miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

"Un disléxico séntese na escola igual que nunha clase de chinés"

Nuria Gandoy (esquerda) e Ana Rodríguez. XESÚS PONTE
Nuria Gandoy (esquerda) e Ana Rodríguez. XESÚS PONTE
Ana Rodríguez e Nuria Gandoy, logopeda e psicopedagoga do centro terapéutico Aúpa, estiman que un 10% dos lucenses sofre este trastorno xenético e que hai quen o descobre ao recoñecerse no diagnóstico dos seus fillos

Estes días o calendario conmemora A Semana Europea da Dislexia, unha dificultade específica da aprendizaje que afecta alomenos a un 10% da poboación. Ana Rodríguez e Nuria Gandoy, como logopeda e psicopedagoga do centro terapéutico lucense Aúpa, poden falar con coñecemento deste trastorno, xa que traballan cada día para que os afectados por el superen as súas dificultades. 

Que é a dislexia? 

A dislexia é un trastorno permanente, de orixe neurolóxica, caracterizado pola existencia dun conxunto de dificultades que obstaculizan a aprendizaxe da lectura (decodificación), en ausencia de calquera outra causa física, cognitiva, emocional ou ambiental. 

Os últimos estudos falan de que a sufriría un dez por cento da poboación. Correspóndese coa súa valoración polos casos que ven? 

Supoñemos que é un dato correcto, aínda que tamén nos chegan moitos nenos cun prediagnóstico que lles fan na escola e que finalmente non o é. Antes de chegar a ese diagnóstico hai que descartar outros problemas, xa sexa un cociente intelectual inferior á media ou problemas emocionais ou familiares, que lles poden provocar un bloqueo que dificulte o proceso de lecto-escritura. 

A idade para establecer o diagnóstico son os oito anos, pero pode haber antes algún sinal? 

Si, sempre que un neno, aos tres ou catro anos, presente dificultades na adquisición da fala debería ser atendido, porque pode ser un primeiro indicador de dislexia ou, simplemente, dun futuro problema escolar. Porque cando un neno non fala antes dos tres anos, dificilmente vai alcanzar aos seis anos o nivel de lecto-escritura que lle van esixir na escola. 

No plano emocional, se este trastorno non se atende hai frustración de por vida

Cales son os síntomas que deben alertar aos pais? 

Temos que ter en conta que son sinais que debemos observar antes dos 7 ou 8 anos, e entre elas están o retraso da fala, dificultades para aprender novas palabras, para a conversión grafema/fonema, pobre habilidade grafo-manual, pobre comprensión lectora ou erros na ortografía natural. 

Como se chega ao diagnóstico? 

Cando os rapaces teñen oito anos e hai sospeita de dislexia fánselles distintas valoracións: psicolóxica, para descartar outros problemas subxacentes; das súas dificultades específicas de lecto-escritura, e distintas probas de atención. Tamén ás veces é necesario pedir a valoración dun óptico comportamental, que se ocupa das disfuncións visuais que ocasionan problemas de aprendizaxe. Co resultado desas probas comézanse a traballar as dificultades específicas que se teñan manifestado. 

Co resultado desas probas xa se pode establecer se hai dislexia? 

Ao diagnóstico chégase cando os nenos teñen oito ou máis anos, levan un retraso de aprendizaxe de dous anos en relación ao seu grupo e se leva traballando con eles alomenos seis meses nas súas dificultades de lecto-escritura sen que haxa un avance significativo. Aí é cando se manda o informe ao neurólogo para que sexa el quen estableza o diagnóstico. 

Os últimos estudos din que a estrutura cerebral é diferente nos que teñen dislexia

Ademais de problemas de aprendizaxe, a dislexia pode levar outras complicacións asociadas. 

Si, claro, sobre todo no plano emocional. Cando chega un rapaz con este diagnóstico –e xa non digamos nos casos nos que non se establece– atopámonos cun neno frustrado, cada día e de por vida. Son cativos que non queren ir ao cole, que rexeitan todo o que teña que ver con ler e estudar, con dificultades de relación cos seus iguais... Os últimos estudos demostran que a estrutura cerebral dun disléxico é diferente, e iso é algo que sempre vai estar aí, pero cando os que están ao seu arredor, na casa e na escola, comprenden o que lles pasa, danlles máis apoio e a actitude do neno cambia, séntese mellor e iso vaise reflictir en todo. 

Cren que debería haber un ensino e unhas probas de avaliación específicas para estes rapaces? 

Si, porque na escola eles séntense como se a nós nos metesen nunha clase en chinés: podes atender os cinco primeiros minutos, pero ao non comprender o que din é imposible manter esa atención. Con eles hai que facer unha adaptación e, por exemplo, explicarlles con apoio visual, facilitarlles regras mnemotécnicas que os axuden, que teñan procesadores que lles lean a lección para que se lles vaia quedando de forma oral e tamén darlles máis tempo para os exames ou facerllos orais. 

Seguro que máis dunha vez lles pasou que, ao dar o diagnóstico dun rapaz, a súa nai ou o seu pai se recoñeceron nel. 

Si, si que pasa ás veces. E ás veces ese recoñecemento é unha xustificación para que os síntomas pasasen desapercibidos porque non lles daban moita importancia e dinche: "O seu pai tamén tardou moito en ler". Pero tamén lles permite entender mellor aos seus fillos e darse conta de todas as súas dificultades nos estudos ou dos truquiños que necesitaron inventarse para superar esas dificultades.

"Un disléxico séntese na escola igual que nunha clase de chinés"
Comentarios