A cara B da soidade

Estar só por elección é saudable, pero cando é unha situación non desexada pode danar máis que fumar 15 cigarros ao día
Un home camiña só nunha aldea da provincia de Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Un home camiña só nunha aldea da provincia de Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)

Un estudo da Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos asegura que a soidade pode danar máis que fumar 15 cigarros ao día e que, pola contra, estar acompañados pode reducir un 50% o risco de morte prematura. Os efectos da soidade non desexada na saúde e benestar das persoas son tan evidentes que moitos países, como Xapón ou Reino Unido, xa crearon ministerios da soidade, co obxectivo de paliar unha situación que está tendo graves consecuencias neses países, tanto no deterioro da saúde das persoas como no incremento do número de suicidios. 

O que para uns é o paraíso, para outros é un pesadelo. Son etapas da vida. A ansiada independencia da xuventude contrasta co desexo de compañía na senectude. En ámbolos dous casos, ás veces son soños inalcanzables. 

En España hai 4,7 millóns de fogares unipersoais, dos cales dous millóns corresponden a maiores de 65 anos. Según os últimos datos do Ine, referidos a 2020, na provincia de Lugo había 38.000 persoas soas. Delas, 549 non só viven soas na casa, senón tamén na súa aldea. 

A soidade pode ser unha opción de vida. Só é preocupante cando non é desexada e ten consecuencias negativas na saúde e no benestar de quen a padece. Estes últimos son os casos que preocupan nos países que decidiron crear ministerios ou departamentos orientados a paliar a soidade. En Xapón, por exemplo, a soidade matou máis o ano pasado que o coronavirus. Rexistráronse 9.079 mortes por covid-19 e 21.081 suicidios, moitos atribuídos a efectos da soidade. 

Xapón e Reino Unido crearon ministerios da soidade para paliar os seus efectos

En Alemaña tamén se deron conta de que algo non vai ben. Berlín foi declarada en 2018 a capital da soidade despois de que se coñecese un informe que indicaba que nesta cidade morrían 300 persoas ao ano nos seus domicilios sen que ninguén o notase ata varias semanas despois. 

No Reino Unido, o goberno de Theresa May recoñeceu a soidade como problema de saúde pública e creou un ministerio xa no 2018. 

Estes precedentes despertaron o debate de se España precisa un ministerio da soidade. A tendencia global fai pensar que, se aínda non fai falta, todo chegará. Os expertos levan anos reclamando medidas para frear o incremento dos suicidios, a circunstancia que fixo reaccionar ao resto de países. Os suicidios non son o único dano que provoca a soidade, aínda que si o máis grave, e serven de indicativo da saúde dunha poboación. 

Cidades como Madrid ou Barcelona xa puxeron en marcha estratexias para combatir esta situación, baseadas sobre todo no achegamento veciñal, no fomento do contacto cercano. 

A falta de tempo é clave no deterioro dos hábitos de contacto na sociedade actual

Os expertos coinciden en que os hábitos sociais están detrás da chamada epidemia do século XXI. Os valores relacionados co tempo son a clave. A amizade, a escoita, a confianza, a palabra, a tenrura... todo require tempo para cultivarse e iso é o que falta na sociedade actual. 

Olga López, concelleira de benestar de Lugo

‘MINI-MINISTERIO’ LUCENSE. Na cidade de Lugo, o máis parecido a un ministerio da soidade é a concellalía de benestar, inclusión e persoas maiores, que dirixe Olga López. A ela dálle vertixe escoitar falar dun ministerio, pero desde a humildade e a limitación dos recursos dun concello traballa na mesma liña e co mesmo obxectivo, paliar os efectos da soidade non desexada. 

O programa Acompañámoste naceu en abril do 2020, nos primeiros momentos da pandemia, cando se detectou que o confinamento, tan necesario para protexer a vida dos maiores, estaba facendo estragos na súa saúde mental e no seu benestar. 

