Obras

Adeus a Miguel Suárez Abel, o escritor e mestre "que sentía a vida intensamente"

Afincado en Pontevedra durante boa parte da súa vida, o autor morreu este martes, aos 65 anos, vítima dun cancro ►Gañador dos premios Puro Cora, Blanco Amor e Julio Camba, entre outros, foi mestre no IES Luís Seoane e columnista do Grupo El Progreso
Miguel Suárez Abel, nunha imaxe de 2010
photo_camera Miguel Suárez Abel, nunha imaxe de 2010

"Cando me preguntan como o levo, non atopo mellor resposta que: evolucionando", escribía Miguel Suárez Abel, o pasado 9 de abril, no Diario de Pontevedra. "Evolucionando canda a enfermidade. Seguindo os seus pasos, as súas ordes, as súas decisións incontestables". O escritor, columnista e psicólogo faleceu este martes, na vila coruñesa na que estaba retirado coa súa parella, vítima dun cancro co que viña loitando nos últimos anos.

Precisamente esa loita coa enfermidade foi narrada por el mesmo en moitos dos seus últimos artigos de opinión. Por exemplo, no citado O rato roe o óso, onde tamén escribía: "Ás veces paréceme que son un simple medorento que escoita os dentes de rato roendo na manta, outras, ben ás claras, comprobo que o rato si está, e roe xa no óso, o cambio de ruído é tan poderoso como evidente. Aínda así, sabendo que os dentes xa roen óso, a todos nos gusta ata o último instante seguir o ritmo que marcan dende fóra".

Víctor Fernández Freixanes "Ademáis de moi bo escritor era, por riba de todo, moi bo tipo, un home agarimoso, solidario e xeneroso"

Ou, o 26 de marzo, en As xaponesas, no que denunciaba o trato ao que o sistema sanitario sometía aos enfermos e os recortes: "Entre os moitos momentos realmente dolorosos aos que te enfronta unha enfermidade coma o cancro, un ben feo é o de comprobar que despois de experimentar con todo tipo de quimioterapia ningunha funciona. Calquera esperanza por mínima que sexa vai aliviando a tensión dos días contados", dicía. "Despois de chutes tan variados, de pastillas tan desagradables, con efectos tan negativos, xa me apetecía a min meterme unhas xaponesas [pílulas dun tratamento experimental] dúas ou tres veces ao día a ver como me reacciona o corpo. Mais vai para catro semanas e a Comisión Farmacéutica debe de estar a tope de traballo que non contesta. Non dou saído da dúbida, e tamén había ter graza que mas aprobasen cando xa se me fose o tempo...".

O funeral terá lugar hoxe, ás 18.00 horas, na súa localidade natal, Santo Estevo de Campo (Arzúa, A Coruña).

BIOGRAFÍA. Nacido en 1952, Miguel Suárez Abel estudou Psicoloxía. Desenvolveu boa parte da súa vida en Pontevedra, onde se afincou e exerceu, primeiro, como mestre de Xeografía e Historia e, despois, como orientador, nos dous casos no IES Luís Seoane.

Colaborador habitual dos medios de comunicación, como columnista fíxose cos premios Julio Camba no ano 2001, polo artigo De Zsweibrucken a El Ejido, e co Puro Cora en 2007, por Punto y aparte.

Fina Casalderrey "Sentía a amizade, a vida e o amor intensamente. E, nestes últimos tempos, deunos unha lección de afouteza"

No eido literario, Suárez Abel deuse a coñecer ao ser premiado no Certame Modesto R. Figueiredo cos relatos A alemá, en 1981; O fillo de Serafín, en 1982, e O quiquiriquí, en 1983. Coa súa primeira novela, Turbo, gañou o Premio Blanco Amor en 1986. Despois viría Sabor a ti, en 1991, coa que foi finalista do premio Xerais. Con O repenique de Beatriz Goldar gañou o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia en 2002. O seu último título neste xénero foi Nunca te vin chorar, publicado en 2010 por Galaxia. Ademais, foi autor dunha novela arreportaxada sobre Álvaro Pino.

"Ademais de moi bo escritor e dun excelente articulista, Miguel era, por enriba de todo, moi bo tipo, un home agarimoso, solidario e xeneroso", sinala o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes. El foi, ademais de amigo persoal, o editor de cabeceira de Suárez Abel. Da súa man publicou dende o seu debut, Turbo, "un título que tivo moi boa aceptación e que espertou moito interese", ata o seu último traballo, Nunca te vin chorar. "Lémbroo, sobre todo, como unha gran persoa, alguén co que sempre podías contar, un amigo de verdade. Sinto de verdade a súa perda".

Para o presidente da RAG, a figura de Suárez Abel permanecerá para sempre ligada a Pontevedra, onde deixa unha fonda pegada. "Como escritor, pódese dicir que a súa era unha literatura moi directa, moi apegada á realidade de todos os días", lembra o que foi histórico responsable dos dous selos editoriais máis importantes de Galicia, Xerais e Galaxia. "Calquera que o coñecese un pouco era capaz de recoñecer o seu contexto vital na súa literatura".

Xaime Toxo "Era un entusiasta da literatura, un tipo extraordinariamente culto dunha sensibilidade e decencia fóra do común"

A escritora e académica pontevedresa Fina Casalderrey, tamén amiga persoal de Suárez Abel, lémbrao como un home agarimoso, de talento innato para meterse nas entrañas das historias literarias "propias e alleas". "Sentía a amizade, a vida e o amor intensamente", explica Casalderrey, que destaca o xeito que tivo de narrar o seu enfrontamento coa enfermidade nos seus últimos textos. "Agora, nestes momentos dificilísimos, aínda nos acabou por dar unha lección de afouteza, de fortaleza, de como botar fóra todo o que se necesita botar sen laiarse". E remata: "Gustáballe moito viaxar e bebía cada paisaxe como se fose a última, preméndolle o zume como fixo coa Selva Negra. Esta viaxe non a escolleu, pero foise cunha dignidade que da calafríos", sinala.

ENTUSIASTA. Para Xaime Toxo, escritor e presidente do Ateneo de Pontevedra, institución na que Suárez Abel estivo moi involucrado, mesmo como directivo, a desaparición do autor supón "a perda dun amigo moi querido". Toxo lembra o seu interese constante polo manexo do idioma e polo proceso creativo. "Era un entusiasta da literatura, un tipo extraordinariamente culto, dunha sensibilidade fóra do común".

Como para Freixanes, para o presidente do Ateneo, o seu nome vai ficar ligado a Pontevedra. "Hai uns anos clave en toda etapa vital, arredor dos 40, onde todos estoupamos co noso máximo potencial. Eses anos para Suárez Abel foron nesta cidade. Vai ser, sen dúbida, alguén moi recordado".

Para Toxo cómpre lembrar ao escritor como "un gran seductor e un amante da vida", ademais de como un tipo decente e íntegro en todos os aspectos. "Tanto na súa profesión, como humanamente, era dunha decencia, dunha rigorosidade e dunha honestidade brutais. Para min sempre será un amigo referencial, alguén que lembrarei con enorme tenrura".

Comentarios