, o frío pode arruinar a experiencia.
► Hai que levar botas, dous pares de calcetíns, xerseis, chaquetón, guantes e un gorro.
Comodidade
► Unha cadeira de praia que facilite unha posición horizontal axuda a gozar do espectáculo con comodidade.
Complementos
► Uns prismáticos correntes axudan a ver con detalle o que xa a simple vista é impresionante.
► As aplicacións para móbil que identifican os corpos celestes son moi útiles para poñer nome ao que se observa.
► O telescopio é un gran aliado, pero moi caro. Non se aconsella compralo ata asegurarse de que a astronomía apaixona e de que se farán moitas saídas nocturnas para rendibilizalo.nocturnas para rendibilizalo.

 

Lúa xúpiter saturno

CONXUNCIÓN
► Lúa, Xúpiter e Saturno conflúen o 13, 14 e 15 de outubro
Os astrónomos chaman conxunción cando dous ou máis obxectos celestes están moi preto entre si. Isto acontecerá coa Lúa, Xúpiter e Saturno do 13 ao 15 de outubro. Para velos desde Lugo é recomendable unha observación a primeira hora da noite, que resulta cómoda para saír e garante un fermoso espectáculo no ceo. Neste caso é a Lúa a que servirá de guía para localizar os dous  planetas que a van acompañar no seu paseo polo firmamento. Unha vez localizado o satélite, á dereita estará Saturno e á esquerda, Xúpiter.

 

alineación

ALINEACIÓN
Tres planetas xuntos, o 29 de outubro
O 29 de outubro, sobre as 20.30 horas, Xúpiter, Saturno e Venus alinearanse no ceo e serán visibles desde Lugo. Aparecerán na dirección do horizonte sur pouco despois da posta do sol. A imaxe recrea este momento, que resulta moi espectacular ao vivo porque se pode observar a simple vista, sen axuda de aparello ningún. Os tres planetas serán nese momento os obxectos máis brillantes que aparecerán no ceo. Seguen no firmamento un camiño parecido ao do Sol, polo que sempre aparecerán na dirección do horizonte sur.

 

Hexágono

HÉXÁGONO DE INVERNO
En decembro, novidades
O ceo cambia cada estación e esta imaxe recrea a do 15 de decembro. Mirando cara o sur está Orion coas tres estrelas que forman o seu cinto: Alnilam, Alnitak e Mintaka. Seguindo a liña que sinalan cara o horizonte aparece a estrela máis brillante das que se poden ver no ceo: Sirio. Paga a pena esperar un pouco para vela saír polo horizonte. Xéminis, Auriga e Tauro completan o cadro de constelacións invernais. As estrelas máis brillantes de cada unha forman o chamado hexágono de inverno: Sirio, Procion, Cástor, Pólux, Capella, Aldebarán e Rigel.

Comentarios