El firmamento gallego, en el punto de mira de los amantes de la astronomía

Os amantes da astronomía daránse cita este venres 10 de setembro en Astrogalicia 2010. A terceira edición deste evento único en Galicia celebrarase no concello de Boimorto e contará coa participación de astrónomos de renome internacional como o físico e matemático portugués Pedro Russo.

O evento congrega tanto a un público afeccionado a esta disciplina como a curiosos e xente ávida de aprender astronomía. Isto é posible grazas á variedade de actividades propostas pola organización, tal e como asegura o responsable do equipo de organización do Astrogalicia 2010, Dositeo Veiga. 

Os actos van desde mesas redondas e proxeccións, até charlas coloquio e observacións astrais cun equipo de máis de 30 telescopios, "especialmente traídos para o evento". Estes conforman "a maior concentración de telescopios que se deu en Galicia" e foron cedidos polas once asociacións de aficionados á astronomía que existen no país.

As cotas de inscrición nas xornadas oscila entre os 20 e os 35 euros en función de se o usuario está ou non afiliado a algunha das asociacións, dentro deste grupo contan con 100 asistentes. De todos os modos, hai actividades abertas a todo aquel que decida participar como é o caso dos filmes, os visionados e as conferencias aos que se espera unha asistencia de até 300 persoas.

Programa
A noite do 10 de setembro abrirá as xornadas coa proxección de dous documentais, 'O sol nos Chaos', producido polo Laboratorio de Patrimonio, Paleambiente e Paisaxe da Universidade de Santiago de Compostela e 'Pequeña Serenata Astronómica' producido polo CSIC e institucións de Castilla la Mancha.

Ao día seguinte a axenda será máis completa, Inés Rodríguez Hidalgo, Juan Antonio Belmonte e Pedro Russo serán os ponentes das conferencias previstas para esta xornada. Haberá tamén unhas sesión de observación cos telescopios e un obradoiro astral.

A 'Contaminación Lumínica' será o tema principal da derradeira xornada do congreso. Carlos Herranz dará unha conferencia sobre o tema que se enlazará cunha mesa redonda na que todos os participantes poden tomar parte.

Astrogalicia 2010 foi organizado por seis voluntarios provintes de toda Galicia que traballan todo o ano para que este congreso saia adiante. Trátase dunha cita sen ánimo de lucro e tal e como declarou Veiga, "non contamos con apoio institucional, a única axuda é do Concello de Boimorto, en 'especies', posto que nos ceden as instalacións pertencentes ao municipio".

Comentarios