"Entereime do premio porque me chegaron as mensaxes dos compañeiros de Santiago"

Cando se graduou en Química pola USC, e máis tarde se doutorou, David Fernández pouco podía imaxinar que o destino, e o seu incansable labor, o colocarían no equipo dun premio Nobel
David Fernández. EP
photo_camera David Fernández. EP

De David Fernández poderiase dicir que é un amante da natureza, pese a que é alérxico a algunhas prantas e animais; dos xogos de mesa e de falar en galego coa súa familia. Tamén se pode dicir que a súa brillante mente o levou a unha das máis prestixiosas universidades do mundo. Desde Princeton, e máis concretamente desde o laboratorio de David MacMillan —gañador do Nobel de Química xunto a Benjamin List—, o científico lugués, natural da Ronda das Fontiñas, traballa entre os mellores químicos.

Como recibiron a noticia no equipo? Teñen un anaco dese premio.

Si, temos un anaco grande. Eu recibina un pouco sorprendido, porque pensei que este ano iría para as vacinas do ARN. Sabiamos que algún ano ía ser porque a ciencia que se fai aquí é trascendental, entón sabiamos que ía ser nun momento ou outro.

E como se enterou?

Coa diferencia horaria, eu aínda estaba durmindo. De repente chegáronme unha morea de mensaxes dos meus compañeiros de laboratorio de Santiago, sobre as 5 da mañá.

As noticias voan, incluso a tantos quilómetros…

Pois si, o caso é que precisamente por esa diferencia nas horas non puiden ver o nomeamento.

E celebrarían o premio xa...

Pois é curioso, porque cada semana temos varias xuntanzas e o mércores tocaba unha delas ás nove da mañá. Pouco despois de eu recibir esas mensaxes, recibimos todos un correo de David MacMillan no que dicía que a pesar dos acontecementos deberiamos seguir tendo ese mítin aínda que fora nun ambiente máis distendido. E efectivamente, así o tivemos, aínda que despois empezaron as celebracións, as fotos, o nomeamento aquí en Princeton…

Case case unha xornada máis.

Case, só que cando Dave chegou, sobre as 8 da mañá, recibímolo con aplausos e vítores. Un non recibe o premio Nobel tódolos días.

"A organocatálise pódese aplicar en todos os ámbitos e permite facer reaccións mellores desde unha perspectiva máis verde"

Este galardón vai cambiar a súa maneira de traballar?

Si, probablemente teñamos que traballar máis.

A MacMillan e List foi aos primeiros aos que sorprendeu este nomeamento, polo novos que son.

Estamos acostumados a que xente maior leve estes premios e persoas como MacMillan, con 53 anos, raramente o logran. Por iso posúe un valor engadido este premio.

Como o definiría?

É fantástico, moi próximo. Temos reunións tódalas semanas, varios días, e o ambiente é formal porque se fala de cousas serias que poden ter un impacto na sociedade, pero nelas tamén hai espazo para bromas, para momentos distendidos… É un trato moi bo.

Iso facilita a súa estadía aí.

Desde logo, senón non repetiría.

Entón non é a primeira vez que traballa con MacMillan...

Non, en 2017, cando estaba facendo o meu doutoramento, fixen unha pequena estadía de catro meses porque xa me chamaban moito a atención os últimos traballos que estaba a desenvolver Dave, que consistían en empregar luz para promover reaccións química, explicado grosso modo.

Como foi o primeiro contacto?

Gustoume moito, vin para aquí para aprender todo o que puiden e regresei para rematar de facer a tese, pero como o tempo que estiven foi fantástico, decidín voltar a facer unha estadía un pouco máis longa agora xa como investigador posdoutoral.

Canto tempo leva xa?

Case dous anos.

"Coa Sociedade Xuvenil Galega de Química tentamos explicar a ciencia de forma sinxela"

Hai unha data fixada para regresar ou pódese alongar?

Non está contemplado o tema de alongar as cousas. Eu vin cunha beca da Xunta de Galicia de dous anos e despois xa veremos a ver que pasa.

Como definiría o seu día a día?

Aquí trabállase moito e ben, pero moito. O día comeza entre as sete e as nove da mañá (depende de cada un) e normalmente empezamos con xuntanzas nas que discutimos a química que fixemos a anterior semana e, despois, imos cara a vitrina xa para traballar na nosa química.

Cantos son no equipo?

Hai variabilidade, pero normalmente somos sobre 40 persoas, entre xente que está facendo o doutoramento e investigadores posdoutorais, coma min.

Como explicaría para alguén común que é a organocatálise, a técnica merecedora do Nobel?

Non é doado de explicalo sen argumentar en varias páxinas. O que permite a organocatálise é levar a cabo reaccións que antes non se podían facer; fíxose dunha maneira moi eficiente, utilizando unhas moléculas orgánicas que actúan de catalizador para as reaccións químicas. Estes organocatalizadores presentan vantaxes comparándoas cos complexos metálicos que se empregaban ata o momento, entre elas unha maneira de descartar os residuos moito máis eco-friendly.

Que aplicacións ten?

En absolutamente todo os ámbitos que se poidan imaxinar. Ao ser unha investigación tan básica, permite facer moléculas pequenas e incluso polímeros e materiais que chegan a tódolos lados: farmacéuticas, na área de materiais… en todo.

Non é doado trasladarlle estes conceptos ao cidadán de a pé.

É complicado e, de feito, xunto a uns amigos meus da Universidade de Santiago, fixemos unha organización que ten esta misión. Chámase Sociedade Xuvenil Galega de Química e andamos nesa liña, tratando de explicar de maneira sinxela a ciencia que nos rodea e achegala á xente do común que non estudiou química e que ás veces non saben a que nos adicamos.

"De pequeno gustábame a cociña e o máis parecido no ámbito da ciencia é a química"

Como se sentiu atraído por esta rama da ciencia?

Eu sempre quixen facer química. Desde moi pequeno gustoume a cociña e algo que sexa moi parecido á cociña no ámbito da ciencia, é a química orgánica. Aí empezou a xerminar a miña idea de facer Química. Movinme de Lugo para Santiago para facer a carreira, alí empecei a facer o doutoramento e xa empecei a traballar en procesos catalíticos empregando metais de transición. Despois deses cinco anos decidín vir aquí.

Se a beca é de dous anos e logo os cumpre, xa logo acaba. Que sensacións hai?

Un pouco de satisfacción polo aprendido e pena por acabar. Aquí trabállase moito e polo coronavirus non puiden volver á casa, a Galicia, así que xa hai morriña.

Comentarios