Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

De 'Mar Maior' a 'Cancioneiriño de Valdeorras' en 50 títulos

Miranda, Pozo Garza, Manuel María, Agrelo Hermo, Vidal Villaverde, Neira Vilas e Graña
Miranda, Pozo Garza, Manuel María, Agrelo Hermo, Vidal Villaverde, Neira Vilas e Graña
Manuel Vidal Villaverde repasa a bibliografía poética en galego de Manuel María

Teño diante de min o Cancionero de Jorge Manrique, que nada ten que ver co poeta de Outeiro de Rei. A carón do místico castelán, Cancioneiriño de Valdeorras, que un apostila —se alguén non me amosa o contrario— o derradeiro libro de Manuel María, asinado por M. Outeiro Hortas, pseudónimo ou heterónimo que ben poucos coñecen, cecais si Saleta Goy e os que fixeron posible o poemario o 20 de abril de 2003, ano no que o Día das Letras Galegas foi dedicado ao escritor noiés Antón Avilés de Taramancos, sepultado en Noia, no cimeterio de Boa, onde medra unha cerdeira que un verán louco chantamos as escritoras e escritores da nación negada, só recoñecida tarde e mal que ben como 'nacionalidade histórica', e abofé que non sei exactamente que significa para uns e para outras. Ano novo, vita nuova que escribira ben lonxe disto Dante Aliguieri.

Se lle botamos unha ollada á bibliografía poética en galego de Manuel María, os títulos exceden do medio cento, e seguindo a introdución que fai Darío Xohán Cabana na ’Antoloxía poética’ escolmada por el e Amelia Outeiro Portela (Galaxia, 2016), observamos que do ano de elaboración ao da publicación median moitos anos; 54 no caso de ‘Elexías a miña pequena vida’, que viu a luz, como di Darío, "libro experimental e atoutiñante, escrito inmediatamente despois do Muiñeiro pero non publicado ata 2004, moi pouco antes da morte do autor".

Vexamos: Muiñeiro de brétemas (19491950), Elexías a miña pequena vida (1950-2004), Morrendo a cada intre (1950-1952, Advento (1950-51, 1954), Libro de pregos (1951-1962), Poemas a Compostela (1952-1993), Mar Maior (1952-1963–1963), O Miño canle de luz e néboa (1953-1996), Terra Chá (1953-1954), Entre a arxila e a luz (1956-57 (2002), Documentos personaes (1957-1958), Poemas da ausencia (1958-1959), Camiños de luz e sombra (1950-60–2000), Remol (1963-68–1970), Proba documental (1966-67–1968), Os soños na gaiola (1967–1968), Versos para cantar en feiras e romaxes (1967–1969), Versos pra un país de minifundios (1968 – 1969), Canciós do lusco ó fusco (1969 –1970), Informe para axudar a alcender unha cerilla (1970–1973), Odas nun tempo de paz e de ledicia (1971 – 1972), Aldraxe contra a xistra (1972 – 1973), Laio e cramos pola Bretaña (1972–1973), Oda ós críticos (1973–1974), O libro das baladas (1973–1978), Cantos rodados pra alleados e colonizados (1974–1976), Poemas pra construír unha patria (1975–1977), Poemas ó Outono (1976–1977), Brétemas do muiñeiro (1977–2000), Catavento de neutrós domesticados (1978 – 1979), As rúas do vento ceibe (1978–1979), Cecais hai unha luz (1979–2010), Poema da néboa aferrollada. Este ultimo que inserimos aquí, seguindo a Darío, permanece inédito, e o poeta de Cospeito posúe unha copia mecanoescrita polo propio Manuel María, o 3-10, Outono, 1979, advirtindo nunha nota ao pé de páxina que "nalgunhas bibliografías figura como publicado. Sabemos por que, pero a historia é algo para contala aquí".

Logo dos mencionados, proseguen outros quince títulos nos que o ano de composición á publicación non dista tanto como unha boa parte dos anteriores, 'mutatis mutandis'. Mar Maior, un libro non exactamente senlleiro do poeta tivo non poucas dificultades para ser publicado. Logo dun feixe de tempo nas mans de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e outros que entón gobernaban a Editorial Galaxia, por algunhas palabras que Manuel puña nos seus versos, tal vez polo seu claro compromiso político digo, o autor se negou a substituír por outros vocablos, igual que acontecera con ‘Brétemas do muiñeiro’ que, despois de moitas voltas foi publicado por Sabino Torres Ferrer en Litoral das Rías, S. L. Ediciones, segundo me contou o entrañable amigo en longas conversas telefónicas nestes meses que van transcorridos do ano, e aínda do anterior, logo de me informar en Trasalba Ramón Lorenzo: "é Manuel María". E o que digo aquí pódeno ler vostedes en Manuel María: Entre santos e navallas, que proximamente editará Edicións Laiovento.

Retornemos ao empezo deste artigo, a emoción embarga, o espazo é limitado na imprensa. De Mar Maior á Cancioneiriño de Valdeorras hai unha distancia de corenta anos. Manuel María escribe para o Cancioneiriño unha brevísima noticia de M. Outeiro Hortas, autor do Cancioneiriño de Valdeorras, un aviso que é un autorretrato: "profesor nunha academia privada", "procurador dos tribunais", polos anos sesenta, troca Monforte polo Barco de Valdeorras, o Cabe polo Sil, "o noso poeta era un home falador e extrovertido, cunha grande curiosidade dediante da vida, algo lambonciño, gastaba moitas horas nas tabernas e nos cafeses". Jorge Manrique, claro que nada ten que ver co cantor da Terra Chá. Pero abro o libro e leo "Nuestras vidas son los ríos/que van dar en la mar/qu’es el morir". Manuel María do Miño de Outeiro de Rei morreu na Coruña, cabo do mar. Quixer o mar ir o río, pero non puido ser. Loa a Manuel María que me nomeou chairego de honra nun outono distinto e distante, logo de lle levar lirios da tarde estremecida á tumba do poeta francés Francis Jammes.

De 'Mar Maior' a 'Cancioneiriño de Valdeorras' en 50 títulos
Comentarios