''A nosotros nos educaron en castellano y hoy somos galleguistas''

Antón Moreda, pese a ser un descoñecido para moitos, adicou media vida á defensa de Galicia, tanto dende o exilio como á súa volta. Hoxe considera que o galeguismo se está a perder entre políticos que ''non teñen ese sentimento tan importante para formar unha ideoloxía''. Emigrou con 17 anos a Bos Aires, onde cofundou as Mocedades Galeguistas e coñeceu a algunhas das personaxes máis influintes do galeguismo no exilio. Logo, voltou a Galicia, traballou na editorial Galaxia e foi secretario do Consello da Mocedade de Galiza. Hoxe, e tras máis de 40 anos vivindo no Centro Rehabilitador San Rafael, en Castro de Ribeiras de Lea, rememora aqueles tempos, aínda que negándose a  ser un galeguista histórico, porque segue ''en activo'.

Pregunta:
Que recorda da época vivida en Arxentina?

Resposta:
Toda a miña xuventude. Aquelo foi entrañable. Organizámonos como filial da Irmandade Galega, que á súa vez era unha especie de Partido Galeguista no exilio.

P: No 53 funda as Mocedades Galeguistas xunto con Vidal Pérez Graña, Neira Vilas, Carlos e Tito Abraira, Pilar Jeremías e Clotilde Iglesias. Cal era o seu obxectivo?

R:
Dinamizar ó colectivo galego no exilio, organizar á xunventude a través de conferencias, e tamén bailes. Ademais, naquela época, pálpabase a irmandade galaico-arxentina, porque había moitos rapaces nados en Arxentina que falaban galego coma nós e que sentían Galicia coa mesma forza.

P:
Que quedaba do pensamento de Castelao cando chegou?

R:
Cheguei dous meses despois da súa morte e a súa figura sempre estivo moi presente.

O retorno

P: Por que voltou para Galicia?

R: No primeiro congreso da emigración galega que organizou o Consello de Galicia, que era unha especie de goberno galego no exilio, dinme conta de que o exilio rematara, que non tiña posibilidades de regreso para vir como goberno. Non lle vía futuro, comezaron as diferencias... e retornei en 1960.

P: Como foi a volta á terra?

R: Cando desembarquei en Vigo sentín a alguén berrar: ''Vés ou non?''. Escoitar o idioma na propia terra foi enternecedor. Logo, atoparme coa familia, coa miña nai e a miña avoa, que vivían soas en San Miguel de Reinante, en Barreiros, tamén.

P: A súa loita non rematou co exilio.

R: Cando cheguei comecei a contactar coa nosa xeración, que nos fomos coñecendo pouco a pouco. Algúns, baixo a dirección de Seoane, organizaron o Grupo Brais Pinto, no que non participei, e logo fundamos o Consello da Mocedade.

P: Como fixeron para poñerse dacordo nunha época (1953) na que o franquismo estaba moi vivo?

R: Falando individualmente un a un e coñecéndonos por referencias, conseguimos xuntarnos 30 persoas na Coruña. Creamos un grupo que máis tarde se extendería a toda Galicia e que sentou as liñas maestras do nacionalismo. Del saíron os partidos nacionalistas.

P:
Cales eran esas bases?

R: Tiñamos claro que había que defender Galicia e, na actividade política, chegouse ó que hoxe podemos dicir extremos máximos. Non hai que esquencer que a UPG era marxista leninista e partidaria da autodeterminación. Tamén naceu ahí o Partido Socialista Galego, dunha forma moi tímida baixo a directriz dos moderados. Dicíase que había que ter unha esquerda e unha dereita, pero de dereitas non había ningún. Eramos mozos que loitabamos dende unha posición esquerdista.

P: Tamén traballou en Galaxia.

R: Era representante. Andaba coa miña carteira vendendo libros e aproveitaba para falar en termos políticos. Pero tiven unha discusión con Ramón Piñero, porque para el Galicia non era unha nación e falarlle de autodeterminación era impensable, e deixeino.

P: Por que desapareceu o Consello?

R: En primeiro lugar non tivo publicidade social, porque a prensa tiña que aguantar ó réxime. E os vellos galeguistas non se querían comprometer, polo que tampouco tiñamos apoios. Vímonos solos, sen apoio económico e moral da Xeración Piñeiro, e pouco a pouco desfíxose. O galeguismo daquela época viviu a república, hoxe a república pasou, pero atrévome a dicir que moitos temos un pensamento republicano, que en moitos casos se radicalizou. 

Os problemas da lingua
P:
O problema lingüístico xa existía.

R: Si. Na época das Mocedades había que falar a escondidas, pero o problema lingüístico non era o mesmo. O hábito de falar galego estaba, aínda que moitos falaban en castelán por complexo. Pedir un café con leite en galego era para moitos petardismo social e só uns poucos camareiros sabían que un cuba ceibe era cola e augardente. Falabamos galego, editábanse libros en galego... e non se plantexaba o problema da súa desaparición.