Olga López conta que "o primeiro que se fixo foi contactar telefonicamente con máis de 3.000 persoas maiores de 65 anos que polo padrón sabiamos que vivían soas, para que nos trasladasen as demandas que tiñan nese momento". Nese sondeo inicial detectáronse necesidades derivadas da pandemia que foron remitidas aos departamentos competentes, como o servizo de axuda no fogar, o de xantar... e estableceuse un seguemento dos casos. 

En Lugo, Concello e Cruz Vermella fan seguemento de máis de cen persoas que viven soas

Coa idea de dar continuidade a esta iniciativa, o Concello de Lugo asinou un contrato con Cruz Vermella para que sexa o seu persoal quen xestione Acompañámoste, con financiamento municipal. "Hai grupos de rúa, nos que participan 20 voluntarios, que van polos barrios, polos centros de saúde, polas farmacias e polas tendas, que son os sitios polos que ten que pasar todo o mundo e onde se poden detectar casos de persoas maiores soas con algunha necesidade", explica a concelleira de benestar. 

E con este plan de traballo, xa se levan introducido no programa Acompañámoste máis de cen persoas. Cando se localiza un posible usuario do servizo e este acepta participar, comunícase o caso á traballadora social para que valore as súas necesidades e as derive ao departamento correspondente. 

CHAMADAS E VISITAS. Os voluntarios contactan cada día por teléfono coas persoas en seguemento e visítanas dúas ou tres veces por semana. Nestes encontros poden axudarlles a facer a compra, algunha xestión ou, simplemente, escoitalas e manter con elas a conversa que precisan. 

Cruz Vermella tamén dispón de apoio psicolóxico, que se presta cando se estima necesario. Ademais, aos que poden utilizalos, facilítanlles medios telemáticos, como tablets, tanto para o seguemento mediante videochamadas como para darlles alternativas de entretemento. 

Remedios Fernández ten 89 anos e participa no programa Acompañámoste. A súa valoración non deixa dúbidas. "No hay gente más encantadora. Me llaman para preguntar si necesito algo, vienen a casa, hablamos, les enseño las fotos de mi familia, los recuerdos... y el día de mi cumpleaños son siempre los primeros en llamar para felicitarme. Siempre se acuerdan". 

Remedios valora os pequenos detalles. «A mí me gusta hablar con la gente, pero con eso de los virus ahora no voy a ninguna parte». Ten unha filla que lle insiste en que vaia vivir con ela, pero ela resístese. "Estoy mejor en mi casa. Aquí nadie me dice lo que tengo que hacer. Además, mi hija vive en Barbaín, está fuera todo el día porque va a trabajar y allí me muero de pena porque no veo a nadie. Yo vivo en el Rato y por aquí por lo menos pasa gente y puedo hablar. Mientras la salud me lo permita, prefiero estar en mi casa". 

BOA ACOLLIDA. A concelleira de benestar, Olga López, está satisfeita coa acollida que está tendo este programa. "Axuda moito contar cos voluntarios de Cruz Vermella porque ao principio a xente desconfiaba, pero en canto os ven a eles xa se lles quita o medo". 

Tamén é importante a colaboración do persoal das farmacias, dos centros de saúde e das tendas, que coñecen os veciños de cada barrio e poden detectar necesidades. 

MIRIAM MACIDE. A FARMACIA DE FINGOI.

Este foi o caso de Míriam Maside, da farmacia Fingoi. Comunicou un caso aos voluntarios de Cruz Vermella e "viñeron ao día seguinte". Considera que este servizo é moi necesario, mesmo para que os usuarios se dean conta das necesidades que teñen porque "ás veces nin o saben". 

Míriam alertou da situación dunha veciña "que vive soa e non ten familia. Pensamos que nin comía. Un día apareceu nun edificio que non era o dela... non estaba ben". 

