Benvidos a Jamrock

Marlon James ven de gañar o premio Booker coa súa novela 'Breve historia de siete asesinatos', que publica a editorial Malpaso

TEÑO POR BO costume estar moi atento aos premios literarios estranxeiros, que non son unha broma como a meirande parte dos españois. Hai uns cantos meses vin que se lle concedera o Booker a un autor xamaicano e procedín a mercar o seu libro. Chegou o paquete e atopei ao repartidor no portal. Era un paquete dunha grande compañía que tamén vende tecnoloxía. Pequeno e con aspecto desexable. Deixeino no portal e fun pasear ao meu bebé. Ao volver non había paquete.

Levo meses imaxinando a cara do ladrón ao abrir a caixiña e atopar no canto dun móbil ou algo así a ‘Breve historia de sete asasinatos’ de Marlon James. Un libro que de breve non ten nada, escrito orixinalmente no dialecto xamaicano da lingua inglesa e que, en moi poucas palabras como veremos, relata o intento de asasinato de Bob Marley o día antes das eleccións de Xamaica en 1976. Ao tipo ou tipa nin sequera lle prestará: dubido moito de que haxa manguelos en Lugo quen de facer tal esforzo intelectual.

Agora publica a editorial Malpaso a tradución desta novela, un esforzo descomunal tanto por parte do tradutor —asegúrolles por experiencia que enfrontarse a un texto así é moi complicado— como por parte do selo, que pon nas librarías unha obra tan atractiva como complexa, tanto por un contexto que resulta moi alleo para o lector español como pola forma que James adoptou para a súa narración. Como supersticioso podo poñer pegas ao rechamante amarelo da edición e como tradutor pregúntome se non tería sido mellor cambiar o dialecto por unha simple xerga, no canto de usar termos cubanos, que lle dan un aire estraño ao texto.

Xamaica, 1976. Benvidos a Jamrock, que diría Damian Marley, o fillo máis novo de Bob Marley, o xamaicano máis universal, xa que a súa influencia é practicamente universal nos eidos da música e a cultura. Por entón o cantante rastafari —O Cantante, como se cita sempre na novela— é o único avogado da paz nunha illa ao borde da guerra civil, un conflito que se enmarca na Guerra Fría: un partido de esquerda pro cubano favorito a gañar contra un partido de dereita pro estadounidense. E bandas, bandas de criminais que son usadas como instrumento para exercer a violencia por parte dos dous bandos. Unha delas atenta contra a vida do cantante na véspera das eleccións. Marley sae vivo e seguimos o destino dos asasinos e a illa ata os anos noventa.

Estes acontecementos aparecen narrados, normalmente en primeira persoa e co uso de recursos característicos da novela modernista, por parte de ducias de personaxes. Estamos ante un multiperspectivismo levado ao extremo. A diversidade de narradores dá oportunidade para que aparezan voces moi diferentes, dende o slang xamaicano máis complexo de entender —e traducir— ata voces de inspiración bíblica. Polas palabras e as obras coñecemos unha amante de Marley, o psicópata Josey Wales, o encargado das operacións encubertas na illa, un xornalista de Rolling Stone que foi buscar unha historia sobre Jagger e atopou algo máis interesante —para el, non para os seus xefes— e mesmo a pantasma dun sir empurrado por un balcón.

Hai décadas que a mellor novela da esfera inglesa non se fai nas illas británicas —ou se se fai alí sae da pluma de autores coma Salman Rushdie—. Chinua Achebe en Nixeria, V. S. Naipaul en Trinidade e Tobago ou R.K. Narayan na India levaron o estandarte das novas literaturas en inglés ata o século XXI. Nesta segunda década do século precísanse novos referentes e Marlon James érguese coma un autor senlleiro, capaz de mesturar dúas tradicións ben diferentes : a novela de inspiración ‘joyceana’ e a cultura popular xamaicana que a través de Marley, o reggae e a marihuana deu o salto á popularidade en Europa e os Estados Unidos. Non lle queda nada que pasar ao autor, que tras gañar premios destacados e entrar en listas de vendas —algo que persoalmente non entendo— terá que soportar as típicas acusacións que caen no lombo daqueles que saen da periferia e entran no centro do sistema cultural ou literario.

Comentarios