O colectivo feminista de Ferrol apoia o boicot contra o grupo Mayumana por ser "cómplices do terrorismo sionista"

Para a Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, Israel recorre á cultura como "instrumento de propaganda que busca esconder a brutalidade da ocupación"

O grupo Mayumana.
photo_camera O grupo Mayumana.

A Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra anunciou este mércores o seu respaldo a unha campaña de boicot da plataforma BDS-Galiza ante a próxima actuación en Ferrol da compañía de danza israelí Mayumana, única en Galicia da súa xira, ao atribuír ao grupo "complicidade co terrorismo sionista".

Nun comunicado, convocou á cidadanía a unha concentración ante o Auditorio de Ferrol ás 20.30 horas do próximo 20 de abril. A formación recalará nese recinto do 20 ao 22 de abril próximos.

O colectivo feminista subliñou que o exército israelí "perpetrou na franxa de Gaza unha nova masacre criminal" nas últimas semanas, "utilizando munición de guerra contra persoas que se manifestaban pacificamente en defensa do seu dereito a volver á terra da que foron expulsadas violentamente fai agora 70 anos".

"Nesta altura, xa son milleiros as persoas feridas, moitas delas nenos, e as mortas máis de 32", estimou. Así, remarcou que foron "asasinadas por disparos de francotiradores de Israel, algunha por detrás".

Na súa opinión, "o silencio da comunidade internacional e a normalización da ocupación son cómplices da limpeza étnica e o xenocidio do pobo palestino".

Para a Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, Israel recorre á cultura como "instrumento de propaganda que busca esconder a brutalidade da ocupación".

Por iso, pediu ao Concello de Ferrol que se "cancele" a estancia de Mayumana na cidade, instando á cidadanía a que se "una á campaña de boicot, desinversións e sancións a Israel".

Baixo a lema "A compañía israelí Mayumana, cómplice da ocupación palestina, non é benvida en Ferrol", pediu que non se apoie a actuación, incidindo en que a agrupación ten a súa sede en Jaffa, "poboación palestina que sufriu o exilio forzado e violento de 70.000 habitantes en 1948; non se recoñece o dereito ao retorno".

"A pesar de definirse como grupo independente, o Ministerio de Asuntos Exteriores de Israel define ao grupo como o ritmo de Israel", valorou. Ao seu entender, "o ritmo de Mayumana contribúe a facer esquecer o estrondo en Gaza".

Comentarios