Cando o show gañou ao espectáculo

Os anglicismos están substituíndo palabras que xa existen en galego ou castelán a un ritmo vertixinoso. Varios profesionais dan a súa visión sobre un posible ‘colonialismo lingüístico’

Os anglicimos parecen invadir a lingua galega. EP
photo_camera Os anglicimos parecen invadir a lingua galega. EP

NA ÚLTIMA modificación do diccionario da Real Academia Española, o presidente, o vilalbés Darío Villanueva, alertaba sobre "la reiteración excesiva del uso de palabras en inglés sin que sea necesario". E citaba 'black friday’, 'take away’, 'save the date’, 'dress code’, 'prime time’, 'streaming’, 'product manager' ou 'community manager' como algúns exemplos de termos innecesarios.

Nesa última modificación, o organismo aceptaba como válidos varios anglicismos, como 'clicar’, 'cliquear’, 'cliqueo’, 'container’, 'fair play’, 'holter' ou 'pinqui’. Aínda que tampouco todos os préstamos lingüísticos aceptados viñan do inglés. Houbo un bo feixe deles que, nese momento, se incorporaron do árabe, como 'umma’, 'halal’, 'hummus' ou 'sharía’, entre outros. Se non se coñecen, agora basta con cliquear no dicionario en liña —que non 'online’— da academia para descubrir os seus significados e acepcións.

As linguas sempre están en contacto e as palabras sempre viaxaron entre elas. Sen embargo, a facilidade coa que substituímos un termo en castelán ou en galego por outro en inglés fixo que Villanueva falase de 'papanatismo' ante este idioma nunha entrevista para La Vanguardia.

LINGUA MOZA. Cristina Corral é filóloga e profesora de Educación Secundaria nun centro de Lugo. Para ela, a riqueza léxica consiste en "ter as palabras a man, non só coñecelas". E nese "ter a man", indica que os seus alumnos collen demasiadas palabras en inglés, cando en castelán ou en galego teñen as propias. "A súa preferencia é coller o extranxeirismo; e-mail a correo electrónico; ser 'youtuber' en lugar de levar unha canle nesta rede, ou ser un 'spoiler’, cando en galego temos a bonita palabra 'destripacontos’. 'Spamear' ou 'hackear'—esta última recoñecida na RAE— son termos que escoito a miúdo. Ás veces incluso a publicidade fai que se cambie o nome do produto polo nome da marca, como os 'dippers' —incluso co verbo 'dipear’—, que xa a teño escoitado a nenos pequenos", indica.

Martín Barreiro: "Na divulgación meteorolóxica evitamos todo o posible introducir termos en inglés"

Para ela, o maior problema é que o alumnado non asume a corrección do anglicismo cando é innecesario, o que fai que, aos poucos, estes pasen a formar parte da lingua. Como filóloga hispánica, considera que a RAE, neste sentido, é benévola á hora de admitir anglicismos ou vulgarismos. Ela, por exemplo, non tería aceptado algunhas das incorporadas estes anos, como 'asín’, 'almóndiga' ou 'palabro’; nin tampouco moitos dos anglicismos que provocan "unha invasión lingüística tutelada, permitida". Hobby, parking, show, chat ou clóset, aceptadas na RAE, serían, para ela, completamente prescindibles. "Unha cousa é que unha lingua teña influencias doutras, pero outra é que veñan impostas pola publicidade e polo poder", indica. Pero non só os alumnos se deixan fascinar polo inglés, tamén os profesores. Cristina Corral fala, por exemplo, do 'flipped clasroom’, o nome que agora recibe a técnica educativa de 'virar' a clase e facer que o centro dela estea nos alumnos, non na profesora. Por que dicilo en inglés? "Temos moito autoodio á propia lingua", lamenta.

PALABRAS POR PROFESIÓN. Este pingar de anglicismos dáse en case todas as profesións. "Nós baseámonos nos manuais diagnósticos CIE, a nivel europeo, pero tamén no DSM, que é estadounidense. Os termos rescátanse da lingua orixinal, inglesa", comenta a psicóloga Belén Vázquez.

'Mobbing' —por acoso laboral—, 'bullying' —por acoso escolar—  ou 'sexting' —acoso en internet— están completamente instauradas. Tamén 'empoderamento’, neste caso un calco semántico do inglés  'empowerment’, que vén da psicoloxía das organizacións. Para Belén Vazquez, a meirande parte dos termos non aportan ningunha diferenza sobre o seu equivalente en castelán ou en galego. Sen embargo, tamén indica que dende o colectivo profesional non hai unha especial defensa dos termos en castelán ou galego. "Para min non supón unha dificultade, senón unha riqueza. Igual que nos adaptamos ás novas tecnoloxías, debemos adaptarnos a estes novos termos. Non considero que sexa preocupante, nin na fala diaria, nin no eido da psicoloxía", afirma.

Algo distinto ocorre no eido da metereoloxía. "Na ciencia, o inglés é o idioma predominante, pero nos medios de comunicación evitámolo nunha porcentaxe moi elevada, a non ser que non haxa outro remedio", indica o físico e metereólogo Martín Barreiro. Por outra banda, este é un eido dende o que se incorporaron varios conceptos técnicos nos últimos tempos, introducidos por unha nova xeración de metereólogos que, como el, facilitaron a comunicación da disciplina. Dende o seu punto de vista, estes termos "si que enriquecen a lingua e aportan coñecemento".

Entre eles, o máis famoso é o de "cicloxénese explosiva", que nomea algo que sempre existiu, "unha borrasca forte", pero mellor. "Traslada de xeito máis claro as súas características", comenta. Tamén alude a termos como 'gota fría’, "que retorce a linguaxe técnica, xa que nos mapas do tempo o fenómeno víase como unha bolsa de aire frío con aspecto de pinga, e que agora comeza a substituírse polo termo técnico 'depresión aillada en niveis altos' (Dana). Eu son partidario de usar os dous", indica. Pero non o inglés. Non terá esta lingua o efecto da cicloxénese explosiva?

Comentarios