'Amigos ata a morte' chega a Burela e Lugo na "segunda volta" da súa exitosa xira

A comedia protagonizada por Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor retoma o percorrido polos teatros galegos iniciado en outubro tras unha moi boa acollida do público. Este venres será o turno da localidade mariñá e o día 26 o da capital lucense
Cartaz de 'Amigos ata a morte'
photo_camera Cartaz de 'Amigos ata a morte'

Tras unha éxitosa xira, Amigos ata a morte inicia unha "segunda volta" para "os que se quedaron sen ver" esta divertida comedia interpretada por Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor. Nesta ocasión farán dúas paradas na provincia: Burela e Lugo.

O propio Touriñán asegura que quedaron "moi contentos" coa boa acollida de Amigos ata a morte nunha primeira volta na que percorreron boa parte dos teatros galegos. "Mellor imposible. Enchemos en todos os lados", explica o humorista.

Esta forte demanda animounos a continuar a xira co obxectivo de que os que en outubro non tiveron a oportunidade de coñecer aos protagonistas deste triángulo amoroso poidan facelo agora nalgunha das dez localidades nas que actuarán nos próximos dous meses. 

Touriñán, Sola e Amor retomaron a xira a pasada semana e este venres, día 4, farán a primeira parada na provincia. Será na Casa da Cultura de Burela ás 21.00 horas. As entradas xa están á venda. O próximo día 26, a obra poderase ver no Auditorio Gustavo Freire de Lugo ás 20.30 horas

'BUSCANDO ARDEBULLO'. Esta segunda volta da obra coincide coa estrea do programa Buscando Ardebullo (TVG), na que Touriñán, Marcos Pereiro e Manolo Pereiro percorren varias vilas galegas para coñecer aos seus habitantes. O espazo arrincou o pasado 23 de febreiro con moi boa acollida entre a audiencia e cos seus protagonistas "encantados".

Comentarios