Ao Inferno e de volta

'Descenso a los infiernos', o ensaio no que Ian Kershaw analiza o descenso que levou a Europa da idade dourada ata os campos de concentración nazis
Sala de cine con el cartel de la película 'Mein Kampf'
photo_camera Sala de cine con el cartel de la película 'Mein Kampf'

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'



POR QUE OUTRA historia de Europa no século XX? A verdade é que é unha pregunta lexítima. Non hai período histórico máis fondamente estudado e interpretado, dende a extrema dereita (Paul Johnson) ata a extrema esquerda (Eric Hobsbawn). Xa non falemos dos diferentes conflitos —Guerra Civil Española, expansión do nazismo, guerras mundiais— ou eventos de todo tipo —hiperinflación alemá, Gran Depresión, auxe das vangardas no eido da cultura—. Non obstante, existen poucos panoramas que dean unha visión condensada e morixerada dos acontecementos. Mazower, o relativamente descoñecido libro de Richard Vinen —non traducido ao español ata onde eu sei—, Judt para a posguerra... E xa.

O novo século trouxo novas perspectivas. E tamén a nova década. Moitos ven na Grande Recesión, o agromar dos nacionalismos radicais e a extrema dereita, o illacionismo británico e a crise humanitaria dos refuxiados unha repetición dos acontecementos que levaron á catástrofe ao Vello Continente. Para explicar estes sucesos e espantar esas pantasmas apocalípticas aparece Ian Kershaw con Descenso a los infiernos, a primeira parte dun díptico que pechará a historia de Europa publicada por Penguin no mundo anglosaxón e espallada por diversas editoriais en España. Por certo que o título esquece un matiz: o orixinal podería traducirse como Ao inferno e de volta, algo bastante máis esperanzador do que amosa a elección española.

Ian Kershaw é un historiador de total solvencia. A súa biografía de Adolf Hitler considérase canónica e relativamente sinxelo atopala en calquera libraría española case que vinte anos despois da súa publicación. Só un investigador coma el podería ser capaz de procesar a enorme cantidade de bibliografía sobre a época e condensala nunha obra lexíbel, accesíbel ao grande público e ao mesmo rigorosa. Desaparecen case que todos os detalles e datas que se poden atopar en calquera obra de referencia e entramos de cheo na análise das grandes correntes da historia, nese descenso que levou a Europa da idade dourada que tan marabillosamente describiu Stefan Zweig en O mundo de onte ata os campos de concentración nazis. 

Especialmente suxestivo resulta o lapso temporal escollido para relatar. Existe un certo consenso entre os historiadores en situar o comezo "real" do século XX no ano 1914, pero non está tan claro co ecuador se localice en 1945, co final da Guerra Mundial. A escolla de Kershaw, 1949, semella máis razoábel porque foi nese ano cando comezaron a resolverse de verdade cuestións abertas durante o conflito, caso dos movementos de fronteiras e refuxiados, o establecemento do fogar nacional xudeu ou a definitiva configuración dos sistemas democráticos neste lado do pano de aceiro, coa delimitación de dous bloques hexemónicos —socialdemocracia e democracia cristiá— e a marxinación de opcións periféricas, en ocasións con métodos pouco claros, coma no caso de Italia ou Grecia, algo que o autor obvia.

Os dous aspectos máis salientables da obra son a claridade de exposición e a de reflexión. O primeiro non pode apreciarse de todo na tradución. O segundo queda claro á hora de acabar con certos debates pertencentes á historia virtual. Poderían terse evitado os diferentes conflitos bélicos? É atractivo pensar que si pero Kershaw demostra con argumentos que os diferentes contextos facíanos practicamente inevitábeis.

Esa luminosidade do pensamento queda tamén avalada polas declaracións do autor nas que afasta as relacións entre épocas e expón as complexidades e particularidades dos tempos que estudou, concluídos coa esperanza da recuperación, unha esperanza que quizais deberiamos ter máis presente arestora. En calquera caso, e como dirían os comentaristas deportivos, este é un partido con dúas metades. O xuízo definitivo sobre un libro de tanto interese virá dado polo seu complemento, Un continente fracturado, aínda sen data prevista de publicación e que agardaremos nesta columna con toda a expectación do mundo.

Comentarios