Barcas, os carros do Miño

Ata primeiros da década de 1960 as barcas eran de vital importancia para os habitantes das aldeas das ribeiras do Miño e do Sil. Servían para cruzar o río onde non había pontes e trasladar persoas e gando, tamén para ir pescar. O Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao, garda todo ese patrimonio fluvial lucense
Barca de paseo de Chouzán, en Carballedo.
photo_camera Barca de paseo de Chouzán, en Carballedo.

Durante séculos, para un veciño da Terra Chá, de Portomarín, Chantada ou O Saviñao que vivise nunha aldea da ribeira do río a barca foi tan ou máis importante ca o carro. Case todas as casas contaban cun pequeno batuxo co que atravesar o río, ir aos caneiros ou ás pesqueiras e explotar a abundante pesca que ofrecían o Miño e o Sil.

Na primeira metade do século XX no río Miño, entre a capital lucense e Ourense, só había pontes en Lugo, Portomarín, Belesar e Ourense e moitas veces esas pontes pasaban anos inutilizadas porque se derrubaba un arco ou tiñan calquera outro problema. Polo tanto, as barcas eran algo indispensable para cruzar o cauce incluso nos sitios onde había unha ponte preto.

O Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao, que rexenta a Fundación Xosé Soto de Fión, leva máis dunha década estudando a relevancia das barcas en todo o río Miño e nos seus afluentes principais, coma o Sil. O pasado mes de agosto abriu dúas salas dedicadas precisamente á cultura fluvial. Nelas, a través de moito material fotográfico, dase unha idea da relevancia das barcas, pero tamén se conservan varias embarcacións que no seu día navegaron polos ríos da provincia. Hai ata once tipoloxías que a fundación foi localizando e rehabilitando neste tempo.

Xosé Antonio Quiroga, xerente do museo, explica que o primero que hai que ter claro é que a navegación no Miño e no Sil era transversal, dun lado ao outro do río. As barcas cruzaban o cauce ou ían en diagonal aos caneiros, nunca se navegaba de forma lonxitudinal. As distancias eran curtas e os accidentes, pouco habituais.

Argumenta Quiroga que as barcas estaban feitas de madeira de castiñeiro, pola súa durabilidade e porque era a materia prima máis abondosa. O construtores eran carpinteiros ou veciños da aldea mañosos. «Non hai tipoloxías puras, os modelos son rudimentarios e dependen do uso que se lle fose dar á barca», explica. Ademais, todas as barcas de río teñen o fondo plano, para asegurar a estabilidade, e a madeira só se trataba con aceite.

CARPINTEIRO. Fernando Ibarra é un carpinteiro chantadino especializado na recuperación de barcas, hórreos e carros, entre outras pezas. Leva anos estudando e facendo barcas e aprendeu dos vellos artesáns locais que, a maioría, xa finaron.

Ibarra corrobora que as barcas eran de castiñeiro e que «a madeira de Requeixo, no Faro, tiña moi boa sona». «O castiñeiro había que cortalo nunha época concreta e buscar pezas con boa veta e poucos nós», engade. «Ás veces tamén se recorría á madeira de salgueiro ou piñeiro para facer os remos, porque eran menos pesados», di.

Fernando Ibarra quedou fascinado polas barcas cando tiña 18 anos e coñeceu un artesán da Sariña (Chantada) que lle axudou a recuperar unha para a festa do Folión de Carros da vila do Asma. Dende aquela tentou falar con todos os carpinteiros de barcas que seguían vivos para gardar o seu saber. «As barcas de río son planas, pero en sentido lonxitudinal teñen algo de domo. Había que sudar para que un carpinteiro che ensinase a facer o domo. Os vellos artesáns de barca eran cautos coa súa arte, para que che contaran o xeito no que traballaban había que gañar a súa confianza, demostrar que tiñas verdadeiro interese no oficio», asegura.

TIPOS. As embarcacións variaban segundo a zona e o uso. Por exemplo, en Arxeriz pódense ver batuxos que son barcas pequenas para unha ou dúas personas que se localizaban nos primeiros tramos do río Miño, na zona de Outeiro de Rei. Tamén hai exemplares das barcas con pouso, moi propias da Ribeira Sacra, que levaban unha estrutura elevada para colocar sobre ela os cestos da vendima ou outra carga.

O museo conserva tamén un exemplar dun barco de dornas, unha embarcación moi rudimentaria que se podía ver no Miño entre a Ribeira Sacra e a desembocadura. O museo tamén ten embarcacións de Arbo e As Neves, máis apuntadas e similares ás do mar, ou dos carochos de Vilanova da Cerveira, en Portugal, aos que se lles podía pór unha vela.

Unha mención especial merecen as barcas de paso, de servizo colectivo. Eran plataformas cadradas duns dez metros de longo por tres de ancho. Nelas, a xente pasaba dunha beira a outra e tamén levaban o gando e incluso os propios carros de vacas.

