Yolanda Díaz Gallego presenta as súas memorias en Sarria "con Galicia no corazón"

'Decidín desvelar o proceso', o novo libro da histórica galeguista sarriá, conta a súa historia de emigración en Uruguai dos 50 aos 70
A sarriá Yolanda Díaz Gallego (no centro) durante a presentación do seu libro na casa da cultura. C.F.R.
photo_camera A sarriá Yolanda Díaz Gallego (no centro) durante a presentación do seu libro na casa da cultura. C.F.R.

A menos de dous meses de cumprir os 90 anos, a histórica galeguista sarriá Yolanda Díaz Gallego presentouo pasado venres en Sarria Decidín desvelar o proceso, un libro que conten as súas memorias de vida, e que, á súa vez, reflicten a memoria de toda unha xeración de galegos emigrados no Uruguai durante a década dos 50 aos 70 nun tempo no que Díaz Gallego, en palabras do xornalista Xulio Xiz, "foi clave nun momento no que precisabamos compromiso pola terra, e foi ademais unha muller nun mundo de homes", comezou alegando o editor de Egeria, que quixo enxalzar a figura da sarriá por "loitar entón e difundir agora o gran traballo que houbo durante moitísimos anos fóra de Galicia".

Así, o concelleiro de Cultura de Sarria, César No, que presentou o acto e quixo agradecer á escritora e activista "o seu labor e a súa dedicación», deu paso seguidamente á protagonista da cita, que comezou a súa intervención dicindo que, en lugar de «predicar", ela prefería "deixar que o sentimentalismo fale".

E é que Díaz Gallego, que se mostrou moi emocionada ao longo de toda a presentación por poder preparar un encontro coma este na súa terra natal, quixo dar a benvida "aos meus irmáns na terra". "Aquí nacín e aquí comecei a pensar e a soñar, por iso nunca esquecín Sarria a ás súas xentes", dixo a activista, que actualmente reside en Barcelona e que alegou que o seu libro, que recolle as vivencias "dun tempo de loita, moito esforzo e presencia combativa», foi escrito, en todo momento "con Galicia no corazón".

A sarriá comezou explicando que ela sempre tivo que facerse paso nun mundo masculino, o que xa aparece ilustrado na portada do propio libro, onde se ve á autora rodeada dos 126 homes que traballaban xunto a ela no Banco de Galicia de Uruguai.

E é que a autora formou parte activa do proceso de fundación das diversas institucións, organismos e actividades culturais que se constituíron en Uruguai nun momento no que miles de galegos deixaron a súa terra atrás en busca de oportunidades e saídas. "No libro conto todo o que vivín e o que fixemos sen paternalismos, simplemente entrégolles a miña historia de compromiso durante a emigración galega a América", dixo a sarriá, que afirmou que ela sempre presumiu de ser galega nun momento no que "era máis que preciso buscar o respecto que mereciamos e loitar por el sen miramentos".

Ademais, a activista destacou Uruguai como "berce do civismo e do ensino laico, público e gratuíto", ademais de ser unha parte "fundamental na miña vida", pois alí coñeceu ao seu marido, fillo de pais galegos emigrados, e onde logrou forxar unha vida rodeada da súa "familia querida".

Logo da súa intervención, que rematou ao berro de "saúde e terrra", a expresión empregada nas xuntanzas galeguistas no Uruguai, a xefa territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Sagrario Sánchez Ramil, agregrou que "é un pracer poder escoitala hoxe aquí e formar parte deste bonito proxecto".

"Estoy muy orgullosa de formar parte de dos culturas"

A filla da activista sarriá, Suevia Rodríguez Díaz, tamén asistiu ao acto de presentación das memorias da súa nai en Sarria, á que quixo agradecer "su enorme dedicación y compromiso a lo largo de los años".

Suevia, que naceu en Uruguai a cablo de dúas culturas, asegurou estar "muy orgullosa de formar parte de ambas", e é que ela foi parte activa xunto aos seus pais de todo tipo de acto cultural celebrado no seu país natal, o cal deixou atrás aos 13 anos cando a súa familia se asentou en Barcelona.

Tal e como explicou a autora do libro, Suevia vén de Celta, un nome que desbotou entón polo seso de Uruguai, pero que finalmente mesturou con Suevos, a aldea dos avós paternos para "tirar para a casa".

Comentarios