A audiencia de 'LV. De Luns a Venres' medra un 25,7 por cento

O xornal LV. De Luns a Venres, o único diario que se edita na nosa lingua, goza dunha saúde inmellorable, tal e como constata a última ondada do Estudio General de Medios, que lle atribúe un crecemento da súa audiencia de nada menos que o 25,7 por cento, o que supón o maior incremento porcentual de toda a prensa galega.

Deste xeito, o periodico que edita o Grupo El Progreso conta xa con máis de 35.000 lectores en toda Galicia, unha nova que cabe celebrar despois da desaparición, por mor da crise, doutros medios na nosa lingua, como Galicia Hoxe ou A Nosa Terra, e que demostra que o galego está moi vivo.

Ademais,  xa son 6.000 os internautas que reciben cada mañá no seu mail o diario en PDF de forma gratuíta, un servizo que pode adquirirse enviando a palabra "alta" a [email protected]. Entre estes subscritores atópanse numerosos galegos residentes no estranxeiro, entre os que destacan os lectores procedentes de Arxentina, Uruguai ou Reino Unido.

Os xornais do Grupo El Progreso medran con forza
A ondada do EGM dada a coñecer hoxe, constata tamén o importante crecemento que rexistran os outros medios que edita o Grupo El Progreso. Deste xeito, El Progreso prosegue sendo o líder indiscutible na provincia de Lugo e incluso reforza a súa posición ao aumentar a súa audiencia un 8,89% e pasar dos 90.000 aos 98.000 lectores. Pola súa banda, Diario de Pontevedra experimenta un crecemento porcentual do 6,74% e conta con 46.000 lectores, tres mil máis que na anterior entrega do estudo.

Comentarios