lunes. 19.04.2021 |
El tiempo
lunes. 19.04.2021
El tiempo

"En 60 anos pasamos por moitas crises, pero creo que ningunha foi coma esta"

Pepe Solla. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
Pepe Solla, este sábado, no seu restaurante. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
O cociñeiro, que pertence ao Grupo Nove e conta cunha estrela Michelin, reabriu onte as portas do seu restaurante coa axenda de reservas practicamente chea para toda a Semana Santa

O primeiro servizo de 2021 chega para Pepe Solla xa entrada a primavera. Pechado dende novembro por mor da pandemia, o restaurante Casa Solla, unha estrela Michelin, reabriu onte as súas portas. Neste tempo mantivo activas as entregas a domicilio, pero asegura que botaba de menos volver a ter ao público no seu comedor. Por iso confesaba estar nervioso e emocionado.

Compartiu en redes sociais a súa emoción e os seus nervios pola volta. Este ano está a ser unha montaña rusa.
Foron moitos meses pechados, dende novembro, e con moita incerteza. Queriamos ter aberto en Nadal, logo non puido ser... Estabamos sempre pendentes. Agora tiñamos xa moitas ganas e necesidade moral incluso. Precisamos recuperar a actividade porque se estaba facendo moi duro.

Como se presenta a Semana Santa? Teñen reservas?
Nós podemos dicir que se presenta moi ben, estamos cheos xa case todos os días. Quédannos moi pouquiñas mesas. Dentro das limitacións que segue habendo, como que non podemos dar ceas, estamos contentos. Notamos o cariño do público. Hai moitas ganas e moito apoio por parte da xente, había quen incluso chamaba porque quería estar o primeiro día que abrísemos. Iso é moi de agradecer. É moi bonito.

Neste tempo que estiveron pechados recibiron ánimos da clientela?
Si, e moitas veces, desgrazadamente, tamén tivemos que cancelar reservas porque contabamos con poder abrir e ao final non podía ser. Tivemos que ir reprogramando reservas.

JAVI  Casa Solla. Volta a actividade despois de estar pechados dende novembro. Foto do equipo traballando e tamen de entrevista a Pepe Solla. Entre as 13.30 e as 16.30, cando poidades.Puxéronse dalgún xeito de acordo os cociñeiros do Grupo Nove para poñer unha data na que abrir?
Non houbo ningún tipo de acordo, cada un toma as súas decisións neste ámbito. Iso tes que decidilo ti en función das posibilidades que teñas. Supoño que todos tiñamos ganas e agora vimos a posibilidade ao chegar a Semana Santa para poder abrir.

Aproveitou este tempo pechado para experimentar algún plato novo ou renovar a carta xa que non había traballo de cara ao público?
Por suposto que si. Sempre adicamos tempo a cousas que son necesarias e fundamentais como seguir investigando. Pero é certo que tiñamos certa incerteza porque nós traballamos con produtos temporais e ata que tivemos datas claras para poder abrir non puidemos saber nada concreto. Necesitas ter as datas para saber con que produtos podes contar, é algo moi inmediato. É certo que tamén estivemos activos con tema do delivery.

Cales son entón os produtos ou platos que destacaría nesta Semana Santa?
Os produtos que a nós nos apetecen e nos emocionan moito son, por exemplo, o guisante lágrima ou o espárrago branco. Tamén é unha tempada fantástica de rodaballo, aínda temos lamprea... Sempre hai produtos moi de tempada que queremos aproveitar.

A limitación da mobilidade entre comunidades autónomas aféctalles moito?
Por sorte, nós temos moito público galego. O que nos afectaba moito eran os peches perimetrais. Unha vez que se permite o movemento dentro de Galicia decidimos abrir. Con esta relaxación nas restricións xa temos público suficiente. É certo que temos tamén clientela en Pontevedra, pero non a suficiente como para manter a toda a plantilla, que é grande. Eu, aínda que abra só a mediodía, preciso ter a toda a plantilla comigo traballando, por iso faise imprescindible contar cunha masa de clientes que, por sorte, temos en Galicia. A proba está en que foi abrir reservas e practicamente se completou todo. Por suposto que nos gustaría que houbese mobilidade entre todas a comunidades, que chegará algún día.

Nun ano normal, antes da pandemia, que porcentaxe de clientela era galega, española e estranxeira?
Depende moito das épocas. En períodos vacacionais claro que tes moita xente de fóra de Galicia, pero o resto do ano temos moitos galegos. Vaise repartindo ao longo do ano, dependendo da época. Non sabería dicir as porcentaxes. O público estranxeiro é do que menos hai, algunha persoa relacionada co Camiño de Santiago, pero pouco máis.

Para abrir é imprescindible contar cunha masa de clientes que, por sorte, temos en Galicia

Dicía en redes que hoxe é o día un do ano sesenta. Está Casa Solla de aniversario?
Xusto. Neste ano chegamos aos 60 anos, entón o de hoxe (por onte) é o primeiro servizo do ano 60, porque levamos pechados dende novembro de 2020. Pero aínda non foi o aniversario porque cumprimos o 16 de novembro, que foi o día que abriu Casa Solla.

En 60 anos habería dificultades, pero algunha foi coma esta?
Sempre hai momentos difíciles. Xa podes imaxinar que en 60 anos pasamos varias crises, épocas complicadas e outras máis fáciles. Pero por moitas que houbera, esta creo que foi a máis difícil porque nunca tiveramos que enfrontarnos a un peche forzado. Foi unha circunstancia nova pola que non pasaramos nunca, e especialmente difícil para nós e tantos outros locais.

É vostede optimista de cara ao verán?
Eu creo que si. Está claro que nos quedan meses duros. Vémolo todos os días nas noticias, isto seguirá sendo un carrusel de subidas e baixadas. Ata verán, como mínimo, vai ser así. Aínda que cada vez, por sorte, os peches serán menos graves, ou alomenos iso é o que penso eu. As vacinas, malia os problemas que hai, de se chegan ou non chegan, van ser a solución a todo este ano parados. Penso que, aínda que o virus non está vencido de todo, o peor xa pasou. 

"En 60 anos pasamos por moitas crises, pero creo que ningunha foi...
Comentarios