Docentes e estudantes reivindicarán en Lugo o ensino das linguas clásicas

A sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC) dará lectura a un manifesto o vindeiro martes co gallo da Mostra de teatro clásico de Lugo
Alumnos en un instituto.  EUROPA PRESS
photo_camera Alumnos nun instituto. EUROPA PRESS

A sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC) emprende o martes, 8 de marzo, unha nova edición da Mostra de teatro clásico de Lugo, que se celebra dende o 2001. Nesta ocasión, ás representacións sumarase a "reivindicación", pois na primeira xornada lerase un manifesto "en favor do mundo clásico", no marco da campaña SOS Clásicas. Con este acto arrancarán unha serie de mobilizacións nas redes sociais coas que o colectivo pretende chegar "a toda a sociedade, para facer ver a omnipresenza do latín, o grego e a cultura clásica".

Nun comunicado, a agrupación galega da SEEC denuncia "a situación das mal chamadas linguas mortas na educación secundaria". Sostén que son máis os centros escolares nos que se prescinde destas materias "por seren consideradas pouco últiles", algo que aos ollos do profesorado constitúe "un grave erro", que ameaza con conducir "ao descoñecemento do mundo que nos rodea". "O coñecemento clásico está presente no dereito, na bioloxía, na medicina, na arte e en tódolos eidos da vida", argumenta o colectivo, que prevé divulgar esta mensaxe nas vindeiras semanas a través de vídeos e outros contidos que compartirá nas redes sociais. A organización lembra que das linguas clásicas procede "a meirande parte do léxico científico-tecnolóxico", polo que incide en que o feito de que perdan peso no currículo académico "coarta o dereito a unha formación plena no ámbito científico, social e humanístico".

Na campaña participarán persoas anónimas e representantes do mundo da cultura que explicarán a utilidade que para eles ten o coñecemento do latín e o grego

Nesta campaña particparán persoas anónimas que exporán a utilidade que o coñecemento do latín e do grego xoga no seu día a día e na súa profesión. Tamén se sumarán personalidades do mundo da cultura.

A SEEC apunta que os días 8 e 9 de marzo, co gallo da mostra de teatro, "centos de alumnos de humanidades e mailo seu profesorado tomarán as rúas de Lugo" para facer visibles uns estudos que fan ás persoas "máis libres e humanas". 

Comentarios