Así viven a vacinación do coronavirus dez lucenses que residen no estranxeiro

Dez lucenses contan como é o momento de esperanza que supón o inicio da vacunación
9454cb0f-d12d-41cc-ad76-6f0
photo_camera A vilalbesa María Vilariño, coa súa familia en Hong Kong. EP

Nunca tan lonxe estivo Lugo do Corgo. O coronavirus levantou fronteiras impensables ao tempo que ía saltando todas as liñas do planisferio, ata unir o mundo nun berro único de pánico. Moitos lucenses foron testemuñas diso desde distintos puntos do planeta e hoxe comparten tamén a esperanza de que as vacinas lles dean a seguridade que necesitan para desfrutar axiña da aperta que os seus lles teñen gardada.

"Hai que vacinar todo o planeta. Se non chega a África non serve de nada" 

Jose García Barahona (de Castroverde en Noruega)

Jose García Barahona e famiJose García Barahona traballa para unha ONG en Noruega. É director de emerxencias e a súa función é levar axuda humanitaria a países en conflito bélico. "Ofrecemos asistencia en primeira liña de guerra. Levamos axuda alimentaria, que agora é sobre todo en forma de diñeiro para comprar no mercado local e axudar a dinamizalo; ofrecemos abrigo, é dicir, roupa, mantas, tendas para refuxiados; educación, auga potable...". Isto que el resume con serenidade nunha frase é unha tarefa complicadísima que en tempos de mobilidade limitada roza o imposible. "Temos que negociar con grupos armados para chegar ata as zonas onde están os refuxiados", pero a isto, xa de por si difícil, súmase agora a escaseza de voos, a dificultade para conseguir visados e todas as restricións para moverse establecidas a nivel mundial.

Jose é de orixe catalán, pero ten familia en Castroverde, a onde regresa sempre. "É o meu lugar de referencia. De feito, cando no 2014 tivemos que fuxir de Sudán do Sur porque estalou a guerra refuxiámonos en Castroverde e alí foron os meus fillos seis meses á escola". Viviu en Mozambique, Reino Unido, Sudáfrica, Sudán do Sur, Congo e agora leva dous anos e medio en Noruega.

Neste último país di que a pandemia se leva con responsabilidade. "É o país occidental onde menos contaxios houbo. A reacción foi rápida e está bastante controlado. Non hai un sistema represivo con multas como en España, non é necesario. Aquí hai unha relación de confianza entre o Goberno e as persoas. A primeira ministra sae na televisión e explica a situación, fai recomendacións, a xente entende o motivo e ségueas. Por exemplo, se recomendan traballar desde a casa é porque é necesario. A xente aplica o sentido común e faino". Jose explica que nunca estiveron confinados en Noruega. "Dinche que non vaias á oficina, pero podes saír pasear gardando as distancias. É máis, o Goberno recoméndao. Non entendo a razón dese confinamento total que houbo en España. Pode ter xeito en Barcelona, pero non en Castroverde, onde podes moverte sen aglomeracións".

Recoñece que a boa situación económica de Noruega lle dá vantaxe para afrontar unha crise mundial coma a actual. "É un país con recursos para subvencionar as empresas que teñen que estar pechadas, coma os bares. España non pode e por iso acelera a apertura cando non debe. Aquí está prohibido viaxar ata o 15 de abril, para evitar os desprazamentos fóra na Semana Santa, mentres en España están pensando como salvar o turismo nesas datas".

Jose ten unha visión moi cercana do que acontece en África. Estivo entre agosto e setembro en Sudán e en novembro en Mozambique. "En África as cifras de la pandemia non parecen tan elevadas como se esperaba por varios motivos. Hai poucos medios para facer test, nas zonas rurais a xente morre na casa e non se sabe o motivo e a esperanza de vida é curta, polo que hai pouca poboación maior, a máis afectada polo covid. En Congo, por exemplo, o 50% da poboación ten menos de 25 anos. Nesas idades é fácil que os contaxiados sexan asintomáticos".