Acompañou os voluntarios de Cruz Vermella ata a casa da muller e alí mantiveron o primeiro contacto. Días despois, sabe que a señora foi levada en ambulancia. "Creo que caeu na casa e que a levaron para o hospital, pero non soubemos nada máis", apunta. En todo caso, o seguemento desta persoa grazas á preocupación desta veciña facilitou a intervención dos servizos sanitarios

Farmacias, centros de saúde e tendas de barrio axudan a detectar casos de persoas soas que precisan axuda

E entre todos, pouco a pouco van avanzando no seu obxectivo. "O fin é destapar a soidade non desexada e que os servizos sociais teñan detectados os casos para poder axudarlles cando o necesiten. Algúns non son conscientes de que precisan apoio, pero en canto se empeza a traballar con eles ven a diferenza. Case sempre a necesidade é de socialización, ás veces tamén económica, ou as dúas xuntas", apunta Olga López. 

A concelleira de benestar está convencida de que este é o camiño: "No tema da soidade, os concellos temos que dar un paso adiante porque temos a vantaxe da cercanía, que nos dá máis facilidade que a outras administracións para sumerxirnos no eido social". 

SÓS NA ALDEA. E se a soidade non desexada é un problema en zonas urbanas, no ámbito rural acada a categoría de lei de vida. No 2020 había en Lugo 549 aldeas cun único habitante, a metade das 1.060 contabilizadas en Galicia. 

En Lugo hai 549 aldeas que teñen un único habitante, segundo os datos do Ine de 2020

Estas persoas non só viven soas na súa casa, senón tamén na súa aldea, sen posibilidade de falar cara a cara con ninguén en todo o día, a semana, o mes... 

O perfil destes solitarios correspóndese con persoas maiores que quedan soas porque os seus familiares e veciños emigran cara a zonas urbanas ou, simplemente, van morrendo. Viven en lugares illados, habitualmente con escasos servizos e dificultades de comunicación telefónica e por estrada. Son as vítimas da desestruturación do medio rural tradicional, que perde actividade, habitantes e casas con fume. 

A soidade para estas persoas é un hábito de vida, non sempre saudable. Pero o que máis os prexudica é a falta de servizos. En moitos casos, non teñen cobertura axeitada de telefonía, o acceso a internet é unha utopía e os cortes de luz no inverno son máis frecuentes que as conversas. O panadeiro non chega todos os días e a máquina quitaneves achégase de vez en cando, pero sen moita frecuencia porque é raro que alguén use esa estrada. Realizar un trámite burocrático é unha odisea. Non hai banco, nin oficinas administrativas, nin un bar. 

A deficiencia dos servizos no medio rural acentúa os efectos da soidade

A soidade é o prezo que pagan estas persoas por manter a súa liberdade, por seguir vivindo na súa casa mentres a saúde llelo permita. Non poden elixir, simplemente afrontan as consecuencias do declive do medio rural. 

En tempos de hiperconexión a través de internet, as manifestacións da soidade son cada día máis patentes e o reto das políticas sociais é conseguir que a ninguén lle falte un abrazo cando o necesite.                           

UN PROBLEMA AGUDIZADO POLA PANDEMIA
Confinamento 
► A pandemia de covid-19 agudizou os efectos da soidade. O confinamento illou moitas persoas e cebouse cos maiores, que tiveron que manter un especial distanciamento de fillos e netos para evitar riscos. 
► Un caso especial foi o das residencias de maiores. Os internos pasaron meses sen ver os seus familiares e ata hai pouco non podían manter contacto físico. En moitos centros tamén evitaron a interacción entre residentes, para reducir os riscos de contaxio. Esta circunstancia deteriorou seriamente a saúde mental de moitas persoas. 

Non só maiores 
► A soidade nociva non é mal exclusivo dos maiores. Hai que distinguir entre illamento social e soidade. Unha persoa pode estar acompañada e sentirse illada socialmente. Neste caso, a idade non é factor determinante. 
► As redes sociais teñen dobre fío: axudan a contactar coa xente, pero son perigosas cando ese contacto se converte no único existente. Hai persoas soas que se refuxian no mundo virtual e buscan nel o que lles falta na vida real. Isto pode ter consecuencias graves na súa saúde mental. 
► Son significativos tamén os casos de nenos que viven sós nas aldeas. Teñen adultos ao seu redor, pero cando non van á escola poden pasar moitos días sen ver outros nenos. É un tipo de soidade común no rural.

Comentarios