América vs. Corea

Antoine Fuqua desembarca hoxe nos cines cunha americanada clásica na que Gerard Butler dá vida a un axente xa de retirada que tratará de salvar o presidente dos Estados Unidos, encarnado por Aaron Eckhart, de mans duns terroristas que nesta ocasión son coreanos e chegan a facerse co control da mesmísima Casa Branca.

Nin a presenza de Morgan Freeman chega a salvar Objetivo: La Casa Blanca, unha cinta de percorrido clásico de bos contra malos de dúas hora de duración e onde o mellor é o elenco.

Tamén chega hoxe aos cines a produción española Mussolini va a morir, de Rafael Gordon, que relata os últimos momentos do ditador italiano xunto a Claretta Petacci antes de ser fusilado.

Esta revisión histórica protagonizada por Miguel Torres e Julia Quintana intenta ofrecer a loita interna entre o Benito Mussolini humano e o seu alter ego histórico, Il Duce, o sanguinario ditador que deixou detrás de si unha estela de 50 millóns de mortos durante 23 anos de mandato do terror na Italia do século pasado.

Por último chega ás pantallas Díaz, non limpiéis esta sangre, unha película de Daniele Vicari baseada en feitos reais que conta como en 2001, no último día da reunión do G8 en Xénova, Italia, xusto antes da medianoite, máis de 300 policías asaltaron a escola Díaz buscando manifestantes antisistema.

A historia rematou cunha brutal represión policial que agora se conta en máis de dúas horas de película, protagonizada por Claudio Santamaria, Jennifer Ulrich, Elio Germano e Davide Iacopini.


Outras estreas de hoxe
El impostor
Bart Layton conta a inquedante historia dun rapaz que se fai pasar polo fillo desaparecido dun matrimonio americano nos 90

La mula
O galego Mario Casas protagoniza esta cinta ambientada na Guerra Civil e cunha mula como eixo. Unha comedia de Michael Radford

Stoker
Cinta de suspense con Nicole Kidman na que unha muller que o perde case todo únese a un tío seu, pero nada vai ser o que parece

Rebelde
Unha das cintas do ano e gañadora de numerosos premios. É a desgarradora historia dunha nena da guerra na África subsahariana. Xenial

Comentarios