Porén, a pandemia si que deixou patente as carencias tremendas en materia sanitaria do continente africano. "Cando empezou todo, en República Centroafricana tiñan dous respiradores para todo o país", apunta como exemplo.

Este cooperante ve imposible un confinamento "onde máis que casas hai pallozas para meterse cando chove" e constata o malestar da poboación cando se fala de vacinas. "Só o 1,5% das vacinas do mundo está destinado a África. O reto é inmunizar todo o planeta porque non serve de nada estar vacinados no norte se o virus segue campando polos países do sur".

"Non están vacinando e a infraestrutura sanitaria está colapsada"

José Luis Dorrego (de Ribadeo en Libia)

José Luis DorregoJosé Luis Dorrego é ribadense, pero leva 38 anos polo mundo adiante e tocoulle vivir a pandemia en Libia, onde constata que 2o covid-19 non fai máis que dificultar unha vida xa difícil de por si".

Di que "as infraestruturas sanitarias están colapsadas e os libios que a poden pagar saen a Túñez, Turquía ou Xordania para buscar atención médica". Apunta que en Libia "non está moi estendido o uso da máscara e non están vacinando a poboación. Teñen outras urxencias, como facer colas para a gasolina, os bancos, cortes diarios de electricidade e auga...".

José Luis afirma que "non existen datos fiables sobre os efectos da epidemia. Sábese que van morrendo os máis vellos, sobre todo os que teñen complicacións coa diabetes, unha doenza que afecta a máis do 30% da poboación".

O seu traballo non se viu moi afectado polo coronavirus, á marxe das dificultades para moverse polas restricións de voos. Conta que non hai moito tivo que "cruzar en taxi 1.700 quilómetros de deserto, desde Benghazi a Trípoli, atravesando a zona de alto o fogo, porque os voos estaban suspendidos". Levoulle 28 horas, pero di que "todo saíu ben». Fala de Libia como «un laboratorio incomparable para un curso de postgrao sobre comportamento, sobre o que hai de bo e de terrible na naturaleza humana".

"Necesitamos máis restricións porque cando se relaxan imos a peor"

María Somoza (de Vilalba en Italia)

María SomozaA vilalbesa María Somoza loita contra a pandemia desde un hospital de Italia. Vive en Castelfidardo e traballa na Uci dun hospital materno infantil de Ancona. Recibiu a vacina de Pfizer o 6 de xaneiro, cal regalo de Reis que ela agradece. "Confío en que funcione. O meu home, que é sanitario coma min, tamén a recibiu, así que algo máis tranquilos estamos". Pero non baixa a garda. "Os meus fillos levan 20 días na casa porque houbo un brote no seu colexio. Eles non se contaxiaron, pero moitos compañeiros si. Era a variante británica do virus e propagouse moi rápido. A maioría dos nenos eran asintonáticos, pero contaxiaron a mestres e pais e algúns están graves".

María Somoza ve a guerra desde a primeira liña de fogo e considera que "en Italia a evolución é negativa, aínda hai moitos contaxios. Necesitamos restricións máis duras porque cando se relaxan a onda sube". No seu hospital teñen estritas medidas de control. "Os pais dos nenos que están na Uci só poden entrar tres veces por semana e previa PCR. Antes o acceso era libre, pero estanse disparando os contaxios e xa detectamos varios positivos entre eles. Aínda controlando se cola algún".

"Podes escoller un grupo burbulla de dúas persoas para saír da casa"

Gael Verao (de Sober en Bélxica)

Gael VeraoGael Verao é de Sober e leva seis anos en Bélxica. É enxeñeiro de Camiños e traballa nos departamentos de Enxeñería de Costas e Naval da universidade de Gante. Di que o teletraballo é a norma desde hai un ano e que só vai á oficina "por causa maior. Cando teño que facer algún experimento ou algún traballo que teña que ser presencial necesito unha acreditación da universidade para moverme". Pola contra, di que ten liberdade para saír pasear ou facer deporte. "Practico triatlón e non teño problema para adestrar. Para ir á piscina hai que pedir cita porque che reservan un espazo, pero para correr ou saír na bici non hai límite. Podes ir ata con catro persoas".

