Xurxo Souto recibe o Facer País polo seu labor a prol da cultura galega

O xurado do premio valora o traballo do músico para difundir entre a mocidade a lingua e a cultura propias. A entrega será en Láncara o 2 de novembro, aniversario da creación do bravú
photo_camera Xurxo Souto. EP

O premio Ramón Piñeiro, Facer País, convocado pola asociación cultural Val de Láncara, vén de recaer no músico e escritor Xurxo Souto en recoñecemento ao seu labor de difusión da cultura galega entre a mocidade.

A entrega do galardón, que este ano acada a maioría de idade, terá lugar en Láncara o vindeiro 2 de novembro, o mesmo día que se conmemora o 25 aniversario do nacemento do rock bravú, tal e como lembrou Xurxo Souto.

"Emocionado e inmensamente agradecido" pola concesión deste premio, o músico quixo compartilo con todos aqueles que dun ou doutro xeito puxeron en marcha un xénero musical en Galicia que marcou a toda unha xeración.

O xurado valorou de xeito especial o "entusiasmo e a forza" coa que Xurxo Souto "fai país reivindicando a lingua e a cultura, e contribuíndo a que os demais, sobre todo a mocidade, as valoremos como parte fundamental da nosa identidade como pobo".

Tamén fixo fincapé na faceta do galardoado como vocalista dos pioneiros Diplomáticos de Monte Alto ou no seu traballo como locutor de radio, "dirixindo espazos de referencia para espallar a música galega entre a mocidade".

O premio Ramón Piñeiro é concedido por unha vintena de asociacións culturais da comarca de Sarria, val do Neira e do Corgo, cuxa labor puxo en valor a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro. O fallo deuse a coñecer onte no organismo provincial, no transcurso dun acto no que tamén participaron o secretario da asociación cultural Val de Láncara, Carlos López Sierra; o mestre Xurxo Rodríguez, quen exerce no colexio Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao; Luis López Melle, en representación do colectivo Ergueitas, e o deputado Efrén Castro.

"Estou emocionado, feliz e agradecido de que se considere que o meu humilde traballo pertence ao rego de facer país"

A entrega do Facer País, que non ten dotación económica, reunirá en Láncara a representantes do mundo da cultura de Galicia. Tras unha recepción no Concello, Xurxo Souto recollerá o galardón de mans dos anteriores premiados, a familia Seivane, pola cal asegura sentir "devoción".

Nunha primeira impresión tras coñecer o fallo do xurado, Souto amosouse "moi feliz" pola concesión dun recoñecemento que "parte das asociacións" e que leva o nome de Facer País. Neste senso, sentiuse honrado "de que se considere que o meu humilde traballo pertence a este rego". Subliñou tamén o "prestixio" dun galardón "que lle deron a xente moi destacada" e non puido menos que celebrar a coincidencia co aniversario da creación do movemento bravú, grazas ao cal "agora hai unha xeración que medrou co rock".

O músico suma o seu nome a unha longa lista de premiados co Facer País, que comezou aló polo ano 2002 con Isaac Díaz Pardo e que tivo continuidade con Luis Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, o diario A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a Real Academia Galega, Mini e Mero, Agustín Fernández Paz, a Mesa pola Normalizacón Lingüística, Marica Campo, Basilio Losada, Margarita Ledo, a asociación cultural Xermolos e, no 2018, a familia Seivane.

Comentarios