''El periodismo no se aprende en la facultad''

Intimamente ligado ó mundo do deporte, tanto por afección coma por vocación profesional, o vilalbés Toni López é un exemplo de superación e seguridade en si mesmo a pesar da súa deficiencia visual. Para el, non hai nada que, de entrada, non poida facer, xa que só é cuestión de ''adaptarse á vida que a cada un lle toca vivir''. Con esta mentalidade de loitador nato, non só ten no seu haber dous campionatos e un subcampionato de España en iudo, senón que tamén canta os goles dos equipos da terra dende hai tres anos na Radio Galega.

Pregunta: Cando sentiu que o xornalismo deportivo era a súa vocación? Foi algo de sempre ou que foi xurdindo polas circunstancias?

Resposta:
A verdade é que non o tiña moi claro e contaba con moitas opcións para cursar unha carreira, pero cando estaba en segundo de BAC, José Luis Lombao, dunha radio de Vilalba, falounos no instituto da posibilidade de que algúns fixéramos un programa de radio. Apuntámonos eu e cinco máis e meteume o 'gusanillo' no corpo. En realidade, eu estaba matriculado para facer fisioterapia en Madrid, pero cambiei totalmente. Agora o que máis me gusta é o xornalismo e o deporte, e se podo xuntalos mellor que mellor, aínda que non descarto facer outro tipo de xornalismo.

Locutor na Radio Galega
P: E o de traballar na Radio Galega? Elexiu o medio porque era o que máis se lle podía adaptar?

R:
A verdade é que tamén foi todo casualidade. Anoteime ás prácticas da radio e televisión de Galicia o último día e porque me insistiu unha compañeira. Fixen as probas, que consistían en redactar unha noticia e lela, e veu Terio Carrera a preguntarme se me apetecía ir para os deportes da Radio Galega, e eu só puiden dicir ''claro que si!''.

P:
Como é unha xornada de traballo súa alí?

R: Fago un pouco de todo. As fins de semana é o programa Galicia en Goles de 17.00 a 00.00 horas, así que pola mañá fas produción para o programa e buscas temas, e, logo, cantar os goles de Segunda División. Agora, neste tempo, é todo produción, é totalmente distinto porque non hai ligas.

P:
Como foi a súa integración nese posto de traballo?

R: Cos meus compañeiros foime ben, xa que cando das dúas partes se pon boa vontade, é fácil. Simplemente, houbo que adaptarse a facer as cousas doutra maneira. Por exemplo, os técnicos fan moitos xestos ós locutores e a min tivéronse que adaptar e falar máis en vez de xesticular. Non me podo queixar de como me trataron.

P: Cre que hai moito intrusismo na profesión de xornalista?

R: Para min, o xornalismo non é algo que se aprende na facultade. O meu traballo, que é facer públicos uns acontecementos, hai moita xente que está capacitada para facelo. Unha persoa que teña moito coñecemento dun deporte pode aportar moito máis nun programa que, por exemplo, eu, que si teño o título. A xente non hai que valorala polos títulos, senón polo que sabe e o que pode aportar. O ideal sería ser periodista e ser un experto na materia.

Doblemente deportista
P: Vostede practica dous deportes considerados minoritarios: o iudo e a loita. Que opina do tratamento informativo que se lle soe dar a estas disciplinas nos medios?

R: É a pescadiña que se morde a cola. Por parte dos medios de comunicación, falta xente que controle máis deses deportes. Pero creo que moitas veces por parte dos deportistas e as federacións non se xestiona ben a información que manexan. Teñen que darse conta de que lles convén saír nos medios, por temas  publicitarios e de patrocinadores. Eu diríalles que tes que ser ti o primeiro en dar o paso, presentarte e que te coñezan, sé ti o que me deas información, aínda que moitas veces non poida saír, pero que eu saiba que estás aí.

E isto pasa tamén no caso da minusvalía, que é máis fácil botarlle a culpa á sociedade de que nos aparta en vez de mostrar que nós somos capaces de facer cousas. Non podes dicir que a culpa a teñen só os medios de comunicación por non sacar determinadas disciplinas. Aínda que sone duro, hai deportes que non venden, e tes que buscar a forma de facelo chamativo. Se á xente lle interesa o fútbol, hai que vender fútbol. Como deportista ou federación, tes que buscar ese oco que queda libre alí entre o fútbol e os outros deportes.

P:
Tamén colaborou co departamento de prensa da Federación Galega de Loita. Predicaba co exemplo?

R:
Fago o que podo, porque non me adico a iso, só lles botaba unha man. Pero hai que colaborar cos medios, senón é imposible.

P:
Comentou que, o mesmo que deberían facer as federacións de deportes minitoriarios, tamén o terían que facer as persoas discapacitadas. Como cre que está o acceso laboral para elas?

R: Ese paso da xente con minusvalía de ser os primeiros en dicir que están aí é fundamental. Segue habendo problemas de integración, cada vez menos, eso sí, pero non só cos minusválidos, senón tamén con outros colectivos. Actualmente, tal e como está plantexado o tema da formación para discapacitados, máis que integración o que máis falta é igualdade de oportunidades. Tes que ser capaz de desenvolverte, e isto está máis ou menos  superado, pero logo tes que demostrar que podes facelo. Temos que deixar de sentirnos discapacitados para sentirnos persoas moi capacitadas para facer o que queiramos.

P: Considérase afortunado pola súa situación laboral?

R: Eu considero que podo desenvolver o meu traballo coas mesmas garantías que outra persoa. Evidentemente, non podo narrar un partido, pero podo facer outras cousas que igual outros non poden. Estou moi seguro de que podo realizar o meu traballo. Cústame, e terei que facer as cousas doutra forma, pero creo, aínda que esto terían que dicilo os meus xefes, que demostrei que son capaz de facelo.

Campión de España de iudo
P: Aparte de xornalista deportivo, é un deportista de élite. Este ano foi campión de España de iudo para deficientes visuais, un título que acadou hai dous anos na que foi a súa primeira competición oficial. Notou diferencias entre eles?

R: Co paso do tempo notas que a experiencia é un grado e non compites tan acelerado e sabes máis. Aprendes a ir controlando, a visualizar mellor o combate e a analizar o que fai o teu contrincante.

P: Hai unhas semanas participou no campionato de Europa. Como foi a experiencia?

R: Era a primeira competición internacional á que ía e fun quinto, o cal para min é moito máis importante que calquera dos de España que gañei. Creo que pelexei bastante ben e que nalgúns combates fixen o meu mellor iudo ante xente de moito nivel, así que me quedou un bo sabor de boca.

P:
Que obxectivos deportivos ten marcados a curto prazo?

R:
Vou empezar a preparar o exame de cinturón negro para o ano. Despois dependerá da miña situación laboral, xa que en decembro pode cambiar ou non. O iudo gústame, pero o traballo é o fundamental e custoume moito estar onde estou. Tamén estou á espera de saber se podo participar co meu clube, o Senra, na Liga de iudo e espero sacar o segundo nivel de entrenador de loita este ano. Dar clase é unha cousa que non me disgustaría en absoluto.

Representación dunha xeración
P: Cando se cumpliron os 25 anos do Estatuto da Autonomía de Galicia, vostede foi o encargado de ler un discurso en representación da xeración de galegos que naceron con este documento. Como xurdiu esta invitación?

R: En novembro do 2006, nas sete grandes cidades galegas houbo actos de conmemoración do aniversario do Estatuto, e en Pontevedra fixeron un que tiña que ver con xente con discapacidade. Unha rapaza que fixera Periodismo coñecíame e díxome de ir, e aceptei. Din o meu discurso sobre a discapacidade enfocándoo porque somos nós os que temos que dar o paso adiante para integrarnos. Supoño que lles gustaría o que dixen e propuxéronme falar no acto do Parlamento. Eu admito que vende máis que o faga unha persoa con minusvalía, pero puxen a condición de que ía falar sobre Galicia e o Parlamento neses 25 anos, non da discapacidade, e de cómo un rapaz coma min podía ver Galicia ó longo dese tempo e que cre que pode chegar a ser.

P:
Que quixo destacar na súa intervención?

R: Que é importante que Galicia siga desenvolvéndose e modernizándose, pero sen esquecer as súas raíces e a súa traxectoria histórica, ligada tanto ó medio rural coma ó marítimo, que son dúas liñas que non poden esquecerse e que son compatibles co desenvolvemento. O campo e o mar leváronnos a ser o que somos, xunto coa nosa lingua, que é básica e indispensable, porque é o que nos diferencia.

Comentarios