As reunións sociais, porén, si que están limitadas. "Podes escoller un grupo burbulla de dúas persoas se eres solteiro e de unha se vives con alguén. Eses considéranse os teus contactos estreitos e podes estar con eles todo o que queiras".

Di que os belgas "non teñen tanta necesidade coma os galegos de contacto social, pero xa se nota o fastío despois de tanto tempo de restricións. Noteino a semana pasada. Houbo temperaturas de 15 graos baixo cero, conxeláronse todos os lagos e a xente saíu en masa a patinar. Esqueceron todo e aí non había nin distancia, nin grupos burbulla, nin coidado ningún".

Bélxica está vacinando ao ritmo europeo, comezando polos grupos de risco. Ao mesmo tempo, desenvolve unha vacina propia e ten en marcha unha campaña para captar voluntarios que queiran probala. "Chegoume un correo con información. Buscan voluntarios para probar a vacina. A metade recibirá a real e a outra metade un placebo". Gael de momento non foi.

"Hay que inscribirse por correo y te dejan elegir la vacuna que quieras"

María Vilariño (de Vilalba en Hong Kong)

e0e97268-ea3f-4c55-b809-2f4María Vilariño é de Vilalba e vive co seu home e cos seus tres fillos en Hong Kong. Tras un ano de restricións estrictas asegura que a vida é "casi normal, hay pocos casos de coronavirus". Isto non lle parece estraño, porque Hong Kong tomou medidas extremas nada máis detectar a pandemia, cando só tiña doce casos de covid- 19 confirmados. "Las fronteras llevan un año cerradas y todo estaba paralizado hasta ahora. La semana pasada empezó la liga de fútbol y esta semana abrieron los colegios, aunque no con normalidad. Los niños van por turnos. Uno de mis hijos va dos días y otro tres. El resto de la docencia sigue siendo on line".

María supón tamén que as fronteiras con China non tardarán en abrir "porque los chinos vienen mucho a comprar a Hong Kong y la economía se resiente".

As vacinas están contribuíndo a recuperar a normalidade. Empezaron a administralas esta semana e os primeiros en recibila foron a presidenta de Hong Kong e o seu gabinete. "Aquí los políticos ejercen sus privilegios abiertamente, no se esconden como en España", comenta María en tono humorístico. Para o resto da poboación establecéronse prioridades. "Primero irán los sanitarios, luego las personas dependientes, que pueden llevar dos cuidadores, y después por orden de edad, empezando por los mayores".

E cada un pode elixir a vacina que quere recibir. "Tenemos un correo electrónico para inscribirnos y te dejan escoger la vacuna que quieres. Hay las mismas que en Europa y, a mayores, la china. Las administrarán en función de la disponibilidad de cada una".

Ao comezo da pandemia, María volveu coa súa familia para Galicia, pero en marzo regresou porque o seu home, xogador de fútbol, tiña que estar en Hong Kong. "Fue una buena decisión porque me siento más a salvo aquí. El mayor miedo que tengo es que se contagie uno de los niños porque, aunque estés bien, no puedes pasar la enfermedad en casa, sino que te aislan en un hospital, aunque sea un bebé. Tampoco podemos entrar y salir del país continuamente, aunque seamos residentes, porque cada vez que entras hay que pasar una cuarentena de tres semanas en un hotel que te asigna el Gobierno".

"A pandemia aumenta a desigualdade ata límites sen precedentes"

Iria Folgueira (de Meira en Bélxica)

Iria e Maria, XerusalenEn Bélxica está Iria Folgueira, de Meira. Traballa na oficina europea de Oxfam en Bruxelas, desde onde impulsan proxectos de cooperación, fundamentais neste momento para a supervivencia en moitas partes do mundo. "As restricións teñen impacto enorme na economía e, cos sistemas de protección social tan precarios que hai en moitos países, cada vez máis xente depende da axuda externa". Di que en moitos lugares do planeta a pandemia do covid- 19 é "unha máis das crises multidimensionais que sofren desde hai tempo» e que a situación actual só contribúe a incrementar «a desigualdade, que xa era extrema antes do 2020, pero que a día de hoxe non ten precedente desde que existen rexistros".

