Antropodeísmo

De súpeto chega un autor israelí que só escribía sobre historia e estratexia militar, saca un libro sobre evolución, vende un millón de exemplares e...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

OS CAMIÑOS do best-seller son inescrutábeis. De súpeto chega un autor israelí que ata hai dous días só escribía sobre historia e estratexia militar, saca un libro sobre evolución, vende un millón de exemplares nunha manchea de linguas e a segunda parte do asunto, dedicada non ao pasado senón ao futuro da humanidade, esgótase nas librarías de medio mundo dun día para outro, aínda que non está moi claro se tanto comprador é quen de manexarse coas ideas do autor.

Falamos de Yuval Noah Harari, autor de ‘Homo Sapiens’, fenómeno editorial do 2014 —lembro os enormes cartaces de promoción da obra que enchían as fiestras da miña libraría preferida en Londres—, obra que continúa agora con ‘Homo Deus’. Edita Debate, o faro do ensaio internacional traducido ao español.

Os prognósticos son cousa complicada. Intelectuais de todas as pólas da árbore do coñecemento buscan respostas a como será o futuro… e equivócanse sempre. Harari comeza escusándose polo seu futuro fracaso, o que xa non é cousa mala.

A obra comeza cunha longa introdución que marca a nova axenda dos seres humanos. No século XXI loitaremos pola inmortalidade (virtual), a felicidade e como froito de ambas chegaría a divindade. Pero para explicar por que isto pode suceder ataca primeiro os alicerces do mesmo humanismo. O home converteuse en centro do universo a base de considerarse especial, mellor cás demais especies que poboan este planeta. A realidade dos experimentos levados a cabo por psicólogos, antropólogos e demais é que os humanos non somos tan racionais como cremos. A nosa conduta despreza o que temos de animais… e dá pistas sobre o xeito en que nos podemos relacionar cos posíbeis superhumanos.

A visión do futuro de Yuval Harari resulta apocalíptica sen pretendelo. A nosa saúde mellorará grazas a dispositivos implantados no noso corpo e a nosa felicidade virá da satisfacción inmediata da meirande parte dos nosos desexos. Mais o prezo que pagaremos por iso pode parecer moi caro a moitas persoas, xa que o autor presenta un escenario no que a liberdade humana queda completamente abolida. O seu razoamento resulta dificilmente rebatíbel. Por unha banda, as bases biolóxicas do liberalismo —como se demostra na primeira parte— son moi dubidosas: crémonos máis libres do que somos en realidade, o noso cerebro selecciona os acontecementos que lle parece, corta e simplifica. Por outro lado, resulta evidente que case que todos nós estamos a ceder boa parte da nosa liberdade agora mesmo ao entregar voluntariamente as nosas información persoais ás grandes corporacións que xestionan datos: Google, Windows, Apple, redes sociais…

Agora mesmo semella claro que, por exemplo, Facebook podería adiviñar o resultado das eleccións presidenciais dos Estados Unidos denantes e mellor ca ningunha empresa demoscópica. Unhas cantas verbas chave, miles de perfiles seleccionados, uns poucos algoritmos… e xa temos o asunto resolto. Quen di que dentro dunhas décadas non vai ser quen de dicirnos que tal parella, amigo ou traballo non nos convén? Pode que nos coñeza mellor ca nos mesmos grazas aos milleiros de datos que lle proporcionaremos.

Converteranos iso en deuses? Nun sentido grecorromano, si. Unha Atenea, un Apolo, poderosos pero febles, quen de conducir a frecha de Paris ao talón de Aquiles… por odio ao fillo de Tetis. E é que a nova xeración de antropodeuses terá o mesmo defecto ca antiga: será creada por seres humanos e nós, aínda felices e case inmortais, non podemos fuxir da nosa natureza.

Comentarios