As chaves da Eurovisión

Amaia y Alfred en el último ensayo. JOSE SENA GOULAO
photo_camera Amaia y Alfred en el último ensayo. JOSE SENA GOULAO
Posto maldito
Amaia e Alfred interpretarán Tu canción en segundo lugar, unha posición considerada maldita, posto que ninguén ten gañado o festival actuando nela nas súas máis de 60 edicións. Cantarán despois de Ucraína e antes de Eslovenia, que seduciu na segunda semifinal. Como desde hai uns anos a organización establece a orde das cancións para darlle dinamismo ao conxunto e para que non se acumulen temas lentos que rachen o ritmo da gala, os xornalistas españois están certos de que a asignación do posto número dous é síntoma do pouco interese que esperta a candidatura. 

 

Case pleno nórdico
O imperio nórdico estará case ao completo no Altice Arena esta noite. Só fallou na súa semifinal o islandés Ari. Noruega concorre con Alexander Rybak, que xa sabe que é gañar un festival, e Suecia leva con Benjamin Ingrosso un dos clons de Justin Timberlake marca da casa. A finesa Saara Aalto leva ‘Monsters’, unha canción que gusta moito, mentres que o auténtico sabor viquingo chega da man de Rasmussen e ‘Higher Ground’, un descarte do Melodifestivalen sueco que fará nevar en Lisboa en maio.

 

In English, please
Se durante décadas o francés foi a lingua franca de Eurovisión, desde que a principios dos noventa se ergueu a veda que obrigaba a cada corporación a participar nun dos idiomas oficiais do seu Estado, unha grande maioría dos temas que se escoitan son en inglés. Das vinte e seis actuacións da noite só serán en vernáculo as de España, Eslovenia, Albania, Francia, Portugal, Serbia, Hungría e Italia, mentres que a representante de Estonia, a cantante lírica Elina Nechayeva, fará ‘La forza’ en italiano.

 

Os numerazos
Moldavia leva anos facendo algunhas das propostas máis divertidas do festival e o ‘My Lucky Day’ de DoReDos deste ano non é unha excepción. Ollo á temática vampírica escollida por Ucraína (por que?), aos videoclips en directo que se marcan a República Checa e Suecia e á boyband metalera AWS que envía Hungría. ‘Hvala, ne!’, da Eslovena Lea Sirk, será un dos números máis marchosos e millennial da noite. 

 

Os detalles
Catro mulleres, Catarina Furtado, Sílvia Alberto, Daniela Ruah e Filomena Cautela, exercen como presentadoras do festival. A vis cómica de Cautela, condutora do late night ‘5 para a meia noite’ na RTP, é unha das descubertas da edición. Os que saben disto de Eurovisión compárana coa sueca Petra Mede, unha das referentes do festival nos últimos anos. Por outra banda, así como en edicións anteriores se optou por estrelas do pop anglosaxón como convidadas, en Lisboa será o brasileiro Caetano Veloso quen subirá ás táboas con Salvador Sobral.

Comentarios