viernes. 20.09.2019 |
El tiempo
viernes. 20.09.2019
El tiempo

TESTEMUÑOS

A Charca do Alligal, un remedio gratuíto e centenario

A Charca do Alligal, nunha imaxe de arquivo
A Charca do Alligal, nunha imaxe de arquivo
A poza da parroquia vilalbesa de Codesido mudou a súa estética no século XXI, pero a súa esencia é a mesma daqueles anos nos que os bañistas se untaban co seu barro para curar problemas de pel. A fama das súas augas, todo o ano a 23 graos, converten este espazo nun lugar de peregrinación, especialmente no verán

As bondades das súas augas están máis que contrastadas por aqueles que cada ano acoden fielmente á Charca do Alligal a darse uns baños. As peregrinacións a este pequeno recuncho da vilalbesa parroquia de Codesido medran ano tras ano e, aínda que ten fieis devotos todo o ano, é coa chegada do verán e do bo tempo cando a poza máis emblemática da Chaira se converte nun ir e vir constante de xente e de vehículos.

É difícil precisar cando e como cobraron fama unhas augas que lle pertencen aos veciños e que se xestionan a través da comunidade de montes que preside Manuel Rodríguez. Segundo el conta, parece ser que un matrimonio -xa falecido- da zona de Ferrolterra que ''non se movía'' acudiu á poza e, grazas ás súas aguas, ''empezaron a mellorar e ata quedaron a vivir alí, no Carrizo''.

''As propiedades curativas son impresionantes, vén xente de moitos sitios'', asegura Rodríguez enlazando unha historia con outra: ''Din que veu unha señora que gastara todo canto tiña, ata fora a Estados Unidos, por unha enfermidade na pel que non daba curado e ao final veu aquí por mandato do médico. Aos oito días aínda lle doía máis, pero un señor recomendoulle seguir e, a partir dos 15, xa mellorou''.

Levar garrafas para a casa para lavar as mans tamén é unha práctica habitual

''Case nin se cre'', di un home de 65 anos que acorda sempre a charca aínda que antes «había barro e a xente untábase con el porque dicían que era moi bo para a reuma». Unha temperatura estable de 23 graos fai que este manancial teña adeptos todo o ano, como explica José Crespo: ''Aquí hai xente sempre, teñoa visto en xaneiro, saraibando e nevando''. Este veciño de Cazás, en Xermade, acudiu hai uns anos por un problema na punta dos dedos, ''caíanme as uñas e a doutora cansouse de darme pomadas e cremas, pero nada, ata que vin á charca, e nunca máis''.

Como non tiña tempo para os baños, el facía o que é unha practica habitual, levaba garrafas para a casa para lavar as mans. ''Para a reuma, os problemas de pel, a psoriase... ata din que é boa para os sistema nervioso'', explica quen leva catro xornadas vindo cos residentes da Fundación Hospital Asilo de Vilalba, que todas as semanas do verán organiza saídas á charca.

A educadora social, Paloma Díaz, lembra que estas visitas, dous días por semana, xa están institucionalizadas, porque levan anos facéndose, aproximadamente cunhas 15 persoas que poden variar dunha semana a outra, xa que a saída é voluntaria e os usuarios deben apuntarse. ''Se hace, en primer lugar, para salir del centro y que los residentes se integren en el contexto sociocultural, y también por los beneficios que dicen que tiene el agua'', explica Paloma, que tamén precisa que ''hay gente de la zona que venía con sus hijos o cuando eran jóvenes y les trae recuerdos de esto antes de estar arreglado''.

Ese é o caso de Carmen Feijóo Fernández, unha veciña de 80 anos de San Xoán de Alba, que xa ía a charca de nena ''daquela viñamos andando e non era máis ca unha poza de terra, e tapaban con terróns para repousar a auga''.

Os veciños da zona teñen ben aprendido o calendario de baños: ''O normal son nove días, pero tamén se poden vir sete ou once''

''Daquela xa había xente, pero desde que a arranxaron, moita máis, en xullo e agosto hai multitude'', di quen experimentou por si mesma as propiedades que se lle atribúen: ''Tiña uns grans nas pernas e vin na lúa de setembro, aos tres días xa non tiña nada'', recorda, pero tamén oíu historias doutros beneficiados, coma ''un señor de Barcelona que tiña psoriase, veu á charca e mellorou e ao volver o médico preguntoulle que fixera''.

E como boa vilalbesa, ten ben aprendido o calendario de baños, ''o normal son nove días, pero tamén se poden vir sete ou once'', e tamén a historia que circula sobre como se descubriu a charca ''din que colleu fama porque un burro que tiraran para que morrera, sanou''.

Hai escépticos, hai quen pensa que só son crenzas populares, pero ao final, como di Carmen, o importante é que ''a charca foi e é moi boa para moita xente''.

A Charca do Alligal, un remedio gratuíto e centenario
Comentarios