P: Cre que podería suceder?

R:
Creo que non é para tanto. A Universidade recoñece o galego como lingua oficial e que non se fale moito na escola non me preocupa demasiado, porque a nós educaronnos en castelán e hoxe en día somos máis galeguistas que os que nos impoñían esa lingua. O que non fala galego, co tempo ou claudicará ou darase conta de que estaba equivocado.

P: Que queda do galeguismo que viviu vostede en Bos Aires?

R: Moitos regresamos, seguimos sendo galeguistas ó máximo e se tiveramos a oportunidade declararíamos a independencia. Seguimos tendo ideais e conseguimos enraízalos de volta. Pero hoxe falta formación galeguista. Hai algo de historia, saben que vimos das Irmandades da Fala, pero non hai asumida unha conciencia galega. Cos anos a sociedade terminará esmagando ó galeguismo. Hoxe hai que diferenciar un galeguismo, o que sinte ese amor incondicional por Galicia, os que nacimos nela, loitamos por ela e morreremos nela. E outro, o político, que é a reconstitución do Partido Galeguista, no que hai de todo.

O nacionalismo hoxe
P: Que valoración fai do nacionalismo galego actual?

R: Cando tiveron parte no poder no goberno autónomo non empezaron a tirarse os trastos á cabeza e conviviron con outro partido, un PSOE dun nacionalismo moi tenue, e conseguiron demostrar que un goberno autónomo é posible.

P:
E do BNG?

R:
O BNG cambiou da noite á mañá. Beiras, quen levantou ó BNG, hoxe está apartado e algún que está non ten ese sentimento galego tan importante para formar unha ideoloxía e querer unha terra.

P:
Cal é o futuro do nacionalismo?

R: Para min está condicionado pola actuación do actual Partido Galeguista, que pide o voto á xente de clase media, pero ás veces esquéncese de que o nacionalismo galego é de esquerdas.

P:
Pese ó seu traballo polo galeguismo é alguén descoñecido para moita xente. Cree que a historia non lle deu o seu lugar?

R: O Partido Galeguista ten que tomar cartas non somentes na miña actuación, senón ter en conta a moitos que loitaron polo galeguismo mentras eles estudiaban ou traballaban. A obrigación actual do partido, que está bastante moderado, é non esquencerse de xente como Alonso Ríos, Ánxel Fole e moitos outros que levaron o galegusimo ó último extremo.

P:
Pero pode presumir de inspirar dous libros...

R: Sempre digo que para min son unha especie de traición á amizade, porque nin Ferrín nin Margarita Ledo, os autores, me dixeron abertamente que ían a escribir un libro e un basouse nas miñas ideas e outra empregou cousas que lle contei como amigo para publicar o libro.

P: Preside a asociación Gaiola dende a súa fundación, no 68. Como é para que naceu?

R:
Gaiola xurdiu por un psiquiatra que tiña unha experiencia distinta da que había en Galicia. Era partidario da psicoanálise e de que a xente tivera máis liberdade, así como de sacar os baños de auga fría. A ideoloxía de Gaiola foi a base da actual Lei de Saúde Mental, que fala de rehabilitación, algo que en moitos centros actualmente aínda non está a funcionar porque o que prima é o interese económico.

P:
A asociación edita a revista ‘Gaiola Aberta’. Que fin ten?

R: É unha revista anual que quere dar a coñecer opinións que non saen á luz na prensa comercial, falar dos problemas psiquiátricos e manter a unión entre a xente que está ingresada en centros de toda Galicia.

 
Anos na 'gaiola'
P: No 66 ingresou no centro de Castro, como é a súa vida aquí?

R: A vida hoxe é boa. Non é a casa, pero usando o humor, tómoo coma un hotel. Antes era un manicomio, e é algo que marca de por vida. Ata a transición os internos non crían que os de ETA eran terroristas, pero os que practicaban electroshock aquí tódolos martes si eran criminais. Tras moitos anos ingresado por beneficencia, miña nai vendeu a casa e gracias a eso ingresei en pensión, polo que gañei certa liberdade. 

P:
Síntese engaiolado?

R:
Si, porque engaiolado non é estar preso. É estar nunha xaula coas portas abertas e non ter onde ir.

P: Pode saír do centro?

R:
Si. Gústame ir ó bar Sinde.

P:
Estudiou na Universidade e licenciouse en Dereito en ‘Senior’. Sentiuse discriminado algunha vez?

R: Nin na universidade nin noutros ámbitos sentín discriminación. Nunca me trataron de tolo.

P: Se lle deran a oportunidad, participaría activamente en política?

R: Se a miña saúde o permite si. Estou afiliado ó Partido Galeguista. Pero teño un montón de diagnósticos, tratamentos...

P:
Sería un bo político hoxe?

R: Non o sei, porque hai que estar ás duras e ás maduras.

P: O seu libro favorito?

R:
'Sempre en Galiza'.

P:
O seu escritor?

R: Manuel María.

Comentarios