Na provincia de Lugo, no Miño había 22 pasos de barca (ver mapa da esquerda), e en cada paso só operaba un barqueiro que cobraba polos traslados. En todo o río Miño en Galicia a documentación que se conserva no museo contabiliza 56 pasos de barca.

Durante a Idade Media os pasos eran propiedade dos mosteiros e eran traballados por un veciño a cambio de pasarlle ao cenobio unha parte das ganancias ou un tributo. Despois pasaron a mans dos nobres e mantíñase o mesmo sistema de rendas. O barqueiro pagáballe ao nobre un tributo por deixearlle exercer no paso.

En 1866 os pasos pasan aos barqueiros, deixaron de depender dos nobres e os barqueiros convertéronse nunha especie de autónomos sen depender de ninguén. Iso si, había que ter permiso para explotar o cruce. Non era unha actividade libre e mantíñase a lei de un paso, un barqueiro.

Os encoros, a creación de novas pontes e o cambio nos xeitos de vida fixeron desaparecer os pasos e a figura dos barqueiros. O último deles, segundo os datos de Arxeriz, foi Manuel Serodio, que traballou ata finais dos anos 50 no paso da Barciela, en Ribeiras de Miño (Pantón), e finou xa maior na década pasada.

BARQUEIROS. Polas testemuñas que se conservan en Arxeriz e as entrevistas que se lle fixeron ao barqueiro da Barciela antes do seu pasamento, o oficio non era malo. Os pasos estaban en lugares onde a terra entraba de xeito suave no río, areais ou praias fluviais nas que era máis doado cargar.

Contaba Serodio que o paso da súa familia unía A Barciela con Souto, en Nogueira (Chantada), e que cando había que pasar animais que estaban nerviosos colocábaselles un saco na cabeza para que non viran.

Fernando López Rodríguez é o propietario do bar O Barqueiro de Lugo. O bar montouno o seu pai, José López Rodríguez, que foi o barqueiro do paso de Porto, un pobo do Saviñao que quedou baixo as augas do Miño cando no 1963 entrou a funcionar a presa de Belesar.

Fernando era neno cando a familia vivía en Porto, pero recorda que o seu pai herdara o paso de barca da súa nai, avoa de Fernando, que quedara viúva moi nova. Di este fillo de barqueiro que «na casa había dúas barcas, unha para as personas e outra para os animais», e dende o seu paso conectábase Chantada e O Saviñao. «Había especial movemento cando era feira en calquera das dúas poboacións», asegura.

Este home ten na súa memoria un dos poucos capítulos de accidentes que aconteceron no río cunha barca de paso. Ao parecer, un mozo roubara unha das barcas do seu pai pola noite e despois ninguén era quen de atopalo nin a él nin a nave. Marchara coa embarcación río abaixo e quedara atorada nun caneiro do que fora moi complicado sacala.

A familia de Fernando López viviu da barca e do que daba a ribeira en Porto ata 1962, cando lles anunciaron que tiñan que deixar a aldea porque en poucos meses subía a auga. Foi cando emigraron a Lugo.

PREZOS. É complicado saber canto cobraba un barqueiro por pasar unha persona dun lado ao outro do río, o que si estaba claro é que as barcas eran unha fonte de igresos moi importante.

Xosé Antonio Quiroga conseguiu para o museo os datos de varios pasos de barca. Por exemplo, o de Chouzán, no Concello de Carballedo. No ano 1753, o barqueiro deste paso era Antonio López, que declaraba un beneficio anual de 300 reais, aínda que Quiroga asegura que o habitual era declarar por debaixo do beneficio real. O barqueiro non era propietario, a verdadeira propietaria da barca era a Madre Abadesa do Real Mosteiro de Santiago.

No caso de Porto, a documentación de 1753 apunta que o barqueiro cobraba catro maravedís por pasar unha persoa e oito por unha cabalaría, e ese paso tamén declaraba 300 reais de beneficio.

Xa en tempos moito máis recentes, na última época das barcas de paso, José López, o pai de Fernando López, aseguraba nunha conversa con Xosé Antonio Quiroga que no día da festa da Guadalupe, un día excepcional no ano, chegara a facer 3.000 pesetas. Este dato correspondería á decada de 1950.

Na actualidade, as barcas tradicionais desapareceron case na súa totalidade do río. Hai botes a motor para a pouca pesca que queda e para algunha embarcación de recreo. Na zona de Pincelo (Chantada) hai unha para ir ás viñas.

Fernando Ibarra Carpinteiro de barcas As barcas facíanse de castiñeiro e para os remos podíase empregar piñeiro ou salgueiro, para que foran máis lixeiros». Fernando López Fillo de barqueiro O meu pai e a miña avoa foron barqueiros de Porto. Había moito traballo os días de feira en Chantada ou no Saviñao». Conservación No museo de Arxeriz hai ata once tipos de barcas que no seu día navegaron polo Miño e o Sil Forma As embarcacións de río teñen o fondo plano, para asegurar a estabilidade Propiedade Ata o ano 1866 as barcas de paso eran propiedade da Igrexa ou da nobreza

Comentarios