Iria Folgueira di que "as medidas para conter a pandemia están a empuxar a moita xente cara os límites da supervivencia e a brecha non fai máis que aumentar, non só entre ricos e pobres, senón tamén en cuestión de xénero e de orixe racial".

Unha das maiores desigualdades derivadas da pandemia está ligada ás vacinas. "Os países con menos recursos nin as teñen nin teñen previsión de telas no curto nin no medio prazo". Iria Folgueira explica que "isto, ademais de ser inxusto, aumenta o risco de que o virus mute máis veces, ou sexa, que todos seguimos en risco". Lembra que a investigación das vacinas foi na súa maior parte sufragada con fondos públicos e, polo tanto, defende a suspensión das patentes para poder "fabricalas a escala masiva e chegar a todo o mundo o antes posible". Con este fin, colabora nun proxecto para pedir á Comisión Europea que as vacinas e tratamentos da covid-19 se consideren bens públicos globais, para o cal están recollendo sinaturas a través da páxina www.noprofitonpandemic.eu/gl.

"Se imparten clases por televisión para salvar la brecha digital"

Tania García (de Lugo en México)

TANIA GARCÍA_11Tania García é de Lugo e desde o ano 1994 vive en México, onde é catedrática de Dereito Ambiental na universidade Veracruzana. A pandemia obrigouna a impartir clases a través de internet e deixou clara "la brecha digital que existe en este país". Explica que hai familias con varios fillos que teñen que compartir un mesmo ordenador para seguir as aulas virtuais e moitas zonas onde a conexión é moi deficiente ou inexistente. Tanto é así que "para la educación básica se imparten clases a través de la televisión", para dar a todos os nenos a oportunidade de continuar o curso.

Tania García di que en México a vacinación comezou polos sanitarios e agora continúa polas persoas de maior idade. "Creo que los siguientes somos los profesores y, si todo va de acuerdo a lo planeado, a mí me tocará en abril o mayo", calcula.

A continuación, en canto sexa posible, quere viaxar a Lugo para ver a súa nai e o seu fillo, que estuda en Madrid. No Nadal non puido facelo e di que é o que máis bota de menos.

"Os hospitais públicos están colapsados e hai déficit de médicos"

Héctor Acebo (de Santiso de Abres En Bolivia)

Héctor AceboHéctor Acebo tamén está desexando volver á terra. É de Santiso de Abres e vive en Cochabamba (Bolivia). Traballa na Universidad Privada del Valle (Univalle), onde imparte clases de Comunicación e Medios Dixitais e coordina investigacións. Desde marzo pasado desenvolve a súa actividade docente de xeito virtual e as previsións apuntan a que continuará así.

Di que a vacinación en Bolivia "é un proceso lento" e mentres espera os seus efectos cre que a medida máis eficaz contra o coronavirus é a "responsabilidade social", que se reduce, como no resto do mundo, a usar "o ‘barbijo’, como din aquí, manter unha hixiene permanente de mans e unha distancia prudente de seguridade persoal".

Héctor Acebo é coordinador de investigacións sociais e empresariais na universidade para a que traballa e está preparando co seu equipo audiovisual uns spots de prevención da covid-19 que se emitirán a nivel nacional.

Considera necesario incidir na concienciación da xente en materia de prevención porque o sistema sanitario público de Bolivia é "verdadeiramente deficiente". Di que os hospitais están colapsados e que "quedou en evidencia que existe un déficit de médicos especializados en non poucasáreas". Apunta que "os hospitais bolivianos que reúnen as mellores condicións son privados, pero moitas persoas non poden custear un seguro privado".

