"Non é contraditorio o beneficio coa discapacidade no ámbito laboral"

A xornalista do diario El Progreso de Lugo Sabela Corbelle recolleu este xoves en Santiago o premio Cegasal de Periodismo á mellor información de economía social en prensa escrita

Sabela Corbelle recibiu o premio de mans do conselleiro Francisco Conde. AGN
photo_camera Sabela Corbelle recibiu o premio de mans do conselleiro Francisco Conde. AGN

LUGO. A xornalista do diario El Progreso de Lugo Sabela Corbelle recolleu o xoves en Santiago o premio Cegasal de Periodismo á mellor información de economía social na categoría de prensa escrita e dixitais. O galardón, que concede a Asociación Empresaria Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro, en colaboración co Colexio de Xornalistas, foi entregado nunha gala no Hotel Puerta del Camino.

A reportaxe realizado por Sabela Corbelle, "Veinte años creando valor humano", publicada no diario El Progreso de Lugo o pasado 22 de abril, pon o foco nun dos centros de Cegasal, Granfico, e dálles voz a varios dos seus traballadores con discapacidade.

Na súa intervención ao recoller o galardón, Corbelle deulle as grazas á organización e tamén ao diario El Progreso, «que represento».

Explicou que elaborando o traballo premiado, «saíron á luz expresións pouco frecuentes nos xornais e tamén entre a sociedade. Como, por exemplo, "valor humano" ou "economía social"», dixo. «Parece contraditorio poder falar en térmos económicos e sociais á vez, falar de beneficios e de entidades sen ánimo de lucro, falar de discapacidade e de sobrada capacidade demostrada cunha estabilidade laboral na mesma empresa de vinte anos», suliñou.

Neste sentido, incidiu que esta realidade, non obstante, «non é contraditoria, posto que se pode falar de entidades sen ánimo de lucro que xeran beneficios, non só económicos, senón tamén sociais e persoais; como tamén se pode falar de discapacidades que non son ningún impedimento para lograr un compromiso co traballo».

Por outra banda, segundo Corbelle, téndese a entender os conceptos de riqueza e beneficios só en termos económicos, en diñeiro. Pero hai outras cousas que proporcionan tanta riqueza como os cartos. «Aí entramos no que é economía social».

Ángel Luis, un dos empregados de Grafinco e protagonista da reportaxe, sabe ben que é isto da economía social. Sabe que erguerse pola mañá para ir traballar non só significa cobrar un soldo a fin de mes, senón que significa sentirse útil nunha sociedade no que a etiqueta de discapacitado supón «aínda unha barreira para atopar emprego», dixo Corbelle. «Quizais ese sorriso de Ángel Luis ao dicir que se lle abriu o ceo cando entrou a traballar en Grafinco forme parte dese concepto de economía social que Cegasal está a promocionar con este premio xornalístico», enfatizou.

Comentarios