'Casa de comidas' viaxa este domingo ata Casa do Labrego, en Begonte

O espazo da Televisión de Galicia achégase así mesmo a Pontedeume, Sandiás e Bueu

Casa do Labrego, en Baamonde. TVG
photo_camera Casa do Labrego, en Baamonde. TVG

A TVG emite este domingo o oitavo capítulo de Casa de comidas, un programa que percorre Galicia na procura daqueles locais que levan facendo as delicias dos comensais grazas ás súas receitas, baseadas na cociña tradicional de sempre. Lugares nos que os pratos se fan partindo do que coñecemos como cociña caseira. Nel descóbrense os segredos de establecementos que hoxe son xestionados polos descendentes dos fundadores, como sucede con Casa do Labrego, en Begonte.

Nesta entrega aparecerán, asemade, Casa Quintela, de Bueu; o restaurante Novaíño, de Sandiás, e Cantina do Río Covés, de Pontedeume.

Casa do Labrego, que se atopa en Baamonde, no municipio de Begonte, localízase nunha casa tradicional galega. A súa cominda baséase nos produtos frescos da época e na forma de cociñar de sempre. Entre as súas especialidades destacan o cocido, o polbo, os chourizos, a tortilla, o rape, a pescada, os mexillóns e o paspallás.

Casa Quintela leva aberta desde o ano 1921, cando os avós paternos da xeración que rexenta actualmente o establecemento adquiriron un local que, nos seus inicios, albergaba a casa de comidas —onde cociñaba a avoa— e unha perruqería na que traballaba o avó. Neste local manteñen como base da súa cociña as receitas tradicionais de sempre, se ben con algún toque de innovación.

O restaurante Novaíño, de Piñeira de Arcos, en Sandiás, é un local que abriu as súas portas hai aproximadamente cincuenta anos por Amalia Gómez Manso, que foi distinguida na categoría Toda una Vida nos XXIII Premios de Gastronomía de Galicia. Fan unha cociña tradicional, baseada en produtos autóctonos —sobre todo, da Limia— nos que prima a calidade. Prestan especial atención ás verduras, á carne e ao peixe.

A Cantina do Río Covés, de Nogueirosa, en Pontedeume, iniciou a súa actividade como ultramarinos e estanco no ano 1929. Foron os avós da actual responsable, Inmaculada Eiroá, quen deron aqueles primeiros pasos. Despois da morte dos pais, coa casa pechada, un bo día Inmaculada, que se adicaba á avogacía, viu que o tellado estaba a caer e decidiu deixar a súa carreira para adicarse á hostalaría. Así foi como naceu Cantina do Río Covés, que conta coa primeira Q de Calidade Turística outorgada en Galicia.

Comentarios