Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Amancio Castro: "Son un incrédulo que cre nas herbas de San Xoán"

Amancio Castro cun ramo de San Xoán no Mercado de Pontevedra. OLGA FERNÁNDEZ
Amancio Castro cun ramo de San Xoán no Mercado de Pontevedra. OLGA FERNÁNDEZ

Este mestre e ecoloxista leva máis de 20 anos axudando a divulgar as tradicións e rituais do San Xoán galego con Vaipolorío ► E constata que medra o interese

A de San Xoán non é unha tradición que corra perigo ningún de desaparecer.
Todo o contrario: eu creo que vai para arriba. A miña sensación é que medra o interese por ela. Cada vez máis. Mesmo á hora de coñecer as herbas que se poden empregar para o ramo, por exemplo. E non está mal, porque hai quen lle mete agora ata follas de eucalipto.

E iso si que non.
Home, o eucalipto ten propiedades medicinais, sen dúbida. Sempre se empregou para facer bafos. Pero incluílo no ramo de San Xoán é unha novidade. Tampouco digo que estea mal: como todas as tradicións populares, o San Xoán vai cambiando, evolucionando. Pero en principio, non, a folla do eucalipto aquí non pinta nada.

Sábese onde teñen a súa orixe os rituais desta festa.
É complicado. A orixe é incerta. É dunha destas festas ligadas á natureza e á maxia, pero tamén á agricultura e á medicina tradicional. Mestura ademais paganismo e relixión católica, que é algo que entre nós triunfa bastante. O que se fixo foi coller unha serie de cuestións ligadas coas meigas e pasarlles a pátina de San Xoán por enriba para integralas e que deixasen de estar prohibidas ou perseguidas. Eu diría que a festa de San Xoán ten moito que ver coas tradicións romanas. Estes eran unhas esponxas: por onde ían collían o que atopaban e facíano seu. Que se trata de ritos pre-cristiáns, iso é seguro.

E en Galicia non se celebra igual en todas partes.
Non, non se celebra igual, nin coa mesma intensidade. É común facer as fogueiras, pero, despois, pola costa faise o "cacho" e séguese o rito de lavarse con esa auga, mentres no interior se fai un ramo e se colga nas entradas das casas ou das cortes para protexer ás persoas e aos animais do meigallo. Eu vinos, por exemplo no Courel: nas portas das cortes e nas ventás das casas. Pero é que esta é unha tradición con moitas variacións, non só dun lugar a outro, mesmo entre dúas casas pegadas. Entre unha veciña e a do lado xa podía variar a composición do ramo. É que mesmo cambia o nome das plantas! Só nas parroquias de Pontevedra, a asociación Vaipolorío, á que pertenzo, atopou tres diferentes ás que se lles chama "sanxoáns".

O do "cacho" é un ritual que ten que ver coa medicina tradicional. Iso si, despois de lavarse coa súa auga, non hai que secarse!

E o de comer sardiñas...
Para min que iso é algo que se integrou na festa moito máis recentemente. Eu mesmo, que nacín en 1947, de neno, non lembro que se comeran sardiñas. Faciánse as fogueiras, saltábanse, pero comíase do que había, que tampouco era moito. Esa é a miña experiencia, polo menos. Pola contra, hai anos estaba moito máis estendido o de aproveitar esa noite máxica, na que andan os trasnos soltos e pode pasar calquera cousa, para facer falcatruadas: sacábanse os carros das casas, moviánse as cancelas, estragábaselle o "cacho" a quen o deixaba a man... Isto todo agora practicamente non se fai. É a parte que se foi perdendo.

Entón, se alguén quixera cumprir coas tradicións de San Xoán, basicamente o que tería que facer é o "cacho" e a fogueira.
Son dous rituais básicos, si. Un, de carácter privado: o de facer o ramo coas herbas de San Xoán. E outro, público, comunitario, que é o da fogueira. Fíxate, eu son un incrédulo que cre nas herbas de San Xoán. Porque sei que á xente que lles ten fe, lle funcionan. Así que se lle tes medo ao meigallo, hai que facelo. Porque a fe é algo moi poderoso.

E como se fai o "cacho"?
O día antes recóllense as herbas e faise con elas un ramo...

Pero que herbas serven?
Isto é complicado de resumir. Xa digo que dunha casa a outra, mesmo pegadas, o ramo podía variar. Porque era unha tradición que pasaba de nais a fillas e cada unha tiña as súa propia receita. Basicamente son todas plantas con propiedades medicinais ou simbólicas, como pode ser a folla da figueira, que se relaciona coa fertilidade. Volvendo ao traballo de Vaipolorío, pódoche dicir as que, segundo recollemos, acostumaban a repetirse máis: a herba luísa e o romeu. Tamén están moi presentes outras como a "carrasquiña", os poexos, a macela e a "malvarrosa". A partir de aí... Antes era habitual ir a recoller polo monte o que se ía empregar. Agora úsase o que se ten nas hortas e nos xardíns. O máis importante é non andar por aí estragando plantas ao tolo. Unha boa opción é mercar os ramos nos mercados, que en Pontevedra é moi tradicional, penso que custan un euro e algo, ou facerse con eles en asociacións ou colectivos.

E despois?
Despois métense nun cacho [recipiente baixo e de boca ancha] con auga, normalmente dunha fonte concreta ou de varias, pero tamén hai quen usa a do seu pozo ou a auga da propia billa, e déixanse alí toda a noite, sempre fóra, ao aire libre, para que faga efecto a maxia. Á mañá cedo, lávase un con esa auga chea de propiedades, e queda purificado, renovado e protexido. Iso si, unha curiosidade: non hai que secarse! Nada de toallas! A auga debe penetrar na pel para facer efecto. Hai que secarse ao aire.

Quédanos saltar a fogueira.
Claro, o último elemento: o lume. Porque no San Xoán están presentes os tres elementos clásicos: o da terra, o da auga e o do lume. O de saltar a fogueira ten que ver de novo coa purificación, co renacer. Queimábase o vello, destruíase, e dábaselle a benvida ao novo. Sempre, claro, a partir das doce da noite, que é cando empeza a maxia, cando todo pode pasar.

Amancio Castro: "Son un incrédulo que cre nas herbas de San Xoán"
Comentarios