Alberto Lobelle: "Se produces ti non tes que dar explicacións a ninguén"

O monfortino reflexiona sobre o seu último traballo, 'Paisaxes da Capelada', e as vantaxes da autoprodución. Gañou o premio á mellor fotografía no DocumentaMadrid
Alberto Lobelle
photo_camera Alberto Lobelle

Comezou bastante tarde. Como se interesou polo mundo audiovisual?
A verdade é que un nunca sabe por que decide as cousas ou por que pasan, comecei a estudar Enxeñería Técnica Industrial e daquela tamén comecei a ver bastante cine. Eu cando era crío xa vía moito cine co meu avó. Con 22 anos cheguei á conclusión de que quería cambiar un pouco as miñas perspectivas de vida e os meus estudos, e probar a facer algo que me realizase máis como persoa.

Cal foi o seu primeiro paso para entrar no mundiño?
Un curso de operador de cámara en Compostela. Despois entrei na Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Como comezou a crear?
Despois da escola estiven traballando nalgunhas produtoras. Cheguei a un punto no que decidín facer cousas pola miña conta. Realmente era o que me enchía como creador. Hai que ser consciente de que coas cámaras dixitais era factible facelo pola miña conta. Hai anos tería sido imposible co tema do celuloide, pero agora mesmo cun ordenador portátil e unha cámara semiprofesional podes facer grandes cousas.

Os seus traballos ata o de agora son documentais. Por que tirou por este xénero e non polo da ficción?
O documental permite unha liberdade creativa e tamén unha liberdade de presuposto que a ficción non permite. Paréceme un formato moi cómodo porque podes botarlle moitísimas horas e deixar repousar os proxectos. Por outra banda, a nivel de presuposto manexas moi pouco diñeiro coa liberdade creativa que conleva. Se produces ti non tes que dar explicacións a ninguén.

"Agora mesmo cun portátil e unha cámara podes facer grandes cousas"


Por que elixiu a serra da Capelada como escenario do seu documental? Montes hai moitos en Galicia.
Eu tiven unha moza que era de alí e xa coñecía o sitio de antes. Parecíame impresionante polos cantís de 600 metros, pola orografía, o clima, o vento que hai, polos cabalos salvaxes... Parecíame que era un sitio que tiña unha forza brutal. Incluso a nivel histórico por todos os ritos que se facían alí e se seguen facendo.

Escolleu un estilo moi concreto: cámara fixa, planos longos. Buscaba algún efecto?
Tiña xa de primeiras a idea de que quería facelo todo en planos fixos e longos. Non sabía moi ben o que ía pasar nas imaxes. Sí que me puxen a nivel estilístico unhas normas bastante estrictas porque cría que era unha forma interesante de enfocar esa paisaxe e a nivel visual parecía que era moi potente así. Podería ser un auténtico coñazo ou sacar algo interesante se consegues transmitir ao espectador ese lugar e que entre nas imaxes. Lembro facer algunhas probas case ao inicio. Un colega meu dixo que algunha das secuencias que lle puxera era como a meditación. Había algo en min que quería invitar a esa meditación.

O documental está gravado no verán ou en inverno?
Está gravado durante todo o ano. Comecei hai cinco anos a gravar, no verán. Rematei o ano pasado sobre estas datas. Foi en outono, primaveira, verán e inverno.

Non desexou nunca abandonar o proxecto?
Honestamente, debo dicir que entre medias fixen Den Pobedy porque como xurdiu o tema en Ucraína; parecíame que tiña unha vixencia máis importante como para meterme con el. Deixando a un lado ese parón que eu tiven, sempre tiven claro que quería facer algo. Non tiña moi claro o que ía saír, pero era a miña aposta. Fun precisamente dende o inicio, cunha proposta bastante estricta a nivel estilístico, quería saber onde podía chegar a nivel expresivo para expresar a paisaxe dun lugar ou o fluír da vida.

Gastou moitos cartos do seu propio peto neste proxecto?
Prefiro non pensalo (ri). Non sei canto puiden gastar porque estiven aproveitando vacacións e tempos mortos en Madrid para ir a Galicia gravar. Despois, ir todos os días de Coruña a Cedeira e Santo André de Teixido, a cámara que merquei, o trípode, o ordenador para montar e despois pagarlle á xente que traballou comigo. Prefiro non pensar nos cartos que gastei.

Gustaríalle traballar nalgún outro tema sobre Galicia?
A miña idea é seguir gravando proxectos aquí na Galiza. É a miña forma de non perder vínculo porque por desgraza levo xa seis anos vivindo en Madrid por temas de traballo. Creo que hai moito que se pode aproveitar en Galicia, hai moito que amosar. Gustaríame seguir tirando por aí.

O seu traballo anterior Den Pobedy  vai sobre o avó da súa muller que é ucraína. Non pensou un proxecto similar coa súa propia familia?
Pensei en facer algo pero máis a nivel persoal e íntimo, unha especie de arquivo familiar. O que pasa é que a nivel de potencial dramático era moito máis potente Ucraína. Polo pasado que tiveron e polo presente que están tendo.

Gañou o premio á mellor fotografía do DocumentaMadrid. Como foi a experiencia?
Foi xenial en moitos aspectos. Foi a estrea mundial e xa estaba un pouco deprimido porque non seleccionaban o traballo en ningún lado. Por outra banda, houbo unha conexión coa xente no coloquio, falamos media hora e a xente tiña preguntas e participaba. Iso é moi grafiticante. Un sempre dubida se paga a pena meterse as horas que se meten en traballos así, ademáis autoproducidos. Cando se ve unha resposta así, un se sente realizado, a verdade.

Comentarios