A AELG conmemora o Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres

Ledicia Costas reivindicou á Rosalía que "se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante"
Ledicia Costas, na homenaxe a Rosalía
photo_camera Ledicia Costas, na homenaxe a Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este domingo un evento para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebrará o vindeiro venres 24 de febreiro -data de nacemento da escritora-.

O acto central desta efeméride tivo lugar no Panteón de Galegos Ilustres, situado no Mosteiro de San Domingos de Bonaval de Santiago. Neste, segundo informou a propia asociación, procedeuse á lectura de diversos poemas de Rosalía de Castro e realizáronse varias actuacións musicais.

Así mesmo, como é de costume neste evento, leuse un manifesto da AELG, que este ano correu a cargo da escritora Ledicia Costas. Neste texto, Costas explicou que cando imaxina a Rosalía "ve a unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante".

"Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz", expresou Costas neste manifesto.

Ademais deste acto, ao longo da semana desenvolveranse outros eventos en distintos puntos de Galicia. Así mesmo, para conmemorar o nacemento da escritora, a AELG propuxo á cidadanía que regalen un libro e unha flor.

No acto, participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Comentarios