Héctor Acebo conta que o coronavirus "cambiou radicalmente" a súa vida. A primeira fase da corentena resultoulle dura. "Aínda que profesionalmente seguín moi activo, estiven confinado catro meses. Só saía da casa media hora á semana para facer algunhas compras e traballaba virtualmente". Asegura que nese tempo percibiu "a dobre soidade do estranxeiro. Se xa é duro estar lonxe da túa terra e dos teus nunha situación normal, a desazón acentúase no marco dunha crise social coma esta. Como vivo só, botaba en falta, sobre todo, as mostras de afecto físico. Aínda que en xullo saímos da corentena ríxida, a miña vida social xa non volveu ser a mesma. Moitas persoas do meu círculo retornaron ás súas cidades de orixe ou optaron por verse o mínimo posible cos amigos para non poñer en risco as súas familias. Fago o posible por retomar os vínculos da miña vida privada, pero sen perder de vista a bioseguridade".

Este xornalista di que nos peores momentos "facíame ben cantar", e que a docencia "foi unha especie de catarse. Ao animar os rapaces motivábame a min mesmo e cando valoraba a súa perseverancia atopaba motivos para poñer o mellor de min en cada clase".

Desde Bolivia, mantén o optimismo. "A pandemia fainos máis fortes. Só espero que tanta dureza non aplaque o sentimento".

"Está todo pechado e estaremos confinados polo menos ata abril"

Emilio Vázquez (de Begonte en Portugal)

Emilio Vázquez2Emilio Vázquez é de Baamonde, pero vive en Lisboa desde hai catro anos. Alí pasou as distintas fases da pandemia, que comezaron con recomendacións básicas de distanciamento e hixiene e remataron cunha prohibición expresa de saír da casa e coa imposición do teletraballo. "Antes estaba todo pechado para que non tiveses a onde ir, pero podías saír se querías. Nin sequera era obrigatorio usar máscara, só había que manter a distancia entre persoas. Pero agora si que hai prohibicións expresas. Estaremos confinados polo menos ata abril".

As vacinas non van aliviar moito a situación de Portugal de momento porque seguen o ritmo europeo e tardarán meses en chegar ao groso da poboación. "O problema é o subministro, como en toda Europa. Empezaron a dispensalas polos maiores de 80 anos e agora van as persoas de máis de 50 con algunha enfermidade. Eu non conto con que me toque antes do verán".

Para entón fará un ano que non viaxa a Lugo. "Estivemos no mes de setembro, pero no Nadal non. Aínda que nese momento se podía viaxar, preferimos quedar en Portugal por precaución. Temos ganas xa de volver e en canto abran as fronteiras iremos", afirma.

Di que o confinamento está danando moito as súas relacións persoais. "Estamos máis illados ca nunca. Soe pasar cando vives fóra, pero nesta situación aínda é peor porque xa parece que non te sabes relacionar coas persoas. Boto en falta estar con xente, o contacto físico coas persoas".

"Están vacunando en todos los pueblos a la vez y va bastante rápido"

Abdel Feta (de Lugo en Marrocos)

Abdel FetahAbdel Feta ten orixe marroquí, pero viviu en Lugo ata o ano 2008. Entón regresou ao seu país con intención de quedar. Montou unha empresa no sector da construción en madeira que hoxe ten máis de 60 traballadores, casou, tivo fillos, e agora volta a Lugo de vacacións cando pode, "para que los niños conozcan el lugar donde vivió su padre y para ver a los amigos, que tengo muchos".

Considera que en Marrocos a pandemia está "bastante controlada". Tras un momento inicial de colapso nos hospitais, a situación está volvendo á normalidade e vanse reducindo os contaxios, según as noticias que recibe dos medios de comunicación.

Como en todo o planeta, esperan ansiosos a chegada das vacinas. "Están vacunando en todos los pueblos y creo que va bastante rápido. Primero fueron los mayores, después la gente que trabaja en primera línea y ahora están vacunando a la población de entre 55 y 65 años". Abdel Feta destaca que no seu país a vacinación será masiva, "incluso para los extranjeros, con y sin residencia. Esa cuestión no se debe tener en cuenta ante una crisis sanitaria como la que estamos viviendo".

Comentarios