Ana Belén Vázquez: ''Na caza hai algún que pensa que as mulleres teñen que estar na casa, pero son casos contados''

Ana de Nonito, como a coñecen no monte, é propietaria dunha granxa en Ordes e iniciouse no mundo da caza con 18 anos. Agora, con 36 e un fillo recentemente nado, leva á caza maior unha manda de 60 cans adestrados.

PREGUNTA: ¿É difícil ser muller no mundo da caza?
RESPOSTA: Hai algún que pensa que as mulleres teñen que estar na casa e non no monte, pero son casos contados. Vino máis entre donos de cans, que sempre hai piques, que nos propios cazadores.

P: Pero é unha afección que practican sobre todo homes.
R: Hai pouco estiven nunha cacería para mulleres organizada por Monteiros Galaicos, pero cazadoras non coñezo tantas... Sei de bastantes que van acompañar os homes nas monterías, iso si.

P: ¿E a que se debe iso?
R: Eu non creo que sexa por machismo. Sobre todo débese ao costume e a que ás mulleres lles adoita gustar menos andar no monte, cos cans, pincharse e tamén mollarse cando chove.

P: ¿A caza é tradición familiar?
R: O meu pai cazaba, pero eu empecei despois de que morrera. Ao primeiro cazaba coellos, pero case me daban máis pena que satisfacción.

P: Entón pasou á caza maior.
R: Ten máis emoción. Comecei cun veciño e logo a criar cans para levar ás monterías... Agora teño a miña propia rehala.

P: ¿Un segredo para saber manexar sesenta cans?
R: Pois a min gústame adestralos nas propias cacerías desde pequenos, para que se afagan ao monte e aprendan cos maiores. Hai outros que prefiren capturar un xabaín pequeno para telo na casa e acostumar os cans.

“O xabarín é a miña presa preferida; matei a coitelo un preso polos cans”
P: ¿Unha peza preferida?
R: O xabarín. O porco é moi intelixente e sábese defender ben do cazador.

P: ¿E o resto das presas de caza maior?
R: Non me gustan. Eu nunca lle tirei ao cervo, ao raposo ou ao lobo... Unha vez tiven un corzo tan preto que me tirou a escopeta, pero non lle disparei.

P: ¿Cantos porcos abateu?
R: Pois non sei... Se cadra 12. Case todos antes, cando os que imos cos cans aínda podiamos levar a escopeta.

P: ¿E despois?
R: Rematei un a coitelo. Os meus cans metéronse polo monte basto e atrapárono. Fun a por el porque, aínda que era grande, entre todos tíñano ben preso. Se non non me metía, non me vai ir de valente.

P: ¿Parécelle que hai  crueldade nos cazadores?
R: Non vou mentir; dentro do mundo das monterías hai de todo. Hai quen non lle ten respecto ao monte e lle dá igual pegar 50 tiros. Porén, ese non é o caso da maioría. Eu, se sei que non lle dou á peza, non lle tiro. Ademais, procuro que o animal non sufra.

P: ¿É unha afección cara?
R: Si, sobre todo cando se participa en batidas fóra da propia provincia. Entón hai que pagar todo: o gasóleo, a comida, o posto na montería, o hotel... Ademais de comprar as armas e alimentar os cans.

P: Porén, hai quen lle saca lucro económico.
R: Si que hai concellos que viven da caza, pero iso sobre todo pasa por León e outras zonas. Aquí en Galicia o mundo da caza funciona sobre todo pola diversión, porque hai  ouca forma de facer beneficio. Aínda que eu penso que se lle podería sacar máis partido.

Comentarios