Cristina Pato impartirá clases este curso na Universidade de Harvard

Este é un paso máis na súa relación co centro, xa que levaba 6 anos impartindo cursos de verán e diferentes cursiños ao longo do ano académico
Cristina Pato
photo_camera Cristina Pato

A gaiteira Cristina Pato impartirá clase durante este semestre, a partir do 25 de xaneiro, no Departamento de Música da Universidade de Harvard, como “artista distinguida” nun curso sobre etnomusicoloxía.

Cristina Pato, xunto co seu compañeiro de The Silk Road Ensemble Shane Shanahan, impartirá maxisterio dentro do programa The Blodgett Distinguished Artist in Residenca que mantén Harvard desde hai 26 anos, e que convida a artistas e grupos distinguidos dar clases e realizar actuacións de distinto tipo no seu Departamento de Música. Outros artistas e conxuntos destacados que participaron son o Mendelssohn String Quartet, o Ying Quartet, Neba Solo, Greg Osby, Jean Claude Risset e Sir Harrison Birtwistle.

A artista ourensá estará ensinando no Departamento de Etnomusicoloxía nun novo curso chamado Performing Musical Difference: Case Studies from the Silk Road Project, que dirixe Kay Kaufman Shelemay, en cooperación con músicos de Silk Road Ensemble. Nel exploraranse os procesos sociais e os retos éticos do intercambio musical, co obxectivo de crear “conexións inesperadas, colaoracións e comunidades na procura dun cambio significativo”.

Este é un paso máis na súa relación coa Universidade de Harvard, xa que Cristina Pato leva seis anos impartindo aulas nos veráns e en diferentes cursiños ao longo do curso académico co Departamento de Educación (Harvard Graduate School of Education) sobre o poder das artes na educación en na sociedade (Arts and Passion Driven Summer Institute ou o último sobre Arts and Healing), en colaboración con Silk Road Project, que reside na universidade e do que a artista ourensá é conselleira de educación.

Comentarios