Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

En honor de Fučík

Liborio García, xornalista e presentador de televisión. AEP
Liborio García, xornalista e presentador de televisión. AEP

Varios profesionais lucenses explican os retos aos que se enfrenta a información neste Día Internacional do Xornalista

JULIUS FUČÍK foi un xornalista checo nacido en Praga en 1903. Estudou Filosofía e no 1921 ingresou no Partido Comunista, iniciando ao mesmo tempo unha carreira como crítico literario e teatral. Cando Hitler invadiu Checoslovaquia, publicou baixo pseudónimo ensaios sobre figuras ilustres da cultura democrática checoslovaca. Ademais, no 1941 converteuse nun membro do Comité Central do Partido Comunista, ocupándose das publicacións do partido. No 1942 foi detido pola Gestapo. Foi, entre ese ano e o seguinte, cando relatou nas follas que lle conseguía un garda a súa terrible historia: como fora sometido a tortura e as pésimas condicións nas que vivía. No verán de 1943 foi levado a Berlín, sendo executado o 8 de setembro. 

Aquel garda que lle daba as follas e un lápis foi sacando os papeis un por un do cárcere, conformando así o Reportaje al pie de la horca, publicado en 1945 pola muller de Fučík, Gusta Fucíková. O libro acadou un enorme éxito, chegando a ser traducido a máis de 80 idiomas.

A encarnizada loita de Fučík por manter ata o último momento os seus ideais e defender a verdade ata as últimas consecuencias foron as que levaron a conmemorar o Día Internacional do Xornalista o 8 de setembro, nun recordo á súa memoria e ao seu traballo. 

O xornalismo é fundamental para o mantemento dunha sociedade democrática e libre

XORNALISMO E DEMOCRACIA. O xornalismo é fundamental para o mantemento dunha sociedade democrática e libre. Non só transmite información relevante que a cidadanía ten dereito a recibir —un dereito recollido por organismos como a ONU ou pola Carta Magna española, que no artigo 20 especifica que se protexe o dereito a "comunicar o recibir libremente información veraz por cualquier medio de difusión"—, senón que axuda a crear e reflexar opinión do público e dá voz a aquelas persoas e grupos que, doutro xeito, caerían no anonimato, tal e como afirma Ana Expósito, que foi corresponsal de guerra: "Moitas historias quedarían sen contar se non fose polos xornalistas. Sen ese servizo público só teriamos información procedente dos poderes políticos e dos grandes persoeiros, pero non coa información da xente de a pé". 

Os medios tamén son os responsables de vixiar que os poderes do Estado —lexislativo, executivo e xudicial— cumpren os seus deberes coa sociedade á que deben servir; e aseguran ao público que a información que comparten é verídica e non só un panfleto propagandístico do goberno de turno. É por iso polo que tamén se lle chama á prensa ‘cuarto poder’. 

Esta garantía de liberdade e democracia é o motivo polo que moitas veces os medios se ven presionados ou directamente atacados por grupos de poder. Un exemplo recente e claro son os ataques de Donald Trump á prensa, á que define como ‘fake news’ —noticias falsas—, chegando incluso a calificala como "inimiga do pobo estadounidense". Os medios tiveron que saír a defender a importancia da súa labor publicando editoriais coordinadas, algo nunca visto previamente. 

Os profesionais da información consideran que o xornalismo nunca fora tan importante

MALOS TEMPOS. Sen dúbida, os medios de comunicación cumpren un papel indispensable en calquer país que leve a democracia por bandeira. Pero tamén é certo que non están pasando polo mellor momento. 

Son moitos os factores que están levando ao xornalismo a un maior desprestixio entre a poboación. A crise económica causou un impacto negativo enorme, que implicou severos recortes nas redaccións que influíron na calidade da información. O mercado laboral dos xornalistas tampouco está para botar foguetes, xa que ten uns índices de paro bastante elevados. Miqui Otero, xornalista e escritor barcelonés con raíces lucenses, ten claro que a precariedade da prensa ten que ver en gran parte coa inestabilidade laboral que sofren os profesionais do sector. "El negocio de la información no pasa por su mejor momento y esto no solo revierte en la calidad, sino en las condiciones en las que se trabaja. Hay que dignificar el trabajo de los periodistas con el sueldo que se les paga, porque una mayor dignidad laboral implica que el periodista sea más independiente, se tome a sí mismo más en serio y sea más inquisitivo". Ana Expósito pon como exemplo de precariedade o traballo dos xornalistas autónomos, coñecidos como ‘freelance’. "Antes un ‘freelance’ podía vivir do seu traballo. Hoxe en día iso é practicamente imposible". Unha opinión que tamén comparte Érika Reija, corresponsal de RTVE. "Tengo compañeros ‘freelance’ que para ganarse la vida tienen que trabajar para cuatro o cinco medios diferentes. Es obvio que en esas condiciones, la calidad se resiente. Muchos medios solo buscan sacar músculo con su firma sobre el terreno, sin importarle en qué condiciones". 

