Deberían votar os mozos de 16 anos?

A neurociencia di que non están preparados, a socioloxía veo necesario e a politoloxía está dividida. Os rapaces queren decidir.
Bea Torrón, Carme Lodos, Mario Rodríguez e Paula Fernández, alumnos do colexio Galén. SEBAS SENANDE
photo_camera Bea Torrón, Carme Lodos, Mario Rodríguez e Paula Fernández, alumnos do colexio Galén. SEBAS SENANDE

Aos 16 anos pódese traballar, pagar impostos, casar, ter responsabilidade penal, dar consentimento médico ou ir de caza cunha escopeta, entre outras cousas, pero non se pode participar nas decisións que regulan eses ámbitos, é dicir, non está permitido votar.

A posibilidade de rebaixar a idade de sufraxio dos 18 aos 16 anos está sobre a mesa. Unha subcomisión do Congreso procederá ao seu estudo e o debate está servido. Profesionais de distintos ámbitos contrapoñen opinións a favor e en contra baseadas en razóns e coñecementos do máis diversos. 

Os sociólogos consideran xusto e enriquecedor que os rapaces participen nos procesos políticos que impliquen a configuración das normas ás que deben someterse. Entenden que foron adquirindo responsabilidades e deberes cada vez máis próximos aos dos maiores de idade e que os seus dereitos tamén deben equipararse.

Os politólogos están divididos. Hai quen considera que a rebaixa da idade de sufraxio é un dereito dese segmento de poboación que xa non é infantil e hai quen se opón porque teme que a inestabilidade emocional que se lle presupón á adolescencia distorsione o voto cara a tendencias extremas.

As opinións en contra veñen maioritariamente do ámbito científico. Os neurólogos aseguran que aos 16 anos unha persoa non está totalmente capacitada para tomar unha decisión de xeito racional porque o seu cerebro aínda non rematou de formarse e o factor emocional ten un peso desproporcionado.

No debate social os que máis berran son os adultos, pero as voces dos máis novos, os afectados pola decisión, resoan con claridade: queren votar, vense capacitados para opinar e cren que poden enriquecer o sistema político con novas ideas e perspectiva de futuro.

O argumento dos rapaces é difícil de rebater: ninguén pasa unha proba de nivel intelectual e estabilidade emocional antes de meter unha papeleta nunha urna. Quen pode asegurar que un adulto non é influenciable? De que depende a capacidade para votar?

ELÍAS TRABADA. O sociólogo Elías Trabada Crende considera "xusto" que se amplíe o dereito de sufraxio aos 16 anos e entende que "hai unha contradición entre a normativa política e outros ámbitos de participación social". 

Apunta que os rapaces de 16 "finalizan a educación obrigatoria e poden traballar, pagar impostos, participar en movementos asociativos ou casar. Sería lóxico que tamén puideran decidir sobre as políticas que os gobernan".

Cre que nestes momentos "hai unha actitude prepotente do adulto que goberna a vida dos que considera inmaduros", pero afirma que esa consideración é errónea porque "os rapaces están demostrando interese por participar a través das asociacións de estudantes, deportivas, culturais, ecoloxistas, feministas... Aí está Greta Thunberg e toda a xente que move".

Elías Trabada ten constatado que os adolescentes teñen "preocupación pola autonomía, pola emancipación, pola situación laboral, pola crise climática" e considera que "sería moi beneficioso que puideran canalizar eses intereses a través da participación política".

Para fortalecer a democracia como método político é oportuno

Negarlles o dereito ao voto conleva, en opinión deste sociólogo, "situacións sorprendentes, como que se está facendo unha reforma educativa sen ter en conta a opinión dos usuarios".

Elías Trabada ten presentes os argumentos dalgúns sectores en contra de reducir a idade mínima para votar. "A falta de experiencia vital, a emotividade ou a influencia das redes sociais non xustifican nada. Quen non é influenciable ou vulnerable? A que idade somos inmunes a todo? Ao resto da poboación non se lle esixe control ningún para votar. A tendencia ao populismo no voto xa se está producindo na actualidade sen a participación política dos adolescentes".

