domingo. 15.09.2019 |
El tiempo
domingo. 15.09.2019
El tiempo

En galego, é de xustiza

O maxistrado da Fonsagrada e dous funcionarios, nas dependencias do xulgado
O maxistrado da Fonsagrada e dous funcionarios, nas dependencias do xulgado
Falar galego é un dereito e prestar servizo nesta lingua é obriga para calquera administración pública en Galicia. Aínda que a teoría e a práctica non sempre coinciden, no xulgado da Fonsagrada tomaron a norma ao pé da letra e utilizan para traballar a lingua maioritaria da xente, porque é xusto e necesario

O dereito é en esencia un conxunto de disposicións que deberían responder a unha realidade socioeconómica, a un xeito de estar no mundo e ás relacións derivadas dunha estrutura social. Entre a teoría ideal e a práctica real sempre hai un abismo, pero de vez en cando aparecen pontes para unir as marxes. Na Fonsagrada hai unha que se asenta nun elemento tan poderoso como feble: a lingua galega.

Os traballadores do xulgado fonsagradino levan 25 anos facendo un esforzo por achegarse á realidade social na que lles toca prestar servizo. Fixeron caso do dito de que «falando se entende a xente» e eliminaron as barreiras lingüísticas que ata entón marcaban as distancias entre quen manda e quen é mandado. Normalizaron o galego como lingua de comunicación cos administrados e conseguiron que ninguén tivese que cambiar de idioma ao atravesar a porta do xulgado. Escoitaron e responderon da forma que lles pareceu máis democrática, máis igualitaria e máis beneficiosa para o entendemento.

O xulgado da Fonsagrada traballa en lingua galega desde hai 25 anos, nos que superou con vontade a carencia de ferramentas 

Os usuarios da Xustiza teñen dereito a elixir o idioma no que expresarse e o galego é a lingua maioritaria no partido xudicial da Fonsagrada. Aínda así, os xulgados galegos non destacan por promover a liberdade de elección da lingua e para garantir este dereito é preciso que alguén leve a Administración polo rego. Ese foi o traballo de Xoán Montes, Alberto Benéitez, Luís Villares e Eladio Prieto no último cuarto de século. Eles foron os xuíces que dirixiron o traballo en galego do xulgado da Fonsagrada, respaldados polos funcionarios, sen os cales din que non sería posible que a lingua do pobo chegase ata o último dos documentos.

Os protagonistas Catro xuíces e varios funcionarios contribuíron a asentar un hábito que se contaxiou a avogados, procuradores ou forenses

paso a paso. O primeiro paso deuno Xoán Montes. A finais dos anos 80 decidiu escribir as súas sentenzas en galego. Nunca tal se vira na Fonsagrada, pero era a consecuencia natural dunha relación oral entre funcionarios e público que xa se daba nesa lingua. Só faltaba quen dera o paso e el decidiuse.

Alberto Benéitez chegou despois. Naceu en Euskadi e A Fonsagrada era o seu primeiro destino como xuíz. Nunca tivera contacto co galego, pero cando viu a situación non recuou. Aprendeu a falar e, aínda que nunca escribiu na lingua propia, realizou todos os procedementos orais en galego.

Despois chegou Luís Villares. Este xa era lucense, non tiña problemas coa lingua, máis ben absoluta paixón por ela, e deu o paso definitivo. Escribiu as sentenzas en galego e conseguiu que todos os procedementos se tramitasen, tanto na parte oral como na escrita, no idioma do pobo. Baixo a tutela de Villares, o galego foi por primeira vez lingua normalizada nun xulgado de Galicia.

O actual titular do xulgado da Fonsagrada, Eladio Prieto, tomou o relevo de Villares e continúa co labor emprendido, escribindo e falando en galego en todas as súas intervencións. Os procedementos xudiciais e de rexistro mantéñense maioritariamente na lingua de uso habitual da zona.

Pero estes catro parágrafos de resume de 25 anos de traballo esconden moitas dificultades, un esforzo inxente e vontade férrea dun equipo de persoas comprometidas coa defensa da lingua galega e que levan feito máis por ela que todas as campañas oficiais de normalización xuntas.

atrancos. O primeiro atranco foi a ausencia de ferramentas para traballar en galego, como formularios ou programas informáticos. Tres décadas despois continúan sen dispor deles, pero supliron a desidia da Administración con esforzo persoal e vontade.

Traduciron os formularios máis recorrentes e chegaron a ter unha aplicación en galego paralela á oficial. Iso obriga aos funcionarios a copiar os modelos en lingua propia cada vez que os usan, un sistema moi pouco áxil e que conleva un tempo de traballo engadido que non se pode considerar perdido, senón investido.

Colleron destreza cos tradutores de internet porque ata hai poucos anos nin lexislación en galego había e os xuíces aínda hoxe continúan traducindo a xurisprudencia que citan. Dedican horas extraordinarias de traballo que non van incluídas no seu soldo, pero teñen a recompensa de ver cumprido un compromiso ético coa sociedade, tanto pola calidade e proximidade do servizo que prestan como pola contribución que fan para dignificar a lingua.

satisfaccións. As satisfaccións non tardaron en chegar e foron dando folgos aos protagonistas do conto. O emprego do galego no xulgado da Fonsagrada foi unha sorpresa grata para a maioría e houbo contaxio. Avogados, fiscais e procuradores empezaron a usar a lingua materna e moitos que cambiaban de idioma ao presentarse ante o xuíz deixaron de facelo. Houbo incluso quen a piques da xubilación se decidiu a escribir as súas primeiras demandas en galego, tras toda unha vida exercendo por hábito nunha lingua que non era a súa.

A onda expansiva chegou a outros profesionais implicados nos procedementos xudiciais, como os forenses. Algúns gardas civís tamén se sumaron e, aínda limitados por formularios en castelán, deixaban a súa pegada redactando os informes na lingua da xente.

Tras un cuarto de século de normalidade lingüística, parece demostrado que a fazaña do xulgado da Fonsagrada trascende ás persoas e ten valor por si mesma. Levaron a democracia ao seu máximo explendor, deron opción de elixir, a xente falou e falou ben.

En galego, é de xustiza
Comentarios