'Código Cero' celebra 10 anos na vangarda

A Cidade da Cultura acolleu hoxe a celebración do décimo aniversario da revista Código Cero, unha publicación pioneira no eido da divulgación tecnolóxica en lingua galega e que cumpre a súa primeira década cunha envexable saúde en canto á súa difusión tanto en papel como no seu formato dixital.  Esta "aventura", tal e como a cualificou o seu director e promotor, o xornalista Xosé María Fernández Pazos, naceu ao abeiro dun programa radiofónico (aínda en antena na Radio Galega baixo o nome de Banda Ancha) nun tempo no que "semellaba de tolos pór en marcha en Galicia unha publicación sobre novas tecnoloxías e en galego, polo que moitos non contaban con que durase máis de dous meses", tal e como sinalou Pazos.

Afortunadamente, os agoreiros trabucáronse e esta tarde representantes do eido galego das TICs reuníronse na festa da revista en Santiago, un evento que estivo presidido polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e pola secretaria xeral de Modernización, María del Mar Pereiro. "Entre os moitos méritos de Código Cero, cabe destacar o seu papel como ferramenta normalizadora do emprego da nosa lingua nun eido tan en auxe e en constante evolución como o das novas tecnoloxías", salientou Cabaleiro, que, ao igual que o escritor e divulgador Xabier Alcalá (presente no acto), foi "unha das persoas que co seu apoio e ánimo" colaborou no nacemento desta publicación mensual, como lembrou o seu subdirector, Marcus Fernández.

Pola súa banda, Pereiro quixo poñer en valor o importantísimo labor que xogou Código Cero "á hora de trasladar á cidadanía os avances e os cambios dun sector no que os especialistas non sempre saben comunicar para o gran público".

NACEN OS 'FOROS TECNOLÓXICOS CÓDIGO CERO'

Co gallo da celebración do aniversario, a publicación inaugurou hoxe os Foros Tecnolóxicos Código Cero, unha iniciativa que pretende ser un punto de encontro entre os profesionais dos ámbitos das novas tecnoloxías. O escritor Xabier Alcalá foi o encargado de presentar a primeira relatora deste ciclo de conferencias, que non foi outra que a propia secretaria de Modernización, María del Mar Pereiro. A segunda entrega dos foros de Código Cero, que aínda non ten unha data fixada para a súa realización correrá ao cargo de Jorge Pérez, encargado de elaborar a axenda dixital do Goberno central.

Comentarios