Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

''Siempre me gustó llegar algo, que mi nombre sonase fuera de Galicia''

Nestes días de comezos de verán, cara as seis da tarde, Cristina Castaño despide durante unhas horas a Judith, a psicóloga temperamental e decidida que trata de acougar a disparatada comunidade de propietarios de 'La que se avecina', a última serie de éxito da cadea privada Telecinco.

Vivaracha e alegre coma ela soa, a actriz vilalbesa non perde a enerxía coa que se levanta cada mañá nun Madrid que se move ás présas, unha enerxía necesaria para aguantar o traxín que esixe a grabación de seis secuencias seguidas.

Pregunta: É cansado isto do espectáculo?

Resposta: A verdade é que cando estás inmersa nun proxecto deste tipo hai que ter ritmo e disciplina, pero a satisfacción compénsao todo. Dende pequena quixen dedicarme ao mundo do espectáculo, fose cantando, presentando ou actuando.

A min poñíanme unha cámara diante e automaticamente cantaba, bailaba ou o que me botasen [ri]. Supoño que serán as ganas de facer cousas, de que o resto do público che aplauda, de ser o centro de atención...

Ambición polo triunfo
P: Necesítase, entón, algo de ambición para triunfar?

R: Ambición, triunfo... son conceptos relativos, como todo na vida. A min sempre me gustou chegar alto, pero no sentido de dedicarme ao que me gusta, de que o meu nome soase tamén fóra de Galicia. Nun principio vin a Madrid a estudar Xornalismo, pero todas estas experiencias non terían sido posibles sen contar co apoio da miña familia.

P: Non houbo reparos na casa?

R: Non. Digamos que miña nai si que quería que estudase unha carreira, pero ao final acabei abandoando porque sabía que nunca me dedicaría a iso e comecei en serio a formarme como actriz. Tampouco me podía dicir nada [volve rir]. Digamos que no meu caso é como quen ten 'antecedentes'.

P: A que se refire?

R: O meu avó materno, Luis Gómez, foi director de 'La Zarzuela' en Vilagarcía e traballaba en Radio Arousa, meu pai toca o piano, miña nai canta e fixo o primeiro programa para nenos da TVG, 'Rapaces', no que eu e meu irmán participamos con oito ou nove anos. El mesmo, Nacho, é agora actor e director de dobraxe.

A morriña galega
P: E non bota de menos Galicia?

R: Claro que si! E non descarto volver. Teño moitos amigos actores alí e están encantados con varios proxectos [dende o outro lado do teléfono Cristina emociónase e dá súa boca sae unha fervenza de palabras doces]. Xa o teño feito en moitas ocasións, cando regresei  medio ano para rodar a primeira 'sitcom' que se fixo en Galicia con público, '4º sen ascensor', un modelo semellante ao de 'Siete vidas'. As tramas eran moi boas e o equipo fantástico, pero deume pena que a TVG non a coidase e a emitise coa regularidade que necesita unha serie para que sexa vista.

P: Sería que non gustaba ese tipo de humor en Galicia...

R: Penso que non é era ese o problema. Os directivos das canles, pero de calquera delas, móvense con criterios empresarias e adoitan esquecer os artísticos, a análise sobre cómo chegar ao público.  Ás veces non deixan tempo para asentar fórmulas de éxito. Eu son actriz e sei que vexo as cousas dende a miña perspectiva e que eles terán tamén razóns moi poderosas, pero algunha pequena viraxe non viría mal... [Cristina estrea a trintena, pero a través do fío telefónico adivíñanse os seus doce anos de carreira, a vida enteira entre bambalinas].

P: Como ve o tema da formación dos actores na nosa comunidade?

R: Mellorou moitísimo dende os meus comezos. Eu comecei a traballar sen prepararme como actriz, fíxeno despois. Agora a xente que se quere dedicar a isto pode facelo e iso é moi importante. A Escola de Arte Dramática de Vigo está a facer un traballo moi importante. Ademais, o mercado medrou moito, a nivel de cinema, de televisión...

Orgullosa do salto a Madrid
P: Falando da pequena pantalla, a súa personaxe de Judith en 'La que se avecina' está dando moito que falar. Que supuxo volver a colarse nas pantallas de todo o país?

R: Síntome moi orgullosa deste novo paso na miña carreira. Galicia xa coñecía a miña faceta en comedia, pero Madrid non, e apetecíame moitísimo que o público e a profesión me visen nese rexistro. Sempre me tocaran papeis de mala ou sufridora, como en 'Al salir de clase' ou en 'Herederos'. Ademais, ser incorporación xunto a Antonia San Juan foi un honor moi grande.

P: Como é o traballo cunha 'chica Almodóvar'?

R: Antonia é fantástica. Nos descansos cóntame dos nervios que pasaron cando foron a Cannes con 'Todo sobre mi madre', con aquela voz súa: que se unha tiña diarrea, a outra mareada... Rimos moito.

P: Citaba 'Herederos'. Como foi compartir plató con Concha Velasco?

R: Buff... A min Concha xa me coñecía, porque a primeira obra de teatro que fixen, 'Las manzanas del viernes', de Antonio Gala, estaba protagonizada e producida por ela. Eu, que era moi noviña, quedábame a ver como actuaba entre bambalinas e aprendía só con vela. É toda unha escola. Cando me volveu ver en 'Herederos' o primeiro día pegou un berro de alegría.

P: Xa que mencionamos os veteranos da escea, é aínda moi nova pero, como se imaxina a súa retirada?

R: Non a imaxino. Non creo que deixe nunca de facer fición. Ata que morra. Ata que o corpo resista. Ademais son unha persoas á que lle gusta coidarse para que cando sexa máis maior teña unha boa saúde e forma física para poder seguir subindo a un escenario e estudar os papeis. A veteranía ten que ser por forza unha gran época na vida do actor. Coñezo moitísimas compañeiras de sesenta, setenta e oitenta anos traballando. Mariví Bilbao (a fumadora Izaskun da serie), Gemma Cuervo ... Oxalá chegue eu a esa idade con traballo, ganas e saúde. 

Coa maleta ás costas
P: Ten traballado en cine, teatro e televisión. Con cal se queda?

R: O teatro é moi bonito. A posibilidade de facer unha hora enteira de principio a fin diante do público é unha experiencia moi gratificante. As xiras obríganche a andar sempre coa maleta e, nese sentido, a televisión é moi cónoda porque che permite traballar na mesma cidade, ter un horario  estable e, ademais, as tramas mudan continuamente e fano excitante. De todos modos, todo depende do tempo... A min avisáronme un venres que me convertiría en Judith e o luns xa estaba traballando.

P: Segue algún tipo de ritual ou cerimonia para preparar as personaxes que interpreta?

R: Penso que o principal para un actor é deixar atrás o ego cando se está actuando. Se se logra iso, o personaxe lévate só porque ti estás dando todo o teu ser expresivo.

P: E cal sería o personaxe polo que ten maior querencia?

R: Penso que cada vez que me fan esta pregunta dou unha resposta diferente. Paula Barreiro foi o primeiro papel que me deu recoñecemento en Galicia e estoulle agradecida por iso, pero se tivera que elixir quedaría con Lidia, de 'Al salir de clase', porque facía un papel de mala divertida do que aprendín moito. Tamén con Lucía, de '4º sen ascensor'.

Despois de máis de media hora de conversa, Cristina pensa no descanso. Dentro dunhas horiñas, volverá a ser Judith.

''Siempre me gustó llegar algo, que mi nombre sonase fuera de...
Comentarios