Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

DATOS

A Arcadia en Hortas, fogar de Manuel María

Casa museo de Manuel María
Casa museo de Manuel María
A Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, propón un percorrido pola súa vida e obra a través de estancias que gardan tesouros como milleiros de libros e obras de Seoane, Castelao ou Maside

"A Terra Chá somentes é/ un pobo aquí, outro acolá/ mil arbres, monte raso/ un ceio chumbo e tráxico/ no que andan as aves a voar/ o resto é soedá". É este un dos versos máis fermosos de Manuel María e un dos que conforman o poemario Terra Chá, publicado no 1954, "o seu primeiro libro sen as angustias e os desexos vitais, eróticos e momentaneamente frustrados da mocidade. É polo tanto, a súa primeira obra adulta", recolle Manuel Veiga Taboada no libro Manuel María, buscando un país, publicado por Xerais.

Terra Chá é un libro adicado á súa tribo, a súa muller, Saleta, a súa nai e irmáns, que pon en valor a ensencia popular, como resalta Mercedes Queixas Zas na biografía do autor Labrego con algo de poeta, como así se definía o escritor noutro dos seus textos.

Autor prolífico —escribiu máis de corenta libros de poemas, ademais de obras dramáticas, de teatro ou de ensaio e traballos para a prensa, con colaboracións en diarios como El Progreso— a súa é unha viaxe de ida e volta: a procura dunha Arcadia que se atopaba non na súa Grecia soñada. Non tan lonxe. Senón na súa casa natal. Na Casa de Hortas.

Manuel María Fernández, autor de Outeiro de Rei ao que este ano se lle dedica o Día das Letras, ten un poemario, Sonetos á Casa de Hortas (1997) no que describe cada estancia, cada detalle, cada habitante desa morada. "É como unha guía turística da vivenda. Por iso recomendamos lelo antes de vir ver a casa", apunta Fran Rei, actual encargado das visitas da Casa Museo, aberta en 2013.

Este é o espazo que alberga o conxunto do legado de Manuel María e, ao mesmo tempo, é a sede da fundación. Foi inaugurada o día 7 de setembro de 2013.  Está concibida como un espazo físico para acoller a biblioteca, manuscritos, obxectos persoais ou calquera outro feito relacionado con Manuel María e que serva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa obra e figura entre o pobo galego, e en especial entre as novas xeracións.

Os visitantes poden achegarse non só a unha das figuras máis importantes da literatura galega, senón tamén a unha interesante mostra do rico patrimonio artístico e cultural da chaira luguesa. Así, conta cun fondo artístico moi importante, que inclúe obras de Castelao, Urbano Lugrís, Carlos Maside, Laxeiro, Luis Seoane, Sucasas, Alfonso Abelenda, Manuel Torres, Blas Lourés, Felipe Senén, Raimundo Patiño, Xavier Pousa, Argüelles, Balboa ou Díaz Pardo.

A biblioteca contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galiza desde a posguerra ata a actualidade, así, como numerosos documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación: Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro ou Francisco Fernández del Riego.

A casa propón un percorrido por habitacións que sinalan diferentes etapas, dende a mocidade ata o outono vital. Os visitantes poden contemplar a cama na que naceu Manuel María, no seo dunha familia labrega acomodada —o seu pai chegou a ser alcalde da vila de Outeiro de Rei ata 1943, ano no que morre de xeito precoz dunha peritonite—.

Unha vitrina garda unha colección de navallas. "El sempre dicía que un bo galego non debía ter menos de sete navallas", apunta Fran Rei. Noutro moble —un que pertenceu ao seu tío crego don Xosé, o seu benefactor—, entre outros tesouros, a súa colección de reloxos, moi prezados, ou o libro da primeira comuñón, ou o libro vermello de Mao. E as súas estilográficas.

Entre as estancias da Casa Museo de Manuel María está aquela gardada para as festas —Manuel María era un gran festeiro— ou para os velorios, presidida por un gran reloxo. É unha estancia presidida por numerosas obras de arte de amigos, aínda que a peza máis querida sexa a mesa camilla que o autor utilizaba para escribir na libraría Xistral que durante anos rexentou xunto a Saleta en Monforte.

Xistral foi para moitas xeracións un punto de encontro e un símbolo. Un lugar onde atopar literatura en galego e onde coller un libro en galego por vez primeira. "Hai moita xente que ve esta mesa de braseiro e emociónase, chora", comenta Rei.

Manuel María atopou o seu paraíso na leira da casa familiar, un país imaxinario que sempre pisaba antes de calquera outra visita cando chegaba a Outeiro de Rei, como lembran os que o coñeceron.

Un Outeiro de Rei no que gozou coas festas como a de Santa Isabel. Á contorna da carballeira, moi apetecible nestes días, tenlle dedicado o poeta excelsos versos. Cada paisaxe, árbore, paxaro, folla da Chá serviron de inspiración a un poeta moi influenciado por autores como Francis Jammes.

Para aqueles que estes días se animen a visitar a Casa Museo de Manuel María e coñecer un chisco máis sobre a vida e obra dun dos escritores galegos máis prolíficos do século XX, que saiban que poden completar o día cunha ruta natural e etnográfica polas contornas da carballeira de Santa Isabel e as Penas de Rodas.

A primeira sitúase a quince quilómetros de  Lugo e nela conflúen os ríos Ladra e Miño. Os bañistas contan con praias fluviais e mais con caneiros. Todo á sombra das copas das árbores dunha carballeira acondicionada con mesas e con grellas.

Na parroquia de Gaioso encontramos dentro da espazosa área recreativa de Penas de Rodas dúas moles graníticas que dende o seu elevado emprazamento (619 metros) dominan unha ampla panorámica. Estas moles son o resultado dunha erosión diferencial e en torno a elas a fantasía popular creou numerosas lendas, como que unha está chea de ouro e outra de alcatrán.

A Arcadia en Hortas, fogar de Manuel María
Comentarios