''Se atrasarán consultas y quirófanos no urgentes por la gripe A''

A Consellería de Sanidade ultima os protocolos para mitigar os efectos da gripe A a partir do outono para evitar que se altere o funcionamento da sociedade. A epidemióloga da Dirección Xeral de Saúde Pública, Ánxela Pousa, explica que a actividade do virus AH1N1 é baixa nestes momentos. Con todo, para que ''nada nos colla por sorpresa'', prepáranse espacios illados en hospitais e centros de saúde e contémplase atrasar consultas e operacións non urxentes se o repunte dos contaxios así o require.

Pregunta:
Cal é a evolución do virus na comunidade?

Resposta:
Co paso á estratexia de mitigación establecemos outros sistemas de vixilancia alternativos, co que xa non se contan casos, porque é inasumible analizar a todas as persoas que enferman. En base ás chamadas ó 061 por gripe, observamos que hai un número de casos superior ó que é habitual nesta época, pero sen chegar a umbrais epidémicos. Se ben nun principio houbo moitas chamadas de xente que se asustou, iso xa se estabilizou. Neste momento a actividade da gripe A é baixa e a difusión do virus é esporádica.

P: O paciente pode diferenciar entre esta influenza e a convencional?

R: É imposible, o cadro clínico é igual. É unha gripe e como tal estase a comportar, pois non conleva un cambio de síntomas. A febre supera os 38 grados, o enfermo tose, ten dor muscular, esbirros ou secreción nasal, igual que nunha gripe normal. O que pasa é que este é o virus maioritario neste momento. Do que se trata é de actuar coma se fose o H1N1, ante calquera caso, prestando especial antención ós grupos máis vulnerables.

Capacidade de resposta
P:
Pode predicirse xa cando se dará o maior número de contaxios?

R: Non podemos facelo tan pronto, pois depende de como evolucione a transmisión. Se a enfermidade se comporta como ata agora non podemos dicir que en outubro teñamos un pico. En todo caso, este tipo de predicións debe collerse con precaución e entender que se fan en base a modelos matemáticos que se empregan para a xestión e preparación dos protocolos. Témonos que plantear a peor situación coa que podemos encontrarnos e ver se temos capacidade para responder para que non nos colla de sorpresa.

P: O repunte da actividade asistencial por mor do virus pode conlevar retrasos en consultas e quirófanos?

R: Isto está previsto nos plans de contixencias de Atención Hospitalaria e de Primaria. Polo que poida suceder, contémplase a posibilidade de atrasar tanto as operacións como as consultas que non sexan urxentes. Dende logo, esperamos non ter que chegar a isto.

P:
Segue sen coñecerse cando estará lista a vacina?

R: A Organización Mundial da Saúde (OMS) dixo que para setembro estaría preparada, pero polo momento non nolo precisaron. En todo caso, non nos podemos precipitar, pois o preparado debe ser seguro. Ten que seguir o seu tempo de fabricación e de estudo para asegurármonos de que non producirá máis efectos adversos dos que teña que producir unha vacina normal.

Proceso de vacinación
P:
No tocante á gripe estacional comunidades como Castela e León decidiron adiantar a vacinación. Galicia mantén a data do 28 de setembro para empezar o proceso?

R: Está previsto que na segunda quincena de setembro comece o reparto da inmunización nos centros, para empezar a vacinar de forma xeral na primeira semana de outubro. Ata que remate a campaña en novembro tratarase a toda a xente que o teña indicado.

P: A consellería anunciou que vacinará a todos os nenos de 0 a 15 anos. No entanto, países coma Francia amplían o espectro ata os 19...

R: Está claro que todas aquelas persoas que teñen factores de risco se van vacinar. Os nenos máis novos transmiten máis o virus, polo que se logra reducir a circulación do virus se os inmunizamos. Deste xeito, o resto das persoas teñen menos probabilidade de contaxiarse. En Saúde Pública estas medidas son frecuentes, porque con menos recursos obtemos máis beneficios. Con todo, non sabemos se despois se ampliará a outras idades.

P: O alumnado de Infantil e de Educación Especial é proclive ós contaxios, existen protocolos específicos para eles?

R: Os protocolos xerais son os básicos para toda a poboación. Pero dado que en Educación Especial pode haber persoas con factores de risco, o que se busca é reducir a transmisión dentro da institución. Se os nenos están internados, trátase de separar os enfermos dos que non o están. Se hai un momento de moita actividade, o que se debe facer é illalos por cohortes. Isto é, destinar unha área nas que se separen os enfermos, o que tamén se contempla en Atención Primaria e nos hospitais. Dentro destes espacios haberá medidas como que as camas deberán estar a unha distancia mínima dun metro unhas das outras. En todo caso, a comunicación cos pais de nenos con factores de risco debe estar perfectamente establecida.

P:
Sería recomendable pechar as aulas se se detectan moitos casos?

R: Dende a Epidemioloxía, tentamos traballar con medidas de demostrada efectividade. Estados Unidos observou xa que non diminuía a onda de gripe por pechar as escolas, mentres que se acaba provocando un problema social considerable, pois os pais non poden ir traballar. A disfunción social que se produce é máis grande que o beneficio que se vai obter. O propio comité español de medidas non farmacolóxicas recomenda que non se pechen as escolas nin se atrase o curso. En casos puntuais poderían contemplarse peches, sempre e cando a medida puidese ter un efecto positivo.

Información aos fogares por correo
P: Reforzarase a información á poboación nos vindeiros días?

R: A inicios de setembro está previsto que se coloquen carteis en lugares públicos, nos que se recordarán as recomendacións ante o virus. Tamén se editarán trípticos que se enviarán por correo á poboación e que se distribuirán en zonas concorridas. Todo isto sumarase ás campañas nos medios.

P:
No caso do transporte colectivo, como se pode mitigar o contaxio?

R: Colocaranse carteis para incidir en que se debe extremar a hixiene. Evidentemente, non podemos dicirlle a un cidadán que en situacións puntas garde un metro de distancia doutro pasaxeiro, o que si recomendamos é unha maior frecuencia no lavado das mans e procurar non levalas á cara.

P:
Aínda que os maiores semellan ter certa resistencia ante o H1N1, como se preparan as residencias?

R:
Levan tempo traballando no tema, xa que é unha poboación que soe ter máis dun factor de risco. Está contemplada a súa asistencia, tanto se precisan antivirais, como hospitalización.

Comentarios