Pero este desprestixio non só está ligado aos profesionais da información. Non hai que esquecer que os medios de comunicación son empresas ligadas a poderes políticos e económicos que as sustentan a base de publicidade e outras fontes de financiación como subvencións e outras axudas económicas. María Varela, redactora xefa do Diario de Pontevedra, asegura que "a crise económica debilitou aos medios. Pero tamén o uso que o poder político e empresarial quixeron facer da profesión a prol dos seus intereses". Segundo Miqui Otero, a relación entre os medios e os poderes son de sobra coñecidas para o público, o que non quita que coarte a liberdade á hora de publicar certas informacións. 

Xosé Manuel Pereiro: "A barreira que había antes entre os medios e a información serios e o circo xa non existe"

Outros dos factores que inflúen na perda de credibilidade son o intrusismo laboral e a espectacularización da información. "O intrusisimo fai moitísimo dano. Na televisión hoxe en día parece que calquera pode contar cousas, dar novas e facer a súa valoración en calquera programa. Non está ben regulado este tema" opina Liborio García, xornalista e presentador. Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes e vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, fala claro sobre a información amarela. "O problema é que hoxe hai certos temas que non se levan dende o punto de vista xornalístico, senón como un programa de variedades. A barreira que había antes entre os medios e a información serios e o circo xa non existe". Tamén opina sobre o tema Irene Quintela, profesional lucense afincada en Bélxica. "Antes os medios, sobre todo os públicos, tiñan unha misión social e educativa que se perdeu. Agora prima a vulgaridade".

INTERNET, AMIGO OU INIMIGO? O uso de internet no xornalismo é un tema máis complexo do que parece. Todos os profesionais parecen dacordo en que é unha ferramenta moi útil á hora de elaborar a información: ofrece inmediatez tanto para recibir como para emitir información que noutros tempos era impensable, permite contar historias de formas innovadoras e proporciona acceso a todo tipo de información en calquera momento e lugar. Pero a web é unha arma de doble fío. 

Coa chegada de internet ás nosas vidas, todos os medios quixeron formar parte da modernidade incluíndo versións web que ofrecían practicamente o mesmo que ofrecían nos soportes tradicionais pero de forma gratuíta, tal e como sinala Miqui Otero. "El cambio hacia el modelo digital no se hizo bien, no se ha sabido convertir en ingresos y eso debilitó a los medios". Esta cultura do gratuíto restou moito valor á información, e é un erro que os medios dixitais seguen pagando a día de hoxe, posto que máis alá da publicidade, non atoparon ningunha maneira se pode rentabilizar a información online de forma estable. 

O uso que os medios lle dan ás redes sociais tampouco é sempre o máis adecuado. "O xornalismo adaptouse mal ás redes. Aproveitou moi ben as novas tecnoloxías en canto ao técnico, pero no que é o contido fíxose moi mal. Wikipedia, Youtube ou Facebook non son fontes de información —comenta Expósito—, xa que en internet calquera pode opinar e non todo vale". Tampouco se pode concebir unha mensaxe nunha rede social como unha información completa. "A xente acaba crendo que un tweet é información, e nin sequera chega a titular. Non se pode substituír unha crónica con un tweet". Por desgracia, moita xente pensa que con botar un ollo ás redes sociais xa están informados, cando a brevidade destes soportes non pode brindar os datos suficientes para poñer unha información en contexto e poder sacar conclusións e opinións coherentes. 

Miqui Otero: "Hay que dignificar el trabajo de los periodistas con el sueldo que se les paga"

Outro dos fallos do xornalismo en internet é a búsqueda de interaccións co público a toda costa para conseguir ingresos, coñecido como ‘clickbait’, a base de publicar algúns contidos irrelevantes que poden ser considerados como noticias a pesar de non selo. 

MÁIS IMPORTANTE CA NUNCA. A pesar de todo, os profesionais da información consideran que o xornalismo é máis importante ca nunca antes. Reija teno ben claro. "En un mundo convulso y tan saturado de información, hacen falta profesionales solventes que expliquen y contextualicen lo que ocurre". 

O exceso de información procedente de todo tipo de fontes fai do xornalista unha figura indispensable, tal e como cometa Pereiro. "Calquera pode ser testemuña do que pasa e contar que algo sucede, pero esa información precisa dun contraste profesional para averiguar que iso é certo". 

Semella que, a pesar de todos os retos aos que se enfrenta o xornalismo, seguen sendo imprescindibles os profesionais formados, que deben poñer en valor a información relevante. Otero teno ben claro: "La labor de cada uno de los periodistas, al margen del medio en el que trabajen, es explicar con honestidad y con rigor la información. Eso es lo que salva a esta profesión y es algo que no se va a perder nunca".

En honor de Fučík
Comentarios