O sociólogo lucense apunta outro aspecto que podería influír no debate. "Hai certo temor dos pais a que este cambio impulse máis autonomía dos rapaces dentro dos fogares". En todo caso, insiste en que ve "máis vantaxes que inconvenientes".

Conclúe que "para fortalecer a democracia como método político é oportuno, e incluso habería que buscar o xeito de complementalo desde o ámbito educativo. Trátase de formar persoas con capacidade de reflexión, actitude crítica e implicación nos procesos de cambio necesarios na sociedade".

ALICIA LAGE. A psicóloga Alicia Lage, da clínica Sinapsis, de Burela, explica que aos 16 anos o cerebro aínda está en proceso de maduración e non ten todas as súas capacidades desenvolvidas. En base a isto, considera que ampliar o dereito de voto aos 16 non é unha boa idea.

Esta profesional da neuropsicoloxía sinala que "non é cuestión de opinión, senón que ten unha explicación científica". E argumenta que "a neurociencia, que estuda o cerebro, di que o punto de maduración óptimo chega aos 21 anos. Aos 16, as partes do cerebro que controlan o impulso para equilibrar emoción e razón están aínda en desenvolvemento e son clave para a toma de decisións".

Alicia Lage explica que "as funcións executivas do cerebro son as responsables de anticipar condutas, solucionar problemas, filtrar información ou decidir. Se ata os 21 anos non están desenvolvidas, haberá dificultades para regular actitudes e emocións".

Esta psicóloga considera que "pedir autoconciencia e implicación activa na política a un rapaz de 16 anos é precoz desde o punto de vista da neurociencia" e incide en que nesa etapa de desenvolvemento son "altamente influenciables. A emoción está en pleno desenvolvemento e atravesan cambios hormonais que provocan irritación e variacións do humor. Van aos extremos".

Pedir autoconciencia e implicación activa na política a un rapaz de 16 anos é precoz desde o punto de vista da neurociencia

Aclara que "non todos os rapaces de 16 anos son iguais, como ocorre cos adultos, pero a decisión de conceder o dereito ao voto non é individualizada. En conxunto, o que constata a ciencia é que non están preparados. Poden ter unha alta capacidade cognitiva, ser moi intelixentes e ter aprendido moito, pero a intelixencia emocional que condiciona as decisións está madurando".

Apunta como curiosidade que "as aseguradoras de vehículos poñen un prezo máis alto ata os 21 anos porque hai máis risco de conduta temeraria dos condutores, precisamente por esa dificultade para controlar as emocións, que limita a percepción do risco".

Alicia Lage avoga tamén por introducir cambios no sistema educativo que contribúan á formación dos rapaces no eido político. "A educación é clave na configuración das persoas e as familias debemos cooperar para que os mestres poidan facer ben o traballo que lles corresponde".

ANTÓN LOSADA. O politólogo Antón Losada defende sen dúbida ningunha o dereito das persoas de 16 anos a votar. Afirma que "é o último tabú por derrubar no tema do voto. Antes foi o xénero, non votaban as mulleres; a formación, había que saber ler e escribir, ou a propiedade, había que ter patrimonio".

Considera que "os rapaces de 16 anos teñen hoxe máis capacidade de formación e información da que antes tiñan os de 25" e apunta que "se as súas obrigas son cada vez máis equiparables ás dos maiores tamén deben ter ese dereito".

Antón Losada apunta, porén, que "para facer o cambio na lei electoral é necesario un consenso amplo que o lexitime". Considera que esta adaptación tería "máis importancia cualitativa que cuantitativa, pois a porcentaxe de poboación comprendida neses dous anos non é moita". 

Sostén que a introdución dun novo grupo de idade non debería afectar demasiado aos programas electorais porque "non hai moita diferenza entre un rapaz de 18 e un de 16. O que si poderían é facer máis forza en conxunto e obrigar aos partidos máis tradicionais a cambiar algo o seu discurso".

É o último tabú por derrubar no tema do voto. Antes foron o xénero, a formación ou a propiedade

Este politólogo está convencido da capacidade intelectual dos mozos para votar, pero do que dubida é do seu desexo de facelo. "Pregúntome cantos votarían se puideran. Mobilizar a xente nova é difícil".

A resposta só poden darlla os rapaces. Mario Rodríguez, Carme Lodos, Bea Torrón e Paula Fernández son alumnos do colexio Galén de Lugo. Os tres primeiros teñen 17 anos e a cuarta ten xusto 16. Teñen claro que queren participar en todo o que se lles permita e influír nas decisións que se tomen nunha sociedade da que forman parte e que tamén lles impón deberes.

Fan alarde dunha gran capacidade de reflexión e teñen un sentido autocrítico que os honra. Aseguran que votarán en canto se lles permita, pero reclaman ao sistema educativo formación para facelo con criterio. Piden aos partidos programas electorais acordes coas necesidades do país e aos votantes, responsabilidade.

Inmersos nunha pandemia na que a xuventude foi sinalada co dedo por, supostamente, non respectar as normas, estes catro rapaces responden ao unísono que non quitan a máscara nin para facer unha foto para o xornal porque estamos en alerta sanitaria. Non hai réplica posible.

Mario Rodríguez. SEBAS SENANDE
Mario Rodríguez. SEBAS SENANDE

MARIO RODRÍGUEZ. Defende o dereito de calquera persoa a opinar e cre que os rapaces de 16 anos están tan capacitados para votar coma os maiores de idade.

Mario Rodríguez entende que os dous anos que separan os mozos de 16 dos de 18 "non supoñen unha gran diferenza en canto aos aspectos que condicionan o voto". En resposta ás dúbidas sobre a súa capacidade, apunta que "tamén hai moitos adultos con dereito a opinar que non saben razonar o seu voto".

Hai moitos adultos que teñen dereito a opinar e non saben razonar o seu voto

Considera que elixir un partido ao que apoiar é "relativamente fácil", pero ve "máis difícil participar activamente na política". Pensa que aos rapaces da súa idade, polo xeral, lles falta preparación para formar parte dunha candidatura electoral. "Unha cousa é votar e outra facer as leis", sentenza.

En todo caso, afirma que para que calquera cidadán poida exercer con liberdade o seu dereito ao voto sería interesante "mellorar a formación cívica, os coñecementos de historia política e de ética. Que a xente saiba que é o que fai cando vota".

Carme Lodos. SEBAS SENANDE
Carme Lodos. SEBAS SENANDE

CARME LODOS. Nesta idea coincide Carme Lodos, que reclama máis formación política a todos os niveis, para votar con criterio e para participar activamente na vida política. 

Esta moza fai unha pregunta clave: "Quen está realmente capacitado para votar?"

Defende o dereito dos rapaces a manifestar a súa opinión a través do voto porque o resultado das eleccións "va a afectar tanto a la gente joven como a los adultos". E achega un punto de vista autocrítico que xa lle gustaría ter a moitos adultos: "Los dos años de los que estamos hablando son muy importantes en la formación de una persona. La diferencia entre 16 y 18 no es la misma que entre 30 y 32 en cuanto a desarrollo personal".

Los partidos deberían adaptar su discurso. A veces hay que elegir entre uno malo y otro peor

Considera que os mozos da súa idade "tienen un pensamiento muy polarizado. Habitualmente se cree que la gente joven es muy progresista, pero hay mucha influencia de las redes sociales y eso genera tendencias ultras". Entende que a información sesgada e a falta de fontes fiables xera este tipo de ideoloxías extremas.

Carme Lodos sostén que os partidos políticos terían que adaptar o seu discurso á xente nova se fosen os seus potenciais votantes. "A veces tienes que elegir entre un programa malo y otro peor", afirma. Esta rapaza poderá votar dentro de un ano e gustaríalle apoiar a quen se preocupe por "mejorar el mercado de trabajo porque los jóvenes no tenemos una perspectiva de futuro laboral en condiciones dignas".

Bea Torrón. SEBAS SENANDE
Bea Torrón. SEBAS SENANDE

BEA TORRÓN. Maniféstase claramente a favor de que os rapaces de 16 anos en diante poidan votar. Cre que "teñen madurez suficiente para expresar a súa opinión" e engade que sempre hai opción de non facelo "se a alguén non quere". De feito, considera que sería un exercicio de responsabilidade "que calquera persoa á que non lle interese non votase".

Temos madurez suficiente para opinar e a quen non lle interese a política que non o faga

Bea Torrón valora moito a liberdade de elección, tanto para votar como para participar na política e propón outra modificación. "Pareceríame ben que a xente se puidese presentar voluntaria para formar parte das mesas electorais".

Paula Fernández. SEBAS SENANDE
Paula Fernández. SEBAS SENANDE

PAULA FERNÁNDEZ. A máis nova de todos, Paula Fernández, explica que entende as posturas a favor e en contra. "Creo que deberiamos poder opinar sempre e de todas as maneiras posibles, pero tamén recoñezo que estamos nunha idade complicada. É un punto medio. Non somos nenos, somos independentes para moitas cousas, pero aínda nos falta un pouco para ser adultos".

Para paliar esta posible carencia, considera que sería interesante incidir na formación política na etapa educativa. "Sería necesario ter unha asignatura obrigatoria para todos de concienciación cívica. Que saibas para que é o que votas".

Debería haber unha asignatura obrigatoria para que a xente saiba que é o que vota

A familia é outra fonte fundamental na configuración da conciencia ideolóxica dos rapaces. Os tres de 17 anos afirman que as conversas sobre política non son frecuentes nas súas casas. Só Paula Fernández apunta que na súa familia si tratan estes temas, "pero non en profundidade, simplemente comentamos a actualidade que podemos ver, por exemplo, na televisión".

Aínda que todos aseguran que votarían se puideran, descartan formar parte de candidaturas electoriais, polo menos de momento.

SABÍAS QUE...
En Europa
► Austria foi o primeiro país europeo en permitir votar aos 16 anos, desde 2008. Agora tamén se pode en Malta e Chipre. 
► En Hungría poden votar se están casados e en Bosnia, Croacia, Eslovenia e Serbia, se teñen traballlo.
► En catro rexións de Alemania as persoas de 16 anos poden votar en comicios locais e rexionais. O mesmo ocorre nalgunhas partes de Estonia, en Escocia e as illas de Jersey, Man e Guersney.
► En Grecia o voto está permitido a partir dos 17 anos.

Outras partes do mundo
► Arxentina, Nicaragua, Ecuador e Cuba permiten votar a partir dos 16 anos. 
► En Irán pódese votar desde os 15 anos.
► Timor Oriental e Israel (só para comicios locais) teñen fixada a idade legal para votar nos 17 anos. En Indonesia tamén se pode votar aos 17 ou antes se están casados.

Voto obrigatorio
► É obrigatorio votar en Bélxica, Chipre, Grecia, Bulgaria e Italia. En Luxemburgo os cidadáns están obrigados a votar ata os 75 anos e as multas por non facelo poden chegar aos mil euros.
► En Brasil poden votar de xeito opcional os cidadáns de 16 e 17 anos e os de máis de 70. Dos 18 aos 70, participar nas eleccións é obrigatorio.
► En Ecuador están obrigados a votar entre 18 e 65 anos e poden facelo de xeito voluntario desde os 16 e a partir de 65.

Maioría de idade
► A maioría de idade en España baixou de 21 a 18 anos o 17 de novembro do 1978. O referéndum da Constitución, celebrado o 6 de decembro dese mesmo ano, foi a primeira consulta pública na que puideron participar os votantes de 18 anos.

Comentarios