sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

David Amor: "Cada actuación é coma unha viaxe e de cada viaxe levas algo único"

David Amor. CEDIDA
David Amor (Salceda de Caselas, 1980). CEDIDA
O humorista terá un final de verán cargado de actuacións por toda Galicia e anima ao público a esquecerse dos problemas con comedia

Malia ás dificultades da pandemia e todas as restricións vai ter un final de verán cunha interesante xira con diversas actuacións... Son un oasis no deserto?
Grazas a Etiqueta Negra, a axencia que me leva a min e que é galega, podemos ter este verán. Son xente que apostan moito polo noso traballo, así que ten sentido que cando se fan as cousas como se teñen que facer saian este tipo de cousas.

O 8 de agosto en Sarria retoma 'Lechazo á feira', un show con Touriñán, J.J. Vaquero e Álex Clavero que xa ten a súa historia e percorrido no tempo... Trae novidades?
O show sempre vai evolucionando, engádense e quítanse cousas, sobre todo cos cambios que houbo nos últimos tempos. Pero ao final o que importa realmente neste tipo de historias é estar con compañeiros teus. De normal actúan cando eu traballo e non os podo ver. Facemos este tipo de espectáculos para poder vernos e traballar xuntos, e eu creo que o público tamén o agradece moito. En Lechazo á feira facemos unha mostra de distintos tipos de humor e queda algo moi divertido tanto para o público coma para nós. É un formato no que os monologuistas sempre estamos máis soltos.

Moitas veces táchase o humor galego coma moi particular. Esperaba que esta mistura galego-pucelana casase tan ben?
Si, porque ao final o humor é universal. Outra cousa é que fagamos referencias locais, aínda que eles tamén as fan porque son grandes profesionais. Pero neste show tiñamos claro que nos entendiamos ben fóra do escenario e que íamos pasalo ben.

De cara ao público está máis cómodo dando un monólogo, en solitario ou interactuando con outros cómicos sobre o escenario?
Eu penso que a xente disfruta todo, cada cousa ten o seu aquel. Cando estou só teño un público que é máis meu e cando estamos varios xorde algo máis fresco, con distintos tipos de humor. Eu creo que aí, ás veces, intentamos parcelar sen ter moi clara a diferencia. Cada actuación é coma unha viaxe e de cada viaxe levas algo único.

"O Ciclo Comicamente é un agasallo tanto para nós coma o público"

Tamén estará no Ciclo Comicamente, unha aposta importante polo humor en toda Galicia... Actuará ben acompañado con Touriñán e Carlos Blanco.
Imos ir rulando e rotando entre distinta xente. Eu creo que é un agasallo para o público que estaba con ganas de ir ver cousas e o mellor xeito para volver é ao grande. Hai algúns artistas que tes ganas de ver dende hai tempo, que levan moito parados. Poder ter algo así é un agasallo tanto para nós coma para o público.

Vai ser un espectáculo individual ou en grupo?
Individual, pode que haxa momentos nos que interactuemos entre nós pero é imposible preparar un espectáculo único para cada sitio.

A xente está como tola por asistir a espectáculos en vivo, pero quen ten máis ganas deste tipo de eventos, o público ou vós mesmos?
Home, nós por traballar. [Ri] Pero si que temos ganas de vernos, de estar aí facendo o que che gusta tanto. Claro que para o público tamén, penso que é case coma unha terapia. A xente desconecta durante hora e media e non pensa en nada malo, tan só está disfrutando e iso para a cabeza é moi sano. Case tiñamos que estar subvencionados. [Ri]

"As actuacións en directo teñen esa maxia de que só existen nese momento"

Levamos case un ano e medio vivindo e véndonos a través de pantallas. Hai moita diferencia de velo na televisión a velo en directo?
É totalmente distinto. Eu creo que ás veces non se valora en toda a súa medida. Todos os espectáculos nos que se pise un escenario teñen ese algo especial de dicir "isto é agora e para vós". Non sei que actor dicía que "o teatro ten esa rareza que é xente sentada vendo a outros traballar". Ten esa maxia de que só existe nese momento.

Agora no teatro xa debe de ser un experto tras acabar 'En la pista'.
Foi unha experiencia moi curiosa porque era unha obra que falaba sobre unha estación de esquí, en Málaga e en verán... Pero si, foi unha aventura marabillosa traballar no Teatro del Soho Caixabank e traballar para Antonio Banderas.

Teatro, televisión e comedia en directo... Se ten que mollarse, dá escollido unha disciplina?
Non, a min gústame todo, de feito vouno alternando. Eu cando comecei na televisión hai 20 anos empecei xa a facer monólogos. É verdade que todo foi cambiando: nos monólogos ao principio ía a bares e logo xa me pasei a teatros e escenarios. Pero se levo tantos anos facendo distintas cousas é porque me gusta, senón xa tería deixado de facelas.

"Eu tamén podo facer cousas en internet e un youtuber pasarse a un escenario"

david amorrrr

Outro medio de facer humor son as redes sociais. A mocidade moitas veces prefire ler chistes en Twitter ou ver vídeos de figuras de internet a humoristas máis clásicos. Existe unha competencia ou unha convivencia?
Isto son nichos de mercado. Un rapaz de 20 anos pouco vai atopar que lle interese en min; algún sempre hai pero non é o máis común. Tamén hai que ver como é o uso da canle: eu podo poñer algún chío que está máis enfocado a promocionarme e eles teñen aí o seu espazo de traballo. Se unha persona está enfocada en producir contido para redes é normal que teña máis seguidores ca min que poño dúas chorradas ou unha foto. Aínda que eu tamén podo facer cousas en internet e un youtuber pasarse a un escenario, unha cousa non exclúe á outra. Todo é posible, nunca nada é tan estanco como nos gusta facer crer. Eu se estou na casa vou mirar TikTok ou Instagram e se estou na rúa vou ver unha actuación. Son contextos.

Por Twitter está activo, ultimamente comentando os Xogos Olímpicos. Gustaríalle ter estado cos Hispanos competindo alí?
Eu fun olímpico sub-18, estiven nas Olimpíadas do 98 en Moscú co equipo de balonmán. Son un tolo dos deportes e as olimpíadas parécenme o máis grande que hai. Estes días son feliz aínda que con máis sono do normal [Ri]. Os Xogos son un evento incrible, sobre todo para min que me gusta moito ver o virtuosismo. Eu vou a Youtube e busco os mellores músicos facendo solos, gústame ver o mellor. Nos Xogos tes a oportunidade de ver os mellores virtuosos do mundo en todos os deportes e iso é algo espectacular. Eu vexo todo: halterofilia, tenis de mesa... todo o que me boten.

Estará especialmente atento aos galegos, á xente de aquí.
Teño coñecidos e amigos, estou falando moito con Támara Echegoyen, e tamén son admirador de Javier Gómez Noya, Ana Peleteiro... Son xente moi especial e que teñen moito que achegar.

"Prefiro gañar algo menos ou ter un menor recoñecemento e vivir en Galicia"

Despois de tantos anos ten a parte positiva e a sorte de poder seguir traballando cerca da súa zona de orixe. Séntese moi arraigado?
Máis que sorte é unha decisión persoal. Estiven traballando en Madrid e ía e viña todas as fin de semana. Hai moita xente que me pregunta se vivo en Galicia e queda sorprendida. Eu teño os meus pensamentos, a min gústame o meu traballo pero tamén ter calidade de vida, e aquí considerei que teño máis. A min Madrid gústame moito, pero Galicia máis. Teño a miña familia, estou rodeado da miña xente e penso que é mellor gañar algo menos ou ter un menor recoñecemento e estar cerca dos meus.

Moitas veces non nos damos conta de todo o que temos en Galicia, nas nosas cidades, pobos, costas... Esta época que estamos a vivir axuda a pór en valor a nosa terra?
Ao final para apreciar realmente algo que ves todos os días tes que ser moi consciente ou ter un tipo de vida que cho permita. Eu polo meu traballo, no que actúamos máis de noite e temos máis días libres, ou incluso estamos no paro, permítome ser máis consciente. Por exemplo, estar só na Praza da Quintana é un luxo, pero tes que ter tempo para pararte e asimilalo. Se antes desfrutei percorrendo todos os bares, agora fágoo percorrendo todos os recunchos que hai. A min en verán non me teñen que facer a pregunta de montaña ou praia, porque podo elexir as dúas. Estar subindo ou baixando unha montaña e atoparte co mar é algo único e co que a xente que vén queda alucinada. Iso tampouco o valoramos, coma o que temos nas propias cidades. Canta xente se fixo algunha vez un tour pola súa vila ou cidade? Case ningunha, e hai cousas moi interesantes que non sabes o que son. Aínda que a fin de contas é normal que a xente que ten problemas no seu día a día co traballo ou ca familia non poida ter tempo para pararse. Seguramente seriamos máis felices se todos puidésemos facer esa pausa, pero ao final non é fácil porque a vida vaite arrastrando coma un torrente de auga. 

E ademais da terra, tamén cómpre mencionar o galego. Vai estar en Pontevedra conversando con Carlos Blanco sobre a nosa lingua. Esta clase de actos son moi importantes para nós e a nosa cultura.
Compartir espazo con Carlos faime moita ilusión. Cando eu empezaba era por xente coma el e agora é un compañeiro. Sobre todo o que me apetece é charlar. Ter esa oportunidade e poder facelo en Pontevedra é inmellorable. Sobre o galego, aínda hai a moita xente que nos importa. A lingua non é só unha cadea de letras, implica moito máis cousas: suman valores e fan unha forma de ser. 

David Amor: "Cada actuación é coma unha viaxe e de cada viaxe levas...
Comentarios