"A Filmoteca Nacional non vai ter futuro ao ser de segunda categoría"

O rabadense exdirector da entidade foi homenaxeado en Santiago no festival de curtametraxes Curtocircuíto sete meses despois de cesar no seu cargo por desalento
Chema Prado en Santiago
photo_camera Chema Prado en Santiago

Chema Prado (Rábade, 1927) é a persoa que mellor coñece a Filmoteca Nacional porque lle dedicou corenta anos da súa vida profesional, os 27 últimos dirixindoa. "En marzo decidín prexubilarme porque vin que non vai ter futuro, para os políticos somos de segunda categoría", comentaba este domingo dende Santiago, onde foi homenaxeado no festival de curtametraxes Curtocircuíto.

O experto en cinema asegurou que "a situación da Filmoteca foise complicando coa crise porque non hai sensibilidade nin política de persoal; agora hai menos persoal que cando empecei. Por iso decidín deixalo", apunta con ton de lamento.

Prado rexeita con humildade que lograse ser responsable dunha institución sometida a vaivéns políticos durante case que tres décadas polos seus méritos profesionais. "Tiven 11 directores xerais, pero, se estiven todo ese tempo, é porque non lle daban importancia á Filmoteca", comenta.

Falando aínda en primeira pesoa, o que denota a súa implicación, engade que "somos unha subdirección do Instituto de Cinematografía y Artes Audiovisuales (Icaa), xunto coas que Fomento e Promoción, que son as que lles interesan aos directores porque manexan cartos".

A pesar de que se retirou da primeira liña de reinvidicación, dóese de que "o patrimonio vai desaparecer porque as películas de celuloide desaparecen facilmente".

A homenaxe a Chema Prado concretouse na proxección de cinco curtametraxes escollidas polo rabadense. Entre os autores figura Manoel de Oliveira, que estudou no mesmo internado de Vigo onde estivo Chema Prado e que é un "referente" no cinema. Outro seleccionado, Iván Zulueta, "é un referente da fotografía", unha arte da que ambos son "viciosos".

Outra amizade que escoulleu foi Jaime Chávarri. Presentou "un curioso videoclip no que Pedro Almodóvar canta ‘Tatuaje’". O director manchego foi o amigo de vello que lle presentou á súa parella, Marisa Paredes, que tamén participa no traballo.

XURADO. Chema Prado actuou como membro do xurado de Curtocircuíto. Na categoría da Sección Oficial para filmes experimentais, Explora, recoñeceron a James N. Kunitz por ‘B-roll with Andre’ e fixeron unha mención a Gerhard Treml e Leo Calice por ‘Eden'’s edge’. Esta última recibiu tamén o premio outorgado pola Asociación Camira.

No premio Radar, que vai para obras más narrativas, o galardoado foi Mark Rappaport por ‘Boy who cried’ e a mención nesta categoría recaeu en ‘Notre heritage’, dirixida por Jonathan Vinel e Caroline Poggi.

Durante o acto tamén foron premiados os traballos dalgúns dos cineastas galegos máis vangardistas. A peza ‘Rueda cabeza’, de Borja Santomé, foi a gañadora na categoría ‘Planeta GZ’. A curtametraxe de Castiñeiras resultou galardoada tamén co premio outorgado pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia Crea.

O premio Agag recaeu en ‘Decorado’, de Alberto Vázquez. A lista de galegos gañadores complétase con Alberte Pagán que obtivo unha mención do xurado polo seu traballo ‘A fundamental error